9 de mar de 2009

Eladina

.
Esta fotografía deixa ver a varias mulleres. Todas galegas. Todas galegas na diáspora. Mirádeas con atención.


Ainda non sabendo quen é quen, esas olladas e os sorrisos permiten entender que a señora do medio, vestida ela de negro e tan guapa, síntese feliz. As outras mulleres, a carón dela, axúdana a camiñar porque, ainda que non o pareza, ten 93 anos. Maruxa Boga ven de recebir a distinción Rosalía de Castro que entrega cada ano o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata. É o día 8 de marzo do ano 2007. Detrás dela, a benquerida Dionisia López Amado, nai da Praza de Maio que foi quen entregou a roseira que simboliza ese recoñecemento.

Pero eu pídovos que reparedes noutra das mulleres da imaxe. A señora co vestido de flores que vai á esqueda de Maruxa Boga. Chámase Eladina Figueroa Boga e dela é que quería falar hoxe.

Este ano, por terceira vez consecutiva, Herbas de Prata agradeceu a tarefa de dúas galegas na emigración. Para iso, argallaron unha distinción á que chaman Rosalía de Castro e que representan cunha roseira. E para aquelas mulleres que foron quen de manter a presenza da Galiza na súas familias, ofrecen outro agradecemento ao que chaman Virxinia Pereira e que simbolizan cunha cameleira.

Para a distinción Virxinia Pereira, a do traballo invisible, este ano so chegaron 76 votos. A gañadora recebiu 38 deles. Trátase dela, de Eladina Figueroa Boga e ben sei que o nome dela non vos soa de nada. É normal porque Eladina leva unha vida de servizo a carón da súa curmá, da súa amiga de toda a vida, a actriz e xornalista galeguista e republicana Maruxa Boga. Como se dixo no acto do domingo, "se ainda temos a Maruxa con nós, iso ten unha explicación e chámase Eladina". Pois ela, a gañadora, preferiu quedar na casa. Facendo o que sempre fixo: atender á sobranceira xornalista. Porque, ademáis, confesou que lle daba moita vergonza ser premiada.
.

2 de mar de 2009

Cremos nisto

Hai algúns días, laiábame diante da posibilidade (hoxe certa) de que mudasen os criteros cos que nos últimos catro anos se traballou no eido da cultura na diáspora. Se antes todo eran gaitas, festas, comidas e todos a pedir cartos, a administración que marcha fixo o intento de imprimir unha idea ben distinta: actual e non morriñenta, profesional e cunha perspectiva universalista, respectuosa da memoria pero non por iso negada ao futuro, ecuánime e abarcativa. Houbo quen deixou de recebir cartiños daquí e cartiños dalá. Houbo quen perdeu a posibilidade de apañar materiais que tiñan outros destinatarios. E houbo quen se revelou contra os requisitos de presentar facturas, documentos e informes, como pasa en calquera Estado serio, se se pide unha subvención. Pero tamén houbo moitos que valoraron o trato dende a dignidade.

Laiábame diante da posibilidade de que o pasado volva e que nos mostre que nada aprendimos. Foi entón que o meu interlocutor me apuntou: "Estamos nisto porque cremos nisto. Forma parte de nós, da nosa identidade, das cousas que lle dan sentido ao noso traballo e á nosa vida. (...) Non hai razóns para o desánimo".

Egadía o seu propio desexo e unha verdade enorme: "Oxalá non se torzan os camiños que se iniciaron. En parte tamén depende de nós, de que os reclamemos, de que fagamos cousas e llas poñamos diante, para que vaian vendo o que hai e, sobre todo, o que pode dar de si este camiño, que non é incompatible con outras actuacións".

Confío cegamente nesta persoa. Confío cegamente na potencia da nosa lingua e da nosa cultura. Xa que logo, confío na forza do traballo comprometido a prol do único idioma, da única literatura, da única música, da única pintura, da única arquitectura e da única historia que é quen de falar de nós . Con máis empeño que antes, eu sigo aquí.

.