2 de jul de 2009

Caladiños

.
O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos.

O que ten de bo que unha porta se peche é que convida a abrir unha xanela. E calquera sabe que mentres as portas clausuran, deixan dentro ou fora, as ventás valen para soñar e imaxinar. Pódese sair pola fiestra sen moverse do sitio, pódese voar ceibe e ledo sen correr os cristais, e pódese enlazar unha xanela coa outra para ser cada vez mais libres. Pola contra, as portas crúzanse só co corpo. E os que hoxe entran, mañá sempre saen.

Para min, as 122 columnas que fun enfiando nos últimos dous anos no Diario Cultural da Radio Galega foron unha posibilidade marabillosa de dar conta dunha Galiza que non vive na terra pero que late ao mesmo ritmo vital. Cada xoves, entre as 15.55 e as 16 agradecin esa oportunidade dando conta de vidas, de historias, de sitios, de pensamentos, de loitas, de cores e de sons, de libros, de costumes, de inxustizas, de sorpresas, de soños e de pesadelos.

Fíxeno no meu galego, que os amigos xenerosos definen como exótico; un galego inzado de erros e de notas altisonantes, que é en si mesmo unha declaración. Eu falo galego. Mal. Ao lonxe. Pero falo galego.

Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!

.

9 comentários:

Antón de Muros disse...

Débora: o teu galego é fermoso. Ti falas coas cordas vocais e máis co corazón.

Mágoa que pechen aquela porta :-(

Claro que non deixaremos de pensar e facer :-)

Unha aperta.

Antón.

albixoi disse...

Declárome fan incondicional de Débora Campos!

sirgul disse...

Débora: seguíate a ti e máis aos outros articulistas do Diario Cultural tódolos días dende... nin lembro. Como saberás, non é o primeiro caso de censura e recortes nos programas culturais e de opinión dos medios públicos galegos. Coa máscara do bilingüismo cordial pretenden calarnos a boca, e ocultar a forza da nosa cultura, pero vanno ter difícil.

Creo que isto vai rematar por estoupar: están facendo manipulacións e manobras demasiado evidentes e descaradas.

Apertas, ao lonxe!!

Mr Tichborne disse...

De caladiños nada... iso quixeran eles.
Atoparedes outros foros, outros ecos, outras voces, outros medios. Coma este.
Adiante e ánimo.

Elianinha disse...

Que lástima, moito perde a Radio Galega. Toda unha demostración do que vén, aquí todos caladiños. Pero queda moito por dicir e temos onde dicilo.
Ánimo, unha aperta.

besbe disse...

estano facendo mal con ganas, unha aperta mentres boto de menos a túa voz no Diario Cultural.

paidovento disse...

Non hai máis xordo que o que non quere oír! E vante oír, e vannos oír. Mentres sigamos usando a arañeira para facelo, teremos polo menos un fío de esperanza. Ánimo!

Anônimo disse...

Eu non comprendo como ceder ante as imposicións do silenzo pode facerlle ningún ben a un programa como o Diario Cultural, que ti defines como miragre pero que agora é menos miragre sen ti, de feito, xa penso que queda emporcallado para sempre. Eu xa hai semanas que non escoito a Radio Galega: é dicir, querendo calar a un, fan que non escoite aos que quedan, porque os que quedan con cómplices desas censuras. A CRTVG non é democrática, é un medio en mans dun partido, e polo tanto non é *nosa* Eu xa non escoito Radio Galega nin vexo TVG ata que sexan libres de novo. Queren apagar a túa voz? En Internet tes máis audiencia da que na Radio, muller, que queden eles con ese medio manipulado, manoseado, violado...

torredebabel disse...

Graciñas Antón (claro que non deixamos de traballar!), Graciñas albixoi (es moi xeneroso!), Graciñas sirgul (non é certamente a primeira porta que se pecha e, se non me engano, tampouco será a última), Graciñas Mr Tichborne (non, calados nin imos quedar; se non falamos aí, pois falaremos noutro sitio, tanto ten!!), Graciñas Elianinha (tes toda a razón, moito queda por dicir, se cadra, cada vez mais), Graciñas besbe (estano facendo como saben e como queren, nada novo digo eu!), Graciñas paidovento (estamos nesta arañeira que non se quebra e non se cala) e Graciñas Manuel (diante doutros programas que foron pechados sen mais, o feito de que no Diario Cultural só nos manden calar a uns poucos, semella algo menos grave).
Graciñas por estares e polos aloumiños!