27 de abr. de 2006

Compromisos

Moito téñenlle pedido, suxerido e preguntado á escritora galega Luisa Castro cándo vai escribir en galego. E canto máis llo reclaman, menos ganas ten ela de facelo. “É unha chantaxe emocional –dí en Bos Aires- e eu non teño esa sensación de facer algo que non debería cando escribo en castelán”.

Castro pasou un día na Argentina para falar da súa última novela, “La segunda mujer”, coa que ganou o premio Biblioteca Breve da editorial Seix Barral. A história percorre a relación entre Julia, xoven escritora galega de 25 anos, e Gaspar, un famoso intelectual catalán de 57, que namóranse intempestivamente. Sen embargo, o amor é só un dos protagoniostas xa que o tema central son as diferentes maneiras que ten, coma disfraces, a violencia doméstica.

Sen embargo, a novelista nada en Foz (Lugo) que tamén ganou o Premio Rey Juan Carlos I de Poesía en 1990, foi finalista do Premio Herralde nese mesmo ano, e levou o Azorín en 2001 e o Torrente Ballester en 2004, falou doutras cousas. Contou que volveu a vivir a Santiago de Compostela polos seus fillos. “Naceron en Barcelona e non me facía ilusión que se convertésen en cataláns con esa parte romántica da nai galega. Hai nos nacionalismos unha dinámica relixiosa de lavado de cerebro e eu non quería iso para os meus fillos”, dixo.

Luisa Castro fala galego cos seus. Os fillos tamén o falan pero só con ela xa que co pai falan catalán e entre eles usan o castelán. Sen embargo, a meirande parte da sua obra foi escrita en castelán. Ela contou por qué: “Non foi unha decisión. Saiu. Ainda que me formei coa literatura galega, os meus primeiros pasos foron en castelán por casualidade: presenteime a un premio cun libro en castelán e –cando o ganei- tivo moita repercusión. Iso abriume moitas portas en Madrid e marchei alá porque eu quería vivir da literatura. Foi así como o sistema literario que me acolleu e me permitiu vivir disto foi o castelán. Hai outros escritores que escriben en galego e publican en galego porque foi o sistema galego no que puideron desenvolverse”.

A escritora recoñece que o feito de escribir en castelán, restalle lugar na literatura galega. Sen embargo, díxo: “Penso que, ainda que escribas en castelán, a tua cultura está aí”. E contou –na entrevista que lle fixen e que pode lerse acá- que o seu libro anterior, “Amor mi señor”, ainda que ten a metade dos poemas en galego, foi publicado en Barcelona por motivos paradoxals. “Cando rematei o libro intentei falar con editores galegos pero as editoriais de Galicia teñen o compromiso coa Xunta de publicar só en galego (e por iso levan subvencións) polo que o libro metade en castelán non podía ser. Así, foi publicado en Barcelona ainda que fora un libro que orixinalmente comenzou a escribirse en galego”.

37 comentários:

acedre disse...

Cadaquen escolle a sua opcion e hai que respetala. A xente ten que autoconvencerse e non ser convencida. Ten que ter esa vontade. E como deixar de fumar ou deixar de beber que hai que autoconvencerse.
Un saudo.

Manuel Rivas disse...

Non emprega o galego prá súa literatura, pero emprégao pra algo máis importante: pra vivir e pra educa-los seus fillos.

Que non só de letras vive o home.

Veloso disse...

A liberdade é un requisito indispensable para a literatura. Por tanto, que Luísa Castro escriba na lingua que lle pete e que lle vaia ben.
Por certo, pode que a ela lle pregunten por que non escribe en galego, pero, como di Náufrago, hai moitos aos que lles preguntan o contrario. Respecto para todo o mundo. Un cordial saúdo.

Marcos Valcárcel López disse...

