8 de abr de 2009

Outono porteño

.
Cheira o outono. Cheira a vento fresco e a sol. Nas rúas de Bos Aires, todo é agora outono e sen dúbida ese é o mellor vestido que ten esta cidade. Cada tarde, o sol pinta as casas dunha luz amarela e brillante que fai que todo o barrio semelle bañado en ouro. E os pasos, todos os pasos dados por todos os camiñantes, soan enriba dun tapete de follas que rexurde cada mañá. No outono de Bos Aires non faltan as flores lilas do Jacarandá. Unhas poucas, unha pinga delas, unha presenza. E como non vai nin frío nin calor, as xentes non saben cómo vestirse. Por iso, en xeral elas tremen porque esqueceron o saquiño de lá e eles camiñan abafados polo abrigo que alguén lles teimou que levasen. No outono caen os froitos da tila. Unha folla longa e protectora que aperta os fíos e as sementes da árbore. Cando a ponla os deixa ir, o cangallo abanea no aire dando voltas e voltas e voltas e así ata chegar ao chan.

.

10 comentários:

Sun Iou Miou disse...

Os tileiros sempre me devolven a unha infancia de flores estendidas a secar na farmacia do meu avó nun antigamente lonxe...

Antón de Muros disse...

Ben dito, Torre.
Así mesmo é o outono en Bos Aires :-)

Unha aperta.

Antón.

condado disse...

Non é a mesma, supoño, pero aquí tamén hai unha árbore que despréndese da semente da maneira en que o describes e de pequenos chamabámoslle avións... Sei que teu post recordará a Piazzolla, pero eu o lin escoitando un candombe e sona ben...
Un saúdo

Marinha de Allegue disse...

Coido que algún outono hei de estar en Bos Aires...

Beijinhossssssssssss primaverais.
;)

Torreira disse...

Troco primaveira pangalaica por outono porteño.bicos

vakastolas disse...

Aquí cheira a primavera. As margaridas case non deixan ver a herba, e as árbores empezan a recuperar a cor da vida emerxente. A luz vaise facendo máis intensa co paso dos días. Sabemos pouco o que é a noite. Ás veces chove, ás veces non. Os armarios son un caos. E en seis meses volveremos ao novo tránsito con esa luz amarela e brillante, e ese tapete de follas. Vida pura...

Anônimo disse...

Nuns poucos días encóntramonos ahí. Será para min un pracer coñecela persoalmente e tecer fíos de amizade na urdime do outono porteño.
Xabier

torredebabel disse...

Graciñas a todos vós polos vosos recordos e polos recendos da primavera galega. Para os que vos apetece un outono porteño na vida, estades convidados!! non vos vai decepcionar porque a cidade vólvese fermosa e calma. Iso sí, avisade que vindes así a ledicia dura mais!!!!

Para Xabier, que xa debe de estar arranxando a maleta, unha aperta transoceánica que -daquí a pouco- será in-situ e a maior das ledicias de coñecerte!!!! estamos agardando por ti e por Xosé e por Helena coma os nenos agardan aos Reis Magos: con goce e con expectación!!!

Apertas a todos!!!!

Chousa da Alcandra disse...

Que curioso ler o teu post, tan ben trenzado coma sempre, cando aquí acontece xustamente o contrario. Onte, nun deses meus paseos nos que case me acariña a vexetación que invade os camiños de pe, puiden percibir o arrecendo da primavera que esboura deste lado.
É coma un Libro Maior no que, cada folla que cae nese Debe Austral, incorpórase no Haber deste lado do mundo. Que nunca pare esta maxia. E que nos sexamos capaces de seguir sorprendéndonos con ela.

Unha aperta grande dende a primavera de Antas

A lareira de Santiso disse...

E en Santiso xermolan as cerdeiras...