28 de dez de 2006

Nobelo de desexos

18 de dez de 2006

Un ano, unha palabra

Vai rematando o ano. Non é mais que unha convención, esa teima de contar o tempo, de atrapalo en meses e semanas e días, se cadra para que non fuxa, para vivir na ficción de que somos nós quen o domina e non él quen nos ten presos. Sen embargo, ainda que viva o Nadal coma unha febre de consumo baleira de outro sentido que se espalla coma unha peste e o Aninovo como o comenzo das vacacións, aproveito cada ano as festas para pensar no ano que pasou. Si, é verdade: son dos que fan balances neste momento.

Houbo anos que pecharon coa palabra ledicia. Moitos. Outros con verbas coma tristeza, pena, congoxa, baleiro. Algúns. Non tantos. O 2004 foi raro porque tanto lle cabía a frase "a felicidade máis enorme da miña vida" coma a de "a tristura mais dolorosa que unha muller pode sentir". O 2005 tivo un lategazo que nos deixou a todos de xeonllos, aparvados, sen entender o que pasara, cómo pasara e, sobre todo, por qué pasara. E para o 2006 vou vendo que a palabra é Grazas. Para os meus. No meu mundo privado. E tamén para o meu mundo blogueiro.

Grazas aos que viven no ordenador e que ademais teñen voz, rostro, sorriso, presencia. Clara Flor que fai que moitos na diáspora sexamos mellores do que nunca pensamos que podíamos ser. Á benquerida, intensa, feminina e talentosa Marinha de Allegue polas horas e horas de conversa polas tardes arxentinas e noites compostelanas. Grazas ao xenial e lúcido Si Home, si que sempre me deixa pensando e ao poeta Eduardo Estevez que veu cargado de historias en papel e que contaxiaba a ledicia dunha familia que medra e se fai forte. E grazas a Ro que, pode que hoxe non teña un blog, pero é sen dúbida unha blogueira cen por cento e moito sinto non ter chegado ao blogomillo cando ela escribía. Grazas neste parágrafo tamén a Cobiñas compañeira de aventuras.

Grazas aos que non deixan de aprenderme cultura, historia, lingua... Grazas a Veloso de quen moito aprendín, sobre todo a contar historias coas verbas xustas, e que agora móstrame que tamén se pode un marchar de algo tan bonito coma esta familia. É toda unha lección, penso eu: sempre estamos porque queremos estar. En definitiva é así. Grazas a Marcos Valcarcel e a Afonso Monxardín por tanto, tanto que aprendo con eles. Grazas a Brétemas porque me abre portas e fiestas na literatura galega

Grazas ás damas: a SuroEste que tece as palabras dese xeito que tanto admiro (non vos perdades a historia do lobo e Caporruchiña Vermella de fai algúns meses); á Naufragha porque non lle ten medo á emoción nin aos sentimentos; a Ana Bande porque coñece a receta máxica para falar dende a cabeza e dende o corazón na proporción xusta.

Tamén grazas á benquerida Jan por eses soños e polo sorriso que deseñou no rostro do meu fillo. Grazas a Lúa por unha frase fermosa "Bailaria contigo, pero es que estoy sorda de un pie...", e á audacia de Ra que non sabe de fronteiras e sorprende con post fermosos.

Grazas especiais a Sara Jess polo nome deste blog pero tamén pola descoberta de que o galego era unha lingua para falar de hoxe. Á doce Satine pola intensidade das súas palabras. As Laurindinhas polos xogos que construen con imaxens e palabras. Á xenial Estivalez e á virtuosa domadora de palabras e dona dun sorriso único Moralla. E tres grazas máis a Besbella, Elianinha, e a Mrs. Doyle pola intelixencia e elegancia. Dous atributos que poucas veces aparecen xuntos.

Grazas ao señores: a Rabudo e a sua enerxía (onde atopará o tempo para todo o que fai?), a Fran que cambiou de casa pero non esqueceu de levar as historias e as ganas de contalas, e ao mellor autor de crónicas do blogomillo: Acedre, o pai de Leo . Grazas a Cabaseira porque escribe pouco pero dí moito, ao ciber-navegante Nemeth que atopa na rede tesouros case a cotío, a Red Galicia pola xenerosidade, a Xosé Antón, a Fravernero que non minusvalora ao lector, e a F. Miguez polos interesantes comentarios sobre a actualidade.