Respecto total. Creo que a estas alturas, cando menos no mundo que eu me movo, ninguén pide xa cirimonias purificatorias nin nada semellante. É o escritor, con liberdade absoluta, o que se instala onde el quere, en función da súa lingua: no sistema literario galego (escribido en galego) ou no s.l. castelán (se o fai en castelán). E iso non é ningunha categoría moral, só unha ubicación lingüística-cultural. Creo que ese respecto debe pedirse tamén para todos os escritores que optan polo galego e contribúen así á construcción da nosa identidade nacional: teñen o mesmo dereito que os outros e, polo xeral, non son tan ben tratados polos medios (nin sequera dentro do seu propio país). Saúdos moi cordiais.

SurOeste disse...

Ah, pois eu penso que é moi importante o idioma en que se conte. Aquí non hai nada de inocencia nin de casualidade é unha opción crucial e, por suposto respectable. Agora ben, Por que alguén que non escribe en galego debería ter un posto importante na literatura galega? Ela dicidiu e foille estupendamente, polo tanto, non entendo moi ben ese aire de vítima divina.

Anônimo disse...

Cada un pode falar e escibir no idioma que lle pete, porque se desenvolve millor nun que no outro ou porque un mercado é millor que o outro.
Eso non o discutirei nunca, pero non estou dacordo con esas declaracios que fai sobre Cataluña, e sinceramente creo que ou viviu nunha Cataluña diferente a que eu coñezo, ou o seu pensamento político é algo máis que "non nacionalista".
Estou con Suroeste, ela decidio...eu diria que ser nacionalista castellana...

Anônimo disse...

Eu tamén estou dacordo con Suroeste, a identidade coa lingua é crucial.
Ela fixo a súa elección, os seus criterios tería (algo que me parece de sumo respeto)e realmente triunfou pero en castelán, non contribuíndo á Literatura galega.

Unha aperta.
:)

Anônimo disse...

Ten razón o señor Valcárcel: respecto total.
Non sei se autora se fai ou non a vítima divina, como di Suroeste con bastante mala uva, pero o que si teño visto é brutais descualificacións da autora. A de Suroeste, moito máis fina, alimenta tales descualifiacións brutais. Así llo digo.

SurOeste disse...

Postos a destilar malas uvas, a respectable escritora Luísa Castro non se queda atrás, e dígoo porque lin enteira a entrevista que lle fixo Torre de Babel:
Non é lóxico que a Xunta subvencione libros en galego? É a única administración do Estado que ten os recursos e o deber de facelo. Ó Goberno de Madrid non lle vexo eu moitas trazas, nin ó de Extremadura tampouco.
Hai editoriais en Galicia que publican libros en castelán, por suposto, non están prohibidas nin perseguidas. Non son da categoría da autora?
Publícanlle en Cataluña un poemario que empezou escribindo en galego e acabou en castelán. Que sorte! este tipo de produtos na España do S. XXI teñen moi mala saída (no S. XIX si era bastante frecuente: Pondal sen ir máis lonxe).
Pero é que aínda lle piden e rogan, os seus amigos editores, os seus amigos críticos, supoño, que escriba algo en galego e ela non só non se sente afagada se non que lle parece tan mal o interese e a insistencia que a deixa toda anoxada, coma quen: "Ai si, pois agora fastidiádevos que non penso facelo!
Luísa Castro escribe en castelán porque quere e lle convén e todo iso é moi respectábel, agora toda esa estraña teoría "a mi que no me presionen esos nacionalistas" creouna ela para adornar e xustificar a súa toma de posición, se cadra para auto xustificarse, tamén.
Tampouco vexo nada claro iso de que estea rompendo o lombo pola cultura galega. Vós si?
A isto eu chámolles argumentos, non mala uva.

Anônimo disse...

Coido que cada cal é libre de escribir no idioma que desexe, por outro lado, é evidente que non é inocente escoller o idioma.
Esixir recoñecemento é humano pero paréceme egocéntrico e un chisco de soberbia e en canto á literatura teño unha dúbida, creo que non é o mesmo literatura galega que literatura en galego.
Un saúdo

Anônimo disse...

