21 de jul. de 2008

Máquinas de sandar

Busquei no diccionario, coma sempre fago ao escribir, se a palabra quirófano estaba ben escrita deste xeito en galego. Estaba, certamente. O caso é que na frase que se engade como exemplo para reforzar o sentido di: “A operación foi sinxela: só estivo media hora no quirófano”. Eu estiven en total tres horas e media. Foi o venres. E penso que o tempo de estadía non sempre será sinónimo de complicación.

A primeira vez que entrei nun quirófano foi para parir ao meu fillo. Daquela, pensaba eu que parir é parir e as cesáreas son un xeito de nacer pero non de parir. Agora penso distinto. Foi en setembro do ano 2004, o hospital non permitía que os homes acompañasen ás mulleres nunha cirurxía desta clase pero a doutora Ortega permitiu que o pai de Santiago -e o meu anxo da garda- estivese alí, apertándome, dándome azos, dicindo que todo estaba ben.

Os médicos escoitaban música. E falaban. Cotilleaban sobre alguén, rían. Coma calquera no seu traballo, digo eu. E a min chamoume a atención tanta normalidade.

O venres estiven soa. Non era unha cesárea, non había neno, non estaba o meu home, e eu tiña moito moito medo. Unhas instrumentadoras colléronme a man. Un contacto humano, unha maneira da compaña. O cirurxano dixo que non era nada, que se cadra podía marchar á casa esa noite. E chiscou un ollo.

Toca agardar. E andar con coidado co brazo esquerdo. O malo do ateísmo relixioso e científico é que, claro, vemos máis aos homes e ás mulleres que aos todo-poderosos médicos que nos poden salvar a vida. O bo do ateísmo relixioso e científico é que había homes e mulleres aos que ver. E non só máquinas de sandar.

28 comentários:

Ghanito disse...

Moita sorte co resultado e a ver se chega axiña. ;-)
Unha aperta

Cuspedepita disse...

Déborah, agardo que te esteas recuperando ben e que poidamos vernos (outra vez) o día 2 no Tortoni.
Para daquela fará pouco máis dun ano que estivemos xuntas en "Mar por Medio" e ti trouxecheme un paquetiño de alguén que estará connosco tamén o día 2 :-))
Eu pasei por unha operación en decembro e entendo moi ben o que dis. O meu home saiu media hora para levar a miña baixa ao meu centro de traballo e xusto nese momento viñeron por min para baixar ao quirófano. Tiven que recurrir a toda a miña forza para non botarme a chorar porque me sentín terriblemente soa baixando naquela camilla, sen gafas, indefensa...
Por sorte o rapaz que a levaba era agarimoso o ciruxano tamén... da anestesista prefiro non falar...
Que todo vaia moi ben :-)
Apertas

paideleo disse...

Que todo vaia ben.
Eu " pasei polo coitelo " ( forma humorística da nosa xente para falar dunha operación quirúrxica ) por unha fimose e estaban todos tranquilos escuitando música.
Un saúdo e ánimo.

Suso Lista disse...

Xa sabes, a coidarse moito, e a teclear solo ca man dereita. Eu estuven por unha operación de apéndice, e por unha de menisco. Moitimos bicos

Anônimo disse...

Ola Débora:

Eu estiven no quirófano o 13 de decembro pasado por unha hernia inguinal.

O anestesista estivo moi ben, fixo o parvo para que eu non tivera medo e o doctor traballou ben (creo) co "coitelo"

Agardo que axiña esteas ben.

Unha forte aperta.

Antón de Muros.
Galego en Bos Aires.

Elianinha disse...

Moitísima sorte, cun lote de mimos que é o que fai falta nestes momentos, en voo directo Santiago - Bos Aires.

Bicos

condado disse...

Un momento de saudade é acordar do meu despertar no hospital municipal de Barcelona despois dunha operación, unha enfermeira apertaba a miña man e sorría falando baixiño mentres eu regresaba. Cando llo agradecín dixome que era o seu traballo... Dende entón creo nos anxos con nómina...
Forza!!

Torreira disse...

Bicossssssssss...coídeseme babel!

fgul disse...

