
.
Son filla de Rosalía. E non hai pinga de lirismo nisto que apunto. Dalgunha maneira, todos os galegos e as galegas somos fillos da poeta de Padrón. Todos xuntámonos debaixo dos seus poemas coma as vacas se amorean na sombra dos enormes carteis de publicidade na inmensa Pampa arxentina. Rosalía como o teito debaixo do que nós, os galegos do mundo, somos quen de atoparnos, de xuntarnos, de sentírmonos todos un.
Con todo, eu son filla de Rosalía dun xeito, ademáis, persoal. A miña nai chámase Rosalía. Como Rosalía tamén se chamaba a súa avóa. O nome non é común aquí. E se es unha nena inmigrante, non hai cousa que se desexe máis que a de ser común, como o resto. Nalgún momento, a miña nai, Rosalía, atopouse con Rosalía. Ainda gardo unha lembranza da miña nenez na que ela lee con énfase e paixón os versos de "Adiós, ríos; adios, fontes / adios, regatos pequenos / adios, vista dos meus ollos: / non sei cando nos veremos". Daquela, non fun quen eu de entender canto había dela nesas verbas, canto dicía e non lía.
Na lembranza da de Padrón, queda un momento deste manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega titulado No día de Rosalía de Castro e redactado por Teresa Moure.
« Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país "en que me eu criei", como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que
seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro.»
.