30 de nov de 2008

Dionisia


Dionisia López Amado
1928-2008

“Morreu Dionisia”. A voz triste, apagada pola pena, espallouse por ducias e ducias de teléfonos e móbiles, nunha fin de semana apocalíptica, na que un dioivo caeu sobre a cidade de Bos Aires. Se cadra, houbo quen recebiu a espantosa nova con sorpresa, con pasmo. A morte estivo sempre nas antípodas da vitalidade da galega Dionisia López Amado, integrante das Nais da Praza de Maio e fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españoles, que levaba máis de 30 anos buscando ao seu fillo Antonio. Outros sabían do malestar repentino na metade da semana, da consulta aos médicos, da peritonite e da gravidade do posoperatorio.

Dionisia López Amado falaba con enerxía e sorría con picardía. Tiña unha voz na que o fume do tabaco deixara un ronroneo que, no seu falar, era agarimoso. Cantaba con ledicia e non era extraño vela bailar nos actos e festas da colectividade galega en Bos Aires. Amiga, confidente, nai de todos e avóa dos mais novos. Dionisia foi unha homenaxe á vida ao longo de 80 anos. E vivirá, dende logo, máis alá das circunstancias do seu corpo. Porque a vida é moito máis cunha chea de órganos. É un compromiso.

5 comentários:

Mr Tichborne disse...

E se o compromiso vive, Dionisia tamén. Descanse en paz.
Unha aperta

Antón de Muros disse...

Que descanse en paz.

Unha aperta.

Antón.

Cuspedepita disse...

Fermosa homenaxe a que lle fas.
Polo que dis foi unha gran muller, chea de vitalidade, que quedará para sempre na lembranza de todos.

Apertas

albixoi disse...

Igual que os anteriores, súmome ao teu fermoso post. Agora é a nosa vez para facer que o seu legado non se esqueza nunca.

paideleo disse...

As nai da Praza de Maio merecen máis ca un monumento. Son un exemplo de amor e valentía de nai que non se repite demasiado.