Esa fixación enfermiza con Luisa Castro, esa inquina permanente, o que ten é un efecto rebote do que se pretende inicialmente: darlle moita máis importancia da que en realidade ten.
Se a literatura galega (ou sistema literario galego) vai ben, mal ou regular, non é por obra e arte desta autora que só escribe en castelán. Cangar sobre as súas costas todos os males, pasados, presentes e futuros, non só é inxusto. É que tamén é ridículo.
Deixémola facer o que queira, mesmo equivocarse. Pero desterremos a vocación de inquisidores. De acordo, señor/a Suroeste?

Mr Tichborne disse...

Escribir en castelán (a outra lingua de Galicia) é do máis respetable. Non o é o vitimismo de que non lle editen en castelán nas 4 ou 5 editoras galegas. Dispón de centos de editoras en castelán (españolas e americanas) vedadas ós escritores en galego para saca-la súa obra. Con todo, sorte na súa traxectoria.

SurOeste disse...

Non entendo a que vén mentar aquí a inquisición. Eu lin o post, lin a entrevista e deixei, penso que nun ton correcto, a miña opinión.Recollín unha proposta de conversación de Torre de Babel. Contraargumentei, simplemente,algunhas afirmacións e opinións que Luísa Castro dá nesa entrevista. Parécevos mal? Dáme ti (ou déame vostede) argumentos polos que eu mereza o adxectivo de "inquisidora", porque me deixa intrigada e mesmo preocupada. Por que imos ter que ignorar a Luísa Castro? É unha persoa relevante no mundo cultural, que escribe libros para que se lean e se comenten, supoño, que concede entrevistas para comunicar os seus puntos de vista, sobre os que tamén se pode opinar, supoño. Non me parece que sexa ninguén despreciable como para ignorala, non falar dela (do que di).
Insisto: non me parece que me estivera ensañando gratuitamente con ela. Por certo, lestes a entrevista?

torredebabel disse...

Tampouco paréceme que suroeste estea ensañada con Luisa Castro, nen moito menos, nin penso que a escritora necesite que a defendan, que o fai ela moi ben e -penso eu- foi moi clara na entrevista: non sinte que estea facendo nada malo cando escribe en castelán en non leva a sua galeguidade como bandeira senón que é algo natural e moi amado para ela pero -coido que foran as suas palabras incluso- unha cousa é o seu traballo e outra a sua galeguidade.

E non se queixa de que non a editen en Galicia. O asunto do seu libro de poesía foi contado como exemplo da contradicción de que lle pregunten por qué non usa o galego e logo, cando o usa, non lle editan os libros. É verdade que tamén pode lerse como unha queixa (moi delicada e discreta) feita ao pasar.

Eu non vivo a miña identidade dese xeito (non podería xa que vivo a 14.000 km de Galicia e a miña galeguidade é moi diferente), pero por vivir e opinar dun xeito diferente non penso que estea agredindo a ninguén.
O que entendo e comparto é que cando alguén fai as cousas de xeito tan diferente á nosa maneira (calquera cousa, non só escribir), merece respecto -como xa se dixo moi ben acá- como tamén o merece a nosa idea sobre o asunto.

E rescato algo que se dixo acá: unha cousa é a literatura galega e outra a literatura en galego. Paréceme unha aclaración moi intelixente e moi interesante neste tema. Ainda que entendo que moitas persoas non pensan que sexan cousas que podan ficar separadas.

Anônimo disse...

En qué quedamos: fai ou non vitimismo Luisa Castro? Porque algúns din que si e outros que non.

Por outra parte, eu non digo que a ignoremos, senón que a deixemos tranquila.

Teño lido e escoitado demasiadas bestialidades sobre Luisa Castro, quizais por iso me rebelo contra tanta inquina contra ela, quen, por suposto, si que se sabe defender soa.

E claro que se pode opinar sobre a súa obra, faltaría máis. Pero sobre a súa obra, non unicamente sobre a lingua na que escribe.

Creo que moitas veces úsase un dobre raseiro de medir: estou aínda por ler críticas a determinados escritores que, por escribir sempre en galego, semella que teñen bula papal para dicir as maiores burradas sen que ninguén diga nada.

Desde aquí animo á señora Suroeste a ampliar o abano das súas críticas e que integre nelas tamén os autores que escriben en galego.

