16 de jun. de 2009

Resistencia / Disidencia

. Como calquera sabe, a internet vale para que os rapaces perdan o tempo e copien traballos para a escola. A rede vale para roubar cartos dos bancos, para ligar ou para ver o novo episodio de Lost antes ca ninguén. Pero a internet tamén vale para discutir e para debatir. Para buscar camiños e pensar o futuro.

O crítico cinematográfico Martin Pawley e mais preguntámonos ao longo dos días sobre o futuro próximo da cultura galega. É un debate mar por medio, a través do chat e que se enlaza con cinco horas de diferenza. É un debate que xurdiu dunha distinción semántica: tocan tempos de resistencia cultural para Galicia ou tocan tempos de disidencia cultural?

Martin prefire o concepto de disidencia. El explica o motivo: “O que me interesa é a idea de actuar á marxe, separarse dos camiños comúns -apuntou no chat-. É dicir, creo que agora máis que nunca hai que moverse, optar pola “vía cívica”, pola autoorganización, por facermos cousas á marxe do que nos deixe facer o Estado. E non porque goberne o PP, hai que facelo sempre”.

Na súa páxina dí máis: "Non se trata de deixar de esixir o que é xusto nin de renunciar á crítica razoada e consciente, exercicios básicos de cidadanía, senón de entender que agora non chega con berrar e laiarse. Que é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir".

Como non se trata só de ideas, Martín apunta exemplos concretos: “Hai asociacións facendo cousas moi interesantes -escribe-. Espazo Lectura en Gondomar, por exemplo. E terá que haber máis. Crearmos foros e espazos de debate, mais non só de debate, tamén de acción, e procurar recursos á marxe da administración. Non podemos estar permanentemente entregados a ela, pendentes de se terán “sensibilidade” ou non cara as nosas propostas”.

As palabras de Martín Pawley poden soar disonantes no contexto cultural galego pero, para o estilo arxentino non fai máis que retratar o modelo común de xestión cultural por fora do Estado. Dalgunha maneira, a Galicia e a Arxentina ofrecen mecanismos antagónicos e por tanto que se poden retroalimentar. Tamén aquí hai colectivos galegos que funcionan con éxito sen o financiamento estatal (nin dalá nin daquí).

Di él que a pregunta que cumpre facer é se hai espazo por fora dos ocos que o Estado reserva para esas cousas. E pon a consideración unha resposta: “Debe habelo. De feito, tradicionalmente as máis valiosas accións naceron do asociacionismo, da organización cívica… na España dos anos 70-80, houbo moitos colectivos argallando cousas potentes”.

No que coincidimos é que os tempos son chegados. Dende a resistencia ou dende a disidencia. Toca sair á rúa, facer o que pensamos que debe ser feito, deixar atrás a poltrona do espectador e coller o traxe de actores da nosa propia cultura. Ti que sabes facer? Ti que pensas que cumpre facer? Anímaste a buscar a outros que pensen coma ti?

De resistencia e de disidencia. Da cultura galega. Ainda que os xornais pouco falen disto, a internet tamén vale para buscar camiños e pensar o futuro.

Cadro: Matemáticas - serie de los no conjuntos, Juan Meliá
.

8 comentários:

paideleo disse...

Hai que encher todo de galego: a interrede, as conversas diarias...todo.

AFP disse...

Quando a opressom é um feito, resistir é um direito. Nós Sós!

condado disse...

Síntome tamén disidente, máis ou menos igual que hai dez anos, e que o ano pasado, a cultura de bote -Jess dixit- produce fricciones. Un saudo

Suso Lista disse...

Gústame como o dí Martín Pawley,e creo que ese é o camiño. Bicos de novo

paidovento disse...

Que razón tes! Mais para saír á rúa a resistir e disidir, cómpren organizacións que canalicen esa rabia contida que moitos levamos dentro. Por suposto que resistiremos e disentiremos.
Un saúdo.
PD: se queres, podes pasar polo meu blog para cubrir unha enquisa.

Sun Iou Miou disse...

Acabo de ouvir a túa despedida no Programa Cultural da Radio Galega. Ainda ben, quédanos a internet. Pois iso, disidindo, didisidamos.

Apertas

Sun Iou Miou disse...

(Fogo! Botei crema nas mans e tatexáronme os dedos na didisidencia conxugada...) (`_^)

Roi Buligan disse...

Moi interesante a proposta que recolles do señor Pawley. A min serveme de continuidade na inspiración e no traballo. Supoño que hai moitas redes que se poden soldar fora do abeiro institucional e exemplos vimos e veremos.