26 de fev de 2010

O señor Omar e o mar

.
Nunha cafetería, agardabamos Santiago e mais eu para facer o noso pedido cando un home achegouse a nós e díxolle ao neno: "Vaia, chámaste coma min, Omar". E sorriu.

O pequeno, rápido como é -sobre todo se de falar se trata-, respondeu que non, que ese non era o seu nome. "Como que non, se levas unha camiseta que pon Omar". A camiseta levaba, certamente, este debuxo:


Foi un agasallo de Helena Torres e ao cativo gústalle moito porque é negra e o debuxo é ben simpático.

Cando se decatou do erro, o neno explicou: "A camiseta non pon Omar, o que dí é o mar, «el mar»". Pero o home non remataba de entender o asunto. Enton metinme na conversa e apuntei que o mar significaba el mar (o mesmo que xa dixera Santiago) e aclarei que estaba escrito en galego.

O señor Omar preguntounos se eramos galegos. Porque a súa dona tamén o era. E alí mesmo a chamou: "Mira, estas xentes tamén son da Galiza!". A muller chegara cando nena e emocionouse ao ver a camiseta. Contou a súa historia, dende logo; falou dos curmáns e tíos que alá tiña; de ser distintos. Conversamos un intre máis e apuntou co maior interese os datos do ciclo de literatura galega.

Nesas estabamos cando outra muller do mesmo tempo ca ela, mais ou menos, achegouse e dixo: "Sinto, estaba escoitándovos e eu tamén son galega. ¿Podedes darme os datos deses encontros sobre libros galegos?".

Unha tarde calquera. Nunha cafetería calquera. Na cidade de Bos Aires. Un sitio onde, se falas un pouquiño a lingua da terra, sáenche galegos e galegas de todas partes.

.

5 de fev de 2010