Francamente, gustariame ver tanto rigorismo crítico aplicado a todo o mundo, non só a Luisa Castro. Entre outros motivos, porque semella reiterativo e pouco orixinal falar tan só dela e o idioma no que escribe ou deixa de escribir.

torredebabel disse...

Señor anónimo cultural, convidoo a ler a entrevista da que fala este post e que coma é longa de máis púxena nun link. Verá vostede que non hai crítica ningunha. O que aí atopará, precisamente, é preguntas e respostas sobre a sua última novela e, ao final, preguntas e respostas sobre o uso da lingua. Nunca antes entrevistei a Luisa Castro (máis ainda, nin sabía dela) e foi unha moi interesante oportunidade.
Se se fala moito dela (e se es moi criticada) estou segura de que a ela iso non lle importa moito. De feito, díxomo na nota: que aqueles que a critican por non usar a lingua galega son unha minoría e que non tiña sentido falar deles.
No penso que sexa o caso de Muralla nin de Suroeste que (segun entendo) falaban dalgo máis que da elección linguística de Luisa Castro en particular: a indentidade, o compromiso cunha lingua minorizada e os cartos. É vostede moi intelixente e dase conta moi ben de que non é con Luisa Castro o asunto.

SurOeste disse...

Pero, estimado anónimo, o tema de conversación era o que era e polo tanto opinei. Non creo que haxa escritores bos e escritores malos segundo a lingua que utilicen. Gústame ler e expresar as miñas opinións, sen ofender. Na literatura, como na vida, cada un vai tomando a súa posición. Para un escritor (-ora)cada novo libro que publica, cada entrevista que concede, cada aparición nos medios de comunicación é unha toma de posición. E, non nos enganemos, tamén a lingua que utiliza nun espacio de conflito lingüístico. O tema da lingua é en Galicia algo fundamental, transversal, aféctanos a todos gústenos ou non. Dicir que non importa a lingua que se utilice é querer esconder a realidade. Enfín un tema apaixonante que está ademais moi de moda na crítica literaria internacional.
E se queres falamos dos que escriben en galego. Propón ti un que leras.

Anônimo disse...

Meu deus, debo explicarme moi mal, porque mal se me entende.

En ningún momento dixen que Torre de Babel criticase a Luisa Castro.
Tan só afeei a conduta (permítase a expresión!) a Suroeste por facer algo que interpretei como un tiro ao branco.

E coido que non estaba errado porque volve a establecer unha maniquea distintinción entre os que están a unha beira ou á outra nun "espazo de conflito linguístico", no que, como nas guerras, ou se está comigo ou se está contra min. En fin, non comparto o tácito desprazamento semántico que equipara conflito con guerra.

Que o tema da lingua é algo fundamental non mo vai descubrir vostede, pois desde hai máis de trinta anos é a miña lingua en todos os aspectos da miña vida en Galicia.

O que me ten xa aburrido é que coa leria do "conflito" se colen de matute intereses espúreos, indignidades varias cometidas ad maiorem gloriam da nosa lingua, individuos impresentables sexa cal sexa a lingua na que se expresen, escritores oportunistas que coa boca grande defenden isto ou aquilo e que coa pequena traizoan sistematicamente esas palabras, etc., etc.

Como lle son can vello, estou farto de argumentos holistas que por querer explicalo todo rematan por non explicar nada. Porque os argumentos extremadamente "colectivistas", vistos historicamente, moitas veces trouxeron desolación, morte e miseria. Por fortuna, non é, nin de lonxe, este o noso caso.

Seguramente tampouco me explico nesta ocasión.

E á señora Suroeste dígolle que deus me libre de ser eu quen lle suxira que fale dun escritor galego concreto. Que fale ela libremente de quen considere conveniente.

Un saúdo a todos.

SurOeste disse...

Ui, ui, moito mar de fondo aquí. E resulta que é vostedwe o que pon o simpático nome de "inquisidor" ós demais.
Un saúdo cordial e, pola miña parte, retírome da lide.

Anônimo disse...

Foxe vostede pola tanxente, señora Suroeste, e iso non é de recibo.