Tamén grazas ao antiblog polo moito que río ás veces, por non chorar; á erudición de Manuel Gago e pola sua xenerosidade; a Francisco Castro que me achega a libros e verbas. Grazas a Xabier Docampo polas historias e o xeito de contalas; e a Manuel Rivas que é o que é, ainda que non é o que outros creen que é.

Especialmente, grazas a Parzival por tecer fíos de libros que cruzan o Atlántrico, a David pola compaña de tantos meses, a Xancín, a Torreira polas imaxens que sabe debuxar coas palabras; a Suso, a Silvio, a Calidonia pola gran intelixencia que deixa ver discretamente, a Suso, ao xenial Moucho Branco polas leccións de mitoloxía e polas frases memorables, ao equilibrado e xusto Mendinho, a Suso polas historias e viaxes, e grazas Á Randeeira porque sabe rir co que outros temos ganas de chorar.

Grazas aos que leo fai tempo Casa Atlántica, Sobre filloas mel, Artipraxia, Caderno Arraiano, o blog dos pelachos, Albixou, Fragmentos da Galaxia, Días estranhos, Cabaret Voltaire, Tardes xeadas, Selva de Esmelle, La Muralla, Amote moito, Alfaias.

E aos que leo fai pouco: Chirimbolos e Ourilocelontes, andaime, zero vacas, Unha cousa nunca vista, O porto dos escravos. Tamén aos anónimos que, nalgún caso, non o son tanto.

Sinto se esquecín a alguén (algo moi probable) e sintoo realmente porque estou infinitamente agradecida de que me deixedes participar deste universo fermoso e que non deixa de medrar. Ao lonxe, nun serán caloroso de verán na Arxentina, mentres o meu fillo xoga e debuxa, moitas grazas a todos vós!

10 de dez de 2006

Voces para un asasino

A noticia do infarto que fai unha semana deixou un soplo de morte no corpo do tirano Augusto Pinochet chegoume mentres lía Home sen nome, a última novela de Suso de Toro.

"Tanto home que matei, e que, que ocorreu? Non ocorreu nada. Ninguén parou o meu brazo. Porque non había nada. A miña vida.

E onde é que estou? Onde é aquí? Este aquí? Unha man. Movín unha man. Contra as sabas. Teño algo na man. Síntoa, proe. (...) Hospital. Doe. Tubos, teño tubos na man. Intravenosa,
alimentación intravenosa. Un hospital, un cuarto de hospital. Estou doente, metéronme nun hospital. Internado nun hospital. E como cheguei aquí, non sei. Estou aquí, trouxéronme aquí. Alguén. (...)

Facer o durmido, estou a durmir, os ollos cerrados. Así, fechados. Non me movo, volvo estar in
consciente. Un corpo morto, inerte. Coma se me pegasen un tiro, así caído. No meu leito. Non quero oír a eses fillos dunha puta, que eses cabróns me volvan falar así, coma se fose un neno. Non quero que me toquen o orpo, que se ispan. Non quero que se dean volta así, coma se fose unha árbore caída, sen respecto, non quero. Non quero que me limpen o cu, así, xa están, estanmo a limpar, ras, ras. Non quero que me vexan esperto, estou durmido. Trátanme sen respecto, coma se non fose ninguén. Manipulan o meu corpo, tócanmo coma se fose un saco de carne e ósos. Coma se non fose alguén. Coma se fose un ninguén. Porque non podo, que se non dáballes pasaporte. Se eu ainda fose alguén. A estes dous, munición. E cando foi que me atuaron, que me dixeron "ti" por primeira vez? Un destes. Foi neste hospital. Nunha residencia de anciáns. Atuarme. Prefiro estar durmido. Que me traten así coma se xa estivese morto e non que me traten como a un meniño, ou un tolo, un vello tolo. Non son un vello tolo. Eu decátome das cousas. Eu son eu. Máis ca ninguén (...). E estes dous merdentos que me asean non son ninguén (...). O que chegamos a ser."

Unha semana despóis, o home que se sentía deus, dono das vidas e das mortes, facedor de pesadelos, man diabólica tecedora de torturas, ladrón, corrupto mentireiro e indigno, que chegou a finxir unha loucura que non tiña para voltar ao país onde era impune, ese home con nome de morte acabou por morrer.

