30 de jan de 2009

Raimundo, as galiñas e os teros

Cando os meus marcharon de Ourense, antes de que abrise o día para non pasar pola pena de dicir adeus, levaban maletas, os billetes para subir ao barco Alberto Dodero, bastante medo e unha memoria poboada de animais. Eses compañeiros eran os protagonistas da meirande parte das historias da familia. Os momentos importantes, os mais felices e mesmo os durísimos, sempre tiñan como partícipe a algún animal.

Nada mellor para dar conta do estilo túzaro do avó Emilio que lembrar aquela vez mallou nun home na feira de Bande por un becerro. Se a miña avóa quería sinalar -con modestia dende logo- que tiña ela os ollos mais bonitos da familia, falaba dunha gata á que moito lle chamaba a atención a cor azul dese ollar. O conto de como a pequena Anita escapou do lobo e chegou chorando á casa porque o animal lle comera o aniño é dos momentos mais temibles e tenros da nosa historia. E ainda que morreu hai mais de 30 anos, o gato Raimundo semella que é cada día mais listo.



O arqueólogo Xurxo Ayán explica, na recensión do libro Os animais domésticos na Historia de Galicia, que o país “tense caracterizado tradicionalmente pola importancia que os animais tiveron e teñen na cultura e na forma de vida do seus habitantes”. Engade que o libro axuda a comprender mellor "o papel que teñen xogado os animais na conformación da nosa sociedade”.

Se é posible, a partir dos nosos bechos, dar conta da “complexa realidade mental do agro galego a comezos do século XXI, co seu conflicto entre Tradición e Modernidade” -segundo apunta Ayán- tamén pode ser posible pensar como esa mentalidade e esa tensión emigrou cos galegos e as galegas e se perviviu ou desapareceu alende o mar.

7 comentários:

Lúa Neghra disse...

Preciosa imaxe! Case é máis grande Raimundo ca ti :D Estes días, ao fío de Cortázar, deume por investigar a misteriosa conexión entre gatos e escritores... Hai unha relación de simbiose moi curiosa. :D

Suso Lista disse...

Os animais, eran parte da familia.Bicos

Marinha de Allegue disse...

Os animais son un membro máis da casa e da familiadígocho con certeza.
Fermosa foto!!!.

Unha aperta grande.
:)

Antón de Muros disse...

No medio rural os animais eran os compañeiros dos nosos devanceiros: cans e cadelas, gatos, porcos, vacas e bois, pitas e sigue a lista...

Moi boa foto.
Materializa a lembranza que vive no teu corazón.

Unha aperta.

Antón.

paidovento disse...

Supoño que esa comuñón entre homes e animais dáse en calquera parte do mundo, sobre todo se é rural. No caso galego, dende logo, os animais conformaban o grupo familiar. Bonita foto.

condado disse...

Estoume a dar conta da cantidade de cans, gatos e demais bichos que pululan pola rede... Non debe ser só galego nin rural o asunto...

Suso Lista disse...

Sei que andas moi liada ca campaña? Cóntanos algo de como vai todo por ahí. Bico