25 de fev de 2008

Desvelo

Puido ser o motor dun coche ou o falar dalguén na rúa. Non o lembro con precisión porque o único que recordo é que acordei na metade da noite por algo indefinido, un ruido, un son infrecuente que rachou a arañeira dos meus soños e me deixou náufragando no océano do insomnio.

Quen sabe que horas serían. Claro, iso tanto ten porque, como dí unha canción da Bersuit, pola noite a soidade desespera. E quen está desvelado, sobre todas as cousas, está só.

Para loitar contra o oco e o baleiro, din en escoitar. Escoitar a noite de Bos Aires no meu barrio. Soou a banda musical da avenida General Paz, unha autovía que aperta a cidade e sinala os seus confíns de vaidosa urbe civilizada... ou iso queren creer moitos. Soou a tose dun camión -se cadra tan desvelado coma min- e soou unha radio na que ata a música que pasaban semellaba adurmiñada. Soou a pregaria tardía do can dalgún veciño e a resposta doutro, afastado, se cadra un animal onírico e non real. Soaron dous ou tres taxis deses que veñen recalar nestas rúas serenas na procura dun descanso que lles prometa que non queda moito, que xa remata o choio, que virán tempos mellores. E grilos. Din en escoitar grilos. Pareceume irreal nesta natureza de cemento, un son case surrealista. Pero claro, agora non sei se os escoitei ou se, daquela, xa estaba a durmir de novo.

14 de fev de 2008

Misterios en clave galega

Pezas valiosas que desaparecen, escritores mortos pero que ainda escriben, o suicidio dun importante funcionario que non está moi claro, trata de persoas, o secuestro de Manuel Rivas, ou unha familia asasinada nunha aldea galega, son algúns dos misterios que comezaremos a desvelar dende o mes de marzo na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni.

O ciclo deste ano vai de policial e de novela negra na literatura galega. "Pensamos que, por unha banda, o traballo con novelas policiais e negras fará visibles fronte ao lector escenarios e problemáticas en parte ausentes nos textos lidos durante o ciclo pasado e, por outra, permitirá presentar un conxunto de textos e autores actuais nunca traballados formalmente en Bos Aires", explica a licenciada en Letras Andrea Cobas Carral, coordinadora do ciclo.

O percorrido por historias -as máis delas- actuais, a achega a autores novos que falan da Galiza de do hoxe en día, a ollada sobre problemáticas urbanas repetidas en calquera grande cidade pero tamén sobre crimes rurais e o fenómeno bravú, van abrir unha fiestra fantástica para asomarnos á terra tal e como ela é agora, digo eu. Será dende a nosa perspectiva de galegos na diáspora, de lectores formados na Arxentina, de herdeiros dunha tradición a dúas beiras.

Borges, Forcadela, Link, Reigosa, Borrazás, Malvar, López, Jaureguizar, Fernández, de Toro e Villar, son algúns dos nomes. Estades convidados!

6 de fev de 2008

Definición



«
Dúas cousas ten todo galego das que non pode renegar: unha aldea e un parente na diáspora»