A presidenta das Avóas da Praza de Maio, Estela de Carlotto, (que ainda busca aos seus netos, roubados polos militares arxentinos e regalados a familias que tantos anos despois ainda os rouban cada vez, todos os días) dixo que "ninguén sinte alegría por unha morte, pero para Chile, Latinoamérica e o mundo todo é un día de alivio porque ainda seguía a ser perigroso, sempre escondía trampas para seguir influenciando. Dende hoxe, estará sendo xuzgado por Deus, ainda que a Xustiza non chegou".

Dende as Nais da Praza de Maio, Hebe de Bonafini lamentou: "Mágoa que morrera na súa cama e non unha cárcere, como correspondía". E Tati Almeyda dixo: "Pinochet é outro xenocida que morre e non é posible xuzgalo, sen embargo no seu caso a humanidade xa o condenou, non só os arxentinos e os chilenos".

O avogado chileno Hugo Gutiérrez, defensor nos xiuzos por dereitos humans, opinou que "este criminal foise deste mundo sen ter coñecido o significado dunha condea por todos os seus actos criminais".

Dende Francia, Sophie Tonon confesou que sinte frustración e tamén un "gran sentimento de cólera contra a xustiza francesa e a chilena porque non foron quen de xuzgalo a tempo". En sintonía, "a morte ganoulle á xustiza", recoñeceu o escritor uruguaio Mario Benedetti.

Pinochet morreu hoxe. No Día Internacional dos Dereitos Humáns. No día do cumpreanos da súa muller. Ás veces, a vida debuxa vieiros raros.

5 de dez de 2006

Esas raras enquisas

Vai chegando o ano 2007. E van chegando as eleccións. E xa chegaron as enquisas. Seica a Xunta de Galicia ten moito (moito!) interese en coñecer o que pensan os cidadáns galegos da diáspora. Cando menos, se non é interese no que pensan, é interese en algo e ese interese custa cartos públicos. E non serán poucos de seguro. Nos últimos cinco meses fun entrevistada dúas veces. As dúas quedei coa impresión de que, ou ben a estatística é unha disciplina moi primitiva na terra, ou ben esas preguntas non buscaban certamente coñecer o que penso, ou ben, se o buscaban, estaban a facelo dun xeito cando menos raro.

O día 18 de xuño atopei no meu correo unha carta da xornalista do periódico España Exterior Mónica Lázaro Jodar na que me contaba: "El motivo de la presente es que estoy realizando una serie de entrevistas a hijos y nietos de gallegos que forma parte de un proyecto de investigación de la Xunta de Galicia. El objetivo del estudio es conocer el vínculo que mantienen las segundas generaciones con Galicia. La investigación le servirá al Gobierno para trazar programas de actuación en las distintas esferas socioculturales. Para realizar este trabajo se eligió a dos países con características similares que sean representativos de la problemática migratoria. En este caso se inicia con Argentina. Se entrevistará a descendientes que residen en Buenos Aires, Córdoba, Rosario, Mendoza y parte del sur y norte del país. Te adjunto los cuestionarios dirigidos a hijos y nietos para que respondas el que corresponde".

Ainda que non haberá mellor profesional para facer o traballo de campo dunha enquisa que o que estudou para iso, calquera podería pensar que unha xornalista ten coñecemento abondo para facer entrevistas. Sen embargo, quedo coa lexítima dúbida sobre o trazado da mostra, o método para escoller aos participantes (no remate do correo, preguntábame se coñecía eu mais galegos para ser entrevistados) e -sobre todo- a representatividade dos resultados que logo, claro, serán publicados e usados coma testemunia do que os galegos e as galegas da diáspora pensamos.

Tamén na miña modesta opinión de xornalista e na miña opinión de alumna dalgunhas Metodoloxías na universidade, as preguntas parecéronme inxenuas, gastadas e cheas de tópicos. Por riba, formuladas dun xeito impreciso e irritante. "Cuénteme acerca de sus orígenes gallegos", era a primeira. "Non sei ben qué contar sobre elas porque a pregunta non é moi clara", respondín.

