1 de set de 2008

Milanesas

Se llo preguntades a calquera neno. Se llo preguntades ao primeiro home que camiña pola rúa. Se llo preguntades aos camareiros afeitos a apuntalo na memoria. A comida preferida neste recanto do mundo non é nin o asado, nin as empanadas do norte, nin o cordeiro patagónico, nin as pastas ou a pizza. O que todos queren, o que sempre se pide, o que sempre temos no freezer son as milanesas.

De vaca ou de pito, as milanesas non son máis cunha lámina de carne bañada en ovos e logo en pan esmagado para, finalmente, fritilas no aceite dun lado e do outro. Hai quen escolle facelas de bola de lomo e hai quen merca só cuadrada. Hai quen as fai da pata do pito e hai que non as come se non son do peito, aquí chamado pechuga. Na casa, os ovos mesturábanse con leite para non gastar tantos. Outros tamén empregan fariña e hai quen adoita condimentalas con allo, perexil e pementa.


As milanesas cómense con patacas fritidas, para ben ser. Pero cun puré de patacas (ou de patacas con cabaza), cunha ensalada ou mesmo só con ovos fritidos tamén vai. Se se lle mete tomate, xamón e queixo por riba e se quenta no forno, chámase milanesa a la napolitana. E nos tempos da vida light, existen as milanesas de soja, as milanesas que non se cocen no aceite e tamén as milanesas de peixe.

Os meus nada sabían das milanesas cando saíron do Porto de Vigo. Por iso, cando chegaron ao comedor do barco para cear e atoparon ese anaco de carne envolvido en pan, Pepe achegouse á nai e aos irmáns pequenos e dixo alporizado: "Non comades isto que é carne de cabalo!!". Logo, explicou que vira como algúns cabalos eran subidos ao barco e por iso -deduciu el- aquelo que tiñan diante nos platos non podía ser outra cousa que a carne dura deses animais, disimulada co pan.

Os pequenos, coma sempre, non atenderon aos seus razoamentos nin indicacións e comeron canto quixeron do asunto ese que sabía de perlas. Pero a nai non. "Cachicha! eu non quería comer carne de cabalo!!", lembraba décadas despóis Gerónima o noxo que sentiu coa idea de meter aquelo pola boca. Ainda tiña algunhas semanas por diante, de agua salgada e paciencia, para chegar a Bos Aires e saber das milanesas.

17 comentários:

Elianinha disse...

Que historia tan bonita.

Marinha de Allegue disse...

Pois eu tenho que admitir que me gustan as milanesas en tódalas variedades. De feito tanto a milanesa coma a tortilla eran as comidas preferidas para levar á praia cando era pícara.

Unha aperta grande chula.
:)

sihomesi disse...

David Corral, un dos fotógrafos da revolución cubana (o que fixo a foto da cabalería entrando na Habana), fillo de galegos de Lugo, contoume nunha entrevista que os seus pais, en toda a súa vida na illa, nunca se afixeron a comer millo: "Eso es para los cochos", dicíanlle, sen saber que na mesma Galicia, a poucos quilómetros, facíase broa, empanadas...

paideleo disse...

Un dos maiores cambios que topa un cando emigra son as comidas e así cando eu dicía en EEUU que comía polbo púñanme cara de noxo...e eles comen esquíos !.
Cachicha na nosa zona é a merda das galiñas e sei que por Portugal é unha expresión de noxo.
Un saúdo.

FraVernero disse...

Haw, haw... carne de cabalo!

Aínda nunca probei...

Non pensara eu que a milanesa fora tan popular na zona porteña, anque sí as boas carnes. A miña imaxe culinaria da cidade, amén dese vicio confesábel que é o dulce de leche (uns pasteleiros arxentinos instalánronse por Caldas fai un tempo e teño mercado doces deles alí) está sacada do video 'Zizek!', cando este, despois de dar conferencia en Bos Aires, pide (de feito) unha milanesa nun restaurante...

O Raposo disse...

Estanme entrando ganas de comer e eso que ceei non fará duas horas!

Zerovacas disse...

mmmmm, milanesas
Debe ser o recordo máis profundo da miña infancia, as milanesas que me facía miña nai e miña avoa

Pau disse...

Que boas que están. Curiosa a historia pero un razoamento moi lóxico o da señora Geronima

Doutora Seymour disse...

Pepe tiña algo de razón, coido que non hai carne que unha milanesa non poda salvar. Porén, se a base é boa, que boas están as milanesas... teño fame...

Alfredinho disse...

Nunca pensei atopar unha entrada falando de milanesas, pero dende logo... cántas lembranzas da infancia pode traer un simple filete empanado.

Saúdos!

paidovento disse...

Pois será un prato típico por aí, pero por aquí o seu consumo, se non típico, é abundante.
Lembro que na miña época de estudante en Compostela (xa choveu dende aquela) aínda comín unhas cantas. Había un bar na praza de Vigo que che puña unha montaña de patacas fritas e no cumio, a milanesa. Non sei se sería a fame, pero a min sabíame a gloria.

Mr Tichborne disse...

Ainda que haxa por todas partes (por onde eu vivo son Schnitzel) sei que os arxentinos devecen polas milanesas.
Normal, coa boa carne que teñen.

Ex Traño disse...

Non sei que pensaran en milán do nome que lle puxemos aos filetes empanados...
pero está claro que na nenez e na adolescencia son unha forma maravillosa de desfrutar da carne, aqui moitas veces usan a carne de menor calidade ou presencia por teren nervaduras pra disimulala na hosteleria, e ainda asi ten moita aceitación....
un saudo a agarimoso dalguen que anduvo perdido e volveu a atopar o camiño deses fios invisibles
apertas

Cuspedepita disse...

A min gustaríanme anque fosen de carne de cabalo :-))
Non sei se haberá algún neno ao que non lle gusten, creo que non :-)

Antón de Muros disse...

Pois na miña casa mercamos "nalga" (nin bola de lomo nin cuadrada)

Ahhh! e non as facemos fritidas, senón ao forno ;-)

Saúdos porteños :-)

Antón.

Herbas de Prata disse...

Temos un conto familiar que di que hoxe, a Galicia so se come "Milanesas con patatas fritas"
Cuando viajó mi hermana a Galicia, en todas las casas de la familia que fue a visitar, la estaban esperando con "Milanesas con patacas fritas".
Será la mágia del "ida e volta"?
Bicos, Gaby

LM disse...

ai...eu tive a ocasiom de provar as milanesas feitas por argentinos e nom sabem como as de cá. o tio nico fez-nos umas napolitanas que tavam para chupar os dedos e as dedas. snif! quantas saudades... beijos