...pois desexarche moita sorte, muller. Raro é o que non pasa polo quirófano a día de hoxe. Antes ou despois... o auto ten que pasar revisión... Aínda así, se a cousa saíu ben pois mellor que mellor.

Por certo; ti andabas á percura da palabra Quirófano non?? ...pois non te podes imaxinar o traballiño que pasei eu para saber se "Electrocardiograma" era correcto en galego (por non falar de palabras como "púlsar" ou "watio" que, por certo, é incorrecta, esta última, no idioma pátrio)

Unha calurosa aperta!!

llll disse...

mándame o teu enderezo personal ao meu mail, anda, que quero enviarche un paquete dende hai unha chea de tempo...

cartafoldesilencios@yahoo.es

beijos... todos... escribireiche entón...

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Bicos e unha aperta desde Vigo.

Clara Flor disse...

Hai un ano chegaba torredebabel a esta parte de Galiza, a do territorio, porque ela xa vive na portátil, na da identidade....por eso botámoste de menos e desexamos que te mellores. Tu nous manques!!!

Lúa disse...

moitos bicos, agarimos, ánimos e apertas...eu pasarei por unha desas en breves .....sniffff.
Bicos!!!!!!!!!!!

SurOeste disse...

Ánimo!

Marinha de Allegue disse...

Ben sabes do meu paso polo quirófano, sei como te sintes minha benquerida amiga...

Unha aperta grande grande, sanadora aderezada con calma agarimo e enerxía.
:)

A lareira de Santiso disse...

Moita forza, que aflore, que xa sabemos que a tes

A Conxurada disse...

Agardo que te recuperes pronto. Un beijo

Mr Tichborne disse...

Recupérate axiña. Un bico.

Roi Buligan disse...

Pois eu tiven a sorte de non ter que entrar nunca nun quirófano pero xa o ambiente hospitalario me impón respeto, medo, indefensión, mesmo para facer unhas radiografías...así que dado esas condicións nas que calquer ser humano se ve fráxil e cheo de incertezas é bon que o médico/a lembre que fai falta un chisco dun ollo, unha aperta, unha palabra amable que compense o medo da enfermidade...
boa recuperación rapaza

Anônimo disse...

Unha aperta, e coidese moito.

Anônimo disse...

Coidesenos moito, torredebabel, que o importante non é no que se crea, senon que esa crenza nos axude a sacar forza de nos mesmos.
Unha aperta.

Anônimo disse...

Se os "matasáns" aparentaban normalidade é que todo vai ir ben, se non, terían cara de can. Ánimo e moita sorte.

Ana Bande disse...

Un bico sen anestesia dende Vigo para que se recupere axiña.

Anônimo disse...

Que te recuperes axiña. Unha aperta.

besbe disse...

un bico e unha aperta e cando volvas, volve ben.

Son Unha Xoaniña disse...

Unha aperta e un bico ben grande que de seguro axudarán a túa recuperación.
Bicos.

Veloso disse...

Como estás, Débora? Espero que xa moi recuperada e en plena forma. Unha aperta moi forte e moito ánimo, que xa pasaron as horas do quirófano. Ah, cando poidas, mándame ao meu correo electrónico un enderezo ao que che poida enviar unha cousa.

torredebabel disse...

Quero darvos a grazas pola compaña, polos azos, pola enerxía e os ánimos que atopei nesta pequena fiestra que abrin nestes días. Hai médicos que melloran a saúde. Hai drogas que melloran a saúde. Hai xentes que melloran a saúde. Eu tiven médicos, alguns remedios pero sobre todo moita xente.

Grazas a Ghanito, Cuspedepita, paideleo, Suso Lista, Antón de Muros, Elianinha, condado, Torreira, Manuel L. R., sara jess, ARUME DOS PIÑEIROS, Clara Flor, Lúa, SurOeste, Marinha de Allegue, A lareira de Santiso, A Conxurada, Mr Tichborne, Roi Buligan, Doutora Seymour, F. Míguez, paidovento, Ana Bande, vakastolas, besbe, Rifo I de Zeuquirne, Veloso.

Grazas de corazón. As vosas verbas foron sen dúbidas sanadoras.