As seguintes parecíanme repetitivas. Na 2 querían saber: "¿Cómo repercutió en su vida su condición de descendiente de gallego?". Pero na 7 preguntaban: "¿Qué le aportó a su persona ser descendiente de gallegos?". Outras eran: "¿Cómo imaginaba o imagina Galicia según el relato de sus padres y familiares?", "¿De qué forma está vinculado con la colectividad gallega?", "¿Cuál es su vínculo con Galicia?", "¿De qué modo le gustaría estar relacionado con Galicia?", "¿Considera que Galicia tiene una deuda con sus descendientes?", "¿Qué actividades tendría que realizar la Xunta de Galicia en relación a los descendientes de gallegos?", "¿Está informado sobre la vida política gallega, sus partidos políticos, etc?". E non faltaban as típicas-tópicas: "¿Tiene previsto radicarse en Galicia?", "¿Cómo valora la lengua y cultura gallega?". Nin as políticas-partidarias: "¿Considera que los anteriores gobiernos gallegos se preocuparon por la situación de las segundas generaciones?".

Quixen saber quen pagaba este traballo, e a xornalista moi amablemente respondeume: "Con respecto a tu pregunta, este estudio fue encomendado y financiado por la Secretaría General de Emigración de la Xunta de Galicia". Se non me trabuco, a cargo de Manuel Luis Rodríguez González cuia secretaría xeral pagará -según atopei mergullando no DOG- á empresa Comunicación Integral Gallega algo máis de 154.000 € pola "realización da creatividade e desenvolvemento dunha campaña publicitaria de difusión e sensibilización sobre a inmigración en Galicia", según o expediente 8/2006 do DOG núm. 168, do 31 de agosto de 2006.

Nestes días, outra vez atopei un correo que falaba de enquisas. Mandábanmo dunha empresa chamada SiCuest "una consultora de Investigaciones de Mercado, Medios y Opinión Pública. Fuimos contratados por la Xunta de Galicia para realizar un estudio sobre la emigración gallega en la Argentina. Estamos realizando encuestas a emigrantes o familiares con ciudadanía mayores de 18 años. Mi intención es saber si usted puede ponerse en contacto con nosotros para establecer una cita (en el lugar, el día y horario que usted disponga) y así realizar la encuesta (que a mi criterio es muy interesante y amena). Le agradezco su atención".

Respondín que si, e unha rapaza chegou á miña casa cunha longa lista de 59 preguntas. Dixome que era a primeira enquisa que facía, que era a irmá dunha amiga da chica que me mandara o correo, que tiñan moitas entrevistas que facer, e que ainda que lera o cuestionario no bus non era quen de facer iso coma unha conversa e que era mellor ler cada unha para non mete-lo zoco. Moi ben.

Esa inexperiencia permitiume ler eu mesma moitas das preguntas. O percorrido comenzaba polos motivos que levaron aos meus a emigrar (pregunto: ¿non está iso suficientemente documentado e estudado por académicos tanto galegos coma arxentinos?), para pasar moi rápidamente a se eu era de esquedas ou de dereitas, a quen votara nas últimas eleccións galegas, e a quen pensaba votar nas vindeiras (non vexo a relación destas preguntas co tema da emigración galega na Arxentina).

Tamén moitas preguntas pedían que eu avaliara a xestión da Xunta e temas como a situación económica de Galicia, a situación política, a reforma do Estatuto, o dereito a voto dos emigrantes galegos, o voto no consulado e as axudas e pensións para os galegos da diáspora, entre outros temas sensibles. Sen embargo, e ainda que as alternativas eran "moi ben", "ben", "máis ou menos", "mal" ou "non sabe" e "non responde", notoriamente a alternativa "mais ou menos" engadía en maiúsculas ao lado "NON LER". É decir que, todas as veces (e foron moitas) que a miña opinión non era nin "ben" nin "mal" tiven que pasar de responder, non porque non tivera opinión senón porque quen en teoría quere saber o que penso sobre estes asuntos importantes para Galicia non quería medias-tintas.