Eu non son inquisidor porque non inquiro contra ninguén concreto, ao contrario de vostede.

E se pensa que teño algo persoal contra alguén, está moi confundida.

Simplemente observo actitudes e chego á conclusión de que me aburren soberanamente.

O meu é un problema de aburrimento ante argumentos manidos e simples, e de cansanzo ante actitudes reiteradas e predecibles.
Por fortuna, no meu caso non me sinto especialmente agraviado por ninguén en concreto, o cal é unha sorte.
De mar de fondo, nada, polo tanto.

Retírese vostede se quere, pero isto non lle é unha "lide", tan só un intercambio de opinións, pacífico e tranquilo.

Chámame a atención que agora vostede pase de usar unha linguaxe de orixe bélica a unha linguaxe de orixe taurina! Pois tampouco me gostan os touros!

É que son un inconformista!


Un saúdo cordial.

Anônimo disse...

E tamén un Robin Hood: non coñezo persoalmente á dama "defendida".

torredebabel disse...

ah señor anónimo cultural! é vostede -como a maior parte dos amantes da polémica que coñezo- unha persoa moi divertida...

Anônimo disse...

En efecto, son amante da polémica, e trato de ser divertido... aínda que ás veces son tamén un auténtico coñazo, hei de recoñecelo humildemente. Nobody is Perfect!

Un saúdo.

torredebabel disse...

Moitísimas gracias a todos vos! Non é este un espazo no que abunden as polémicas e, neste tema, pasou. Coma todos, viaxo por outros blogs e xa coñecía a paixón do señor anónimo cultural por elas. Espero que ninguén se sentira mal co intercambio de opinións. Para min, que xa sabedes que son moi nova nestes asuntos, foi unha experiencia moi interesante e -ainda que recoñezo que me puxen bastante inquieta co tono dalgunhas palabras- finalmente entendín que non viña con mala intención o intercambio.
Moitas gracias a todos!!!

estibaliz... disse...

Tema do que tanto se fala que chega á espiral de non aclarar nada.

Pero gloso cunha anécdota: na faculdade, en 1º, eu quixen facer un traballo sobre Luísa Castro en lingua galega. Sobre Baleas e Baleas. O profesor díxome que mellor non, que esa muller lle era particularmente antipática por escribir en castelán. Suxeriume Méndez Ferrín de quen, finalmente, fixen o traballo.

Desde entón, desprezo a ese profesor ata o punto de que xa esquecín o seu nome.

Anônimo disse...

E fai moi ben, Estíbaliz, porque ese "profesor" (sic.) só merece o desprezo.

Anônimo disse...

... O desprezo e ignoralo olimpicamente. Menudo mentecato intelectual!

Anônimo disse...

É contra este espécime de mentecatos, que non fan máis gala da súa indixencia intelectual porque non entrenan suficientemente, contra os que me revelo e contra os que gosto de disparar os meus dardos retoricamente envelenados.
Os demais, os profesores e investigadores dignos (que os hai, felizmente), merecen os meus parabéns e o meu ánimo.

torredebabel disse...

Concordo co que di, señor anónimo cultural. A história que conta Estibaliz mostra o pior desa clase de profesores que usan o seu espazo de poder (pequeno e limitado) para -precisamente- enpequenecer e limitar as posibilidades dos alumnos. É por iso que sempre lembramos aos mestres que -máis que contidos e asignaturas- nos enseñaron a pensar e ser libres.

Anônimo disse...

Celebro moito que concordemos, amiga Torre de Babel. Como lle dixen no post doutra entrada, e se mo permite, gostariame dicirlle que é vostede encantadora e amable. Grazas por selo.

torredebabel disse...

A que sempre dí gracias (e nunca é suficiente) son eu que, cada día, atopo xente increible, talentosa, sensible, auténtica e -sobre todalas cousas- xenerosa que non so perde tempo da sua vida nesta páxina chea de erros, escrita nun galego de neno de 8 anos e cunhas histórias tan, pero tan contadas xa (e canto mellor!!!) senón que ademáis deixame agasallos feitos de palabras. Son moi afortunada. Gracias de novo!

