8 de out. de 2009

Os lectores do Tortoni, a lingua e os medios

.
Unha vez ao mes xuntámonos cunha chea de amigos para ler e falar das letras da Galiza. Facémolo, sobre todo e como diría Celso Emilio, "porque sí, porque nos gosta, porque nos peta e queremos e nos da a gaña". Facémolo porque o administrador do Café Tortoni é fillo de galegos e nos recibe nunha das fermosas salas do mítico bar porteño. Facémolo, Andrea Cobas, uns 40 amigos e amigas, e mais eu porque nos interesa o coñecemento fondo da terra e da expresión da súa existencia e pensamento a través da literatura. Gústanos ler. Gústanos comentar o que lemos. E tamén nos gusta entender.

Levo unha ducia de anos repetindo na universidade que para que calquera cousa poda ser narrada como noticia ten que sair do normal, ser excepcional, ser novo, ter o poder de influir nas persoas e na súa vida, entre outros "criterios de noticiabilidade". Pois, mal ten que ir a cousa se isto que nós facemos no Tortoni coa maior naturalidade remata saindo nos xornais.


Pero alí estamos. O xornalista Jose Luis Estevez compartiu parte da tertulia do 26 de setembro que -nun ciclo de clásicos- lle dedicamos a Sempre en Galiza, de Castelao. E logo escribiu un fermoso artigo que aquí vos deixo.

Ainda que non sae na nota, preguntounos se ofreciamos clases de galego ou se a xente toda dominaba o idioma. Contámoslle que moitos dos participantes chegaron ao ciclo de literatura sen ter lido nunca na súa vida un libro na lingua da Galiza e que mesmo así nunca dimos clase ningunha. Nós as dúas pensamos que o galego é unha ponte ao castelán e o castelán pode valer de ponte ao galego. O único que importa é ter a vontade.

Nestes tres anos, nunca (nunca) a lingua foi un problema nestas tertulias dos sábados. Pola contra, é motivo de goce, de irmandade, de amizade. De feito, nesta sala non hai camareiro asignado para servir as mesas pero un deles, un brasileiro chamado Sergio ven traernos o café porque -díxonos el- "vós falades o meu idioma".

Se as cousas fosen como teñen que ser, isto non sairía nos xornais.
.

7 comentários:

Ra disse...

Guapas, Señoras.

Antón de Muros disse...

¡Qué boa entrada!

¡Qué boas as Tertulias no Tortoni!

Moitas grazas polo traballo que facedes, Débora e Andrea.

Unha aperta para as profes :-)

Antón de Muros (galego en Bos Aires) ;-)

Mr Tichborne disse...

Hai un café Tortoni na Coruña, disque fundado por arxentinos, mais non sei se é dos mesmos donos ou unha homenaxe.
Se cadra fálase máis galego no Tortoni bonaerense ca no coruñés.

paideleo disse...

Se as cousas fosen como tiñan que ser, vós deixariades de formar unha fermosa illa neste mundo estéril.
Que dure a vosa proposta e que se multiplique !.

Cuspedepita disse...

Eu, que tiven a sorte de participar nunha desas xuntanzas do Tortoni convosco, sei que se fan tamén, anque ti non o digas, porque ti e máis Andrea facedes moito traballo para que todo saia perfecto e que sodes un exemplo de organización e saber facer, de xeito que as xuntanzas resultan tan amenas e os contertulios aprenden tanto nelas que non poden pasar sen ir :-)

Seino porque vos miro por un buratiño todos os meses ;-) ;-)

Bicos

Roi Buligan disse...

Bon Nadal Debora e que sexa un bon ano para a cultura galega

Paz Zeltia disse...

Eu podo comprobar a miudo que no café tortoni da coruña non se fala moito galego que digamos... e moito menos hai ese manto de emocións que imaxino no de Buenos Aires, e que eu só coñezo dunha visita virtual, na súa páxina web.

dis que "Se as cousas fosen como teñen que ser, isto non sairía nos xornais" ... e iso faime reflexionar, porque AQUI, ainda as cousas coma esa, saen nos xornais...
un pouco triste, pero hai un gran movemento de neofalantes, (non sei nos pobos), pero en cidades coma a coruña, onde, non hai aínda tantos anos, os que non querían ser "aldeanos" e "patáns" tiñan que deixar de lado o galego, non había socios no "casino" que falaran galego!
menos mal que dos anos 60 para aquí a coruña encheuse de xente das aldeas que mercaba "un pisiño" cos cartiños gañados na emigración, (eles falarían castelán "cos médicos e os avogados", pero na casa, galego. Seus fillos medraron aquí, a xeneración que se envolveu no castelán, que sentiu que o galego era cousa de vellos, pero moitos deles sentiron a súa chamada, nun momento ou noutro; e algúns deles son agora pais de adolescentes con rastas no pelo, piercing nas cellas e nos beizos, e que reclaman para sí esa lingua que seus avós trocaron polo castelán, o símbolo do progreso, dun cambio de status social.

bueno, é a miña visión, a do meu entorno. Noutros ambientes pode ser outra.

perdoa, que me enrrollei abondo. esta tempada ando eu mesma a recuperar a miña propia memoria, un tanto sensible co tema.