De novo, quixen saber quen pagaba esta enquisa tan curiosa, tan político-partidaria, tan pouco interesada na miña opinión, tan rara metodolóxicamente falando, e mandei unhas preguntas á mesma moza e fixen unhas procuras na rede. Atopei que o estudio fora encargado pola Secretaría Xeral de Análise e Proxección que, segun atopei na páxina da Xunta, é dirixida por José Manuel Rivera Otero. Moito lin deste funcionario: seica é profesor na Universidade de Santiago de Compostela, ainda que os alumnos non falan moi ben del. Como home da xestión pública (so para este ano que remata tivo 2.206.349 de euros para facer o seu traballo) sinalou na Comisión 3ª da Cámara autonómica: “Un goberno precisa duns mecanismos de análise da situación social e económica do país” para poder deseñar unhas políticas públicas axeitadas e orientadas á cidadanía. Pero tamén acada non poucos descontentos. Sen embargo, o asunto acá é a enquisa.

Según souben, a Xunta contratou á empresa Sondaxe, "dentro da Corporación Voz" -pódese ler na súa páxina-, para facer un enorme estudo na Arxentina, Uruguai, México e Brasil. Para iso, a empresa galega tercerizou o traballo en outras empresas dos países da diáspora, pero esa tercerización ten límites cando menos raros: Sondaxe manda os cuestionarios xa feitos, sen posibilidade de correxiles sequera os erros que traen (por exemplo, palabras mal traducidas do galego, preguntas moi confusas que teñen que ser lidas ata tres veces, entre outros) e recebe as respostas de feito de elaborar alá as conclusións dun relevamento que foi feito lonxe e por outras persoas.

Os especialistas arxentinos ficaron sorprendidos cando receberon as preguntas. O que se presentaba coma unha enquisa sobre a emigración xurdía -co cuestionario na man- coma algo moi diferente. Pidiron, cando menos, a posibilidade de correxir os erros e reformular algunhas preguntas, tamén de poder engadir a alternativa "mais ou menos". Pero obtiveron so respostas negativas.

Tamén é curiosa a empresa que Sondaxe escolleu na Arxentina. Coma en todos os países, temos acá empresas mais ou menos sólidas, máis ou menos profesionais, e mais ou menos caras. Hainas con longas traxectorias e tamén as temos novas. Sondaxe contratou (cos cartos públicos) á empresa SiCuest. En verdade, SiCuest non é unha empresa rexistrada coma tal. É unha marca dentro doutra empresa sí rexistrada na Inspección General de Justicia e chamada Generática.

Na páxina de Generática, coma calquera pode ver, di: "Generatica S.A. es una empresa que desarrolla acciones que integran tecnología, marketing y comunicación. Su staff profesional cuenta con más de 10 años de trayectoria en capacitación, gerencia y ejecución integral de proyectos". Sen embargo, a empresa foi rexistrada -segun as normas e leis arxentinas- co expediente 704708 o 6 de xaneiro deste ano (2006). É decir que, no mellor dos casos, a traxectoria é de once meses.

Por riba, tamén pode lerse na súa páxina, que a especialidade non son as enquisas senón un cumio de servizos comerciais: "En un mundo de negocios cambiante, incierto y dinámico ofrecemos herramientas para la toma de decisiones en escenarios de incertidumbre decreciente. Con sede en Argentina brindamos conocimiento, ejecución de proyectos y tecnología que interesen al desarrollo de negocios. Nuestras divisiones especificas de investigación de mercados, marketing, integración de sistemas, y desarrollo de software trabajan en forma coordinada para dar soluciones productivas y oportunas a sus necesidades".

Xa quedou dito antes, moitas preguntas deixan estas enquisas. ¿Por qué a Xunta de Galicia paga a dúas empresas para facer un mesmo traballo? ¿Non é de sentido común que tendo dependencias especializadas na elaboración de estudos sexan eles os encargados de traballar as conclusións? ¿Non é cando menos raro que os cuestionarios censuren a posibilidade de decir que as cousas están mais ou menos, cando son problemas en curso, sobre os que tamén os líderes políticos galegos teñen opinións que cambian e se adaptan? ¿Por qué un goberno contrata unha empresa que contrata outra empresa sen unha presencia sólida no país de destino (podedes buscar nos xornais arxentinos mais importantes e non atoparedes artigos que falen de estudos feitos por SiCuest)? ¿Non merecemos os galegos todos -os da terra e os da diáspora- un respecto rigoroso á nosa opinión? E os que estamos lonxe, ¿non merecemos ser consultados coma cidadáns que somos?