Anônimo disse...

Tarde, mal e arrastro, unha obviedade e unha precisión:
- a literatura galega é a que está dentro do sistema galego, é decir, está escrita en galego. Valle Inclán é un autor galego e unha cimeira da cultura española. Conrad, un autor polaco cimeira da literatura inglesa. Contrapoñer literatura galega e literatura en galego é un argumento tan novidoso como que a terra é plana.
- demostrado e sabido o encanto persoal de Luisa Castro, ¿alguén se referiu aquí á súa calidade literaria? (ó meu xuízo, máis que discreta, dentro do moi discreto panorama da literatura castelá)

torredebabel disse...

Tamén respondo en dous items:
-e Camilo José Cela é un autor galego ou español? preguntollo porque me pregunto se podería haber un espazo de literatura galega que non fora escrita en galego. É decir, seguindo o que decía Luisa Castro, non pode ela falar da sua galeguidade nos seus libros en castelán?
-non lembro se alguén falou da "calidade literaria" de Luisa Castro. Eu mesma non falei na entrevista ainda que teño unha moi clara opinión ao respecto. Se cadra, podería ser tema doutro post. Eu prefiro falar cos escritores do seu traballo xa que penso que é moito máis interesante que calquera cousa que puidese eu opinar sobre eses libros (despois de todo, unha opinión non é máis que iso: algo que alguén pensa). Por iso, deixo entrevistas e non reseñas. Sempre será máis interesante o que eles teñan para decir sobre os seus escrito co que eu opine dende o meu ordenador, sen facer ese enorme esforzo que é dar corpo a unha novela, por exemplo.

Moitas gracias polas suas palabras que non chegan tarde para nada!

Anônimo disse...

Querida Torre de Babel, permíteme que entre na vosa conversa. Camilo José Cela é un autor galego pertencente á literatura en lingua española, o que, por suposto, non é demerito ningún. Claro que outra cousa é que nós precisemos asumir sen vergoñas, a nosa historia bilingüe. Ou sexa, é triste que nos libros de texto de literatura galega falemos de Rosalía como autora de Cantares Gallegos e Follas Novas e non apareza a mínima referencia a "En las
orillas del Sar" e así con todos.
Temos que estudar a Valle con cariño especial, temos que saber da Pardo Bazan, de José Angel Valente, de Torrente BAllester e de todos eses. ¿Imaxina alguén aos irlandeses rexeitando a Joyce por ter escrito en inglés? ¿Ou desprezando a U2 por cantar na lingua do imperio?
Luísa é outro encanto de muller e Baleas Baleas, unha marabilla.

torredebabel disse...

benquerido Etxeokeai Fernández, gústame moito ese xeito teu de mirar o asunto. Seguramente, se fora escritora e tentara editar libros en galego, se ninguén me fixeras as entrevistas que eu mesma lle fixen a Luisa Castro, e poucos me leran en Galiza, pensaría moi diferente. Por iso, entendo ben a quen falaba das eleccións que esta escritora fixo e do poco pertinentes que parecen esas "queixas" que deixa pasar.
Tamén, como decían Suroeste e tamén Muralla, a lingua -neste caso- non é un elemento menor. A diglosia tamén se construe e nutre deste tipo de eleccións.
Pero sempre penso que se vemos os asuntos dende moitos pontos de vista estaremos entendendo mellor o que ocorre.
Gracias pola visita!

edu disse...

para min non hai dúbidas. a literatura galega é a que está feita en galego e, como di claramente e.fernández, cela ou valle son autores galegos de literatura española.

as escollas son inocentes? non o creo.

teño aprezo por luísa e gústanme os seus poemarios en galego. algúns textos en castelán e menos a súa narrativa.

que escriba no que lle apeteza. ela non é vítima se non se instala nese sitio e, para os demais, vivir e deixar vivir.

Anônimo disse...

acabo de verte na televisión. mentiches, non falas mal o galego, q polo que vexo aquí, o escribes moi ben. eu levo toda a vida en galicia e non son quen de facelo coma ti.