25 de jan. de 2007

Na diáspora da ciencia

Moito imos ao psicologo, acá en Bos Aires. E digo en Bos Aires e non na Arxentina porque as taxas máis altas de seguidores de Sigmund Freud atópanse nas grandes megalópoles coma New York, París e algunhas outras capitais europeas e americanas. O fenómeno é dificil de explicar ata para os mesmos psicólogos, e os pacientes -coma seguidores dunha nova relixión- falamos de aprender a coñecerse un mesmo, de vivir mellor, de asumir os problemas e elaborar os traumas.

Cando o tema é xeral e non individual, colectivo, a complexidade dese coñecemento propio, dunha vida mellor e de elaborar os traumas, medra e medra. Xa non chegan os psicólogos e necesitamos de historiadores, de sociólogos, de economistas e de escritores. En Bos Aires, a capital do psicanálise, os galegos que chegaron e os que nacimos acá seguimos sen saber moito de nós, sen coñecérmonos ben, sen disfrutar da nosa rica identidade.

Na Arxentina, destino de barcos e de xeracións de europeus, se fixeron catro veces máis estudos sobre a emigración italiana que sobre a emigración española. Os datos foron publicados fai anos polos académicos Alejandro Fernández e José Moya en dous libros: “La emigración española en la Argentina” e “Primos y extranjeros”. E como pasa moitas veces, os números sorprenden.

É verdade que a emigración italiana foi a máis numerosa nestas terras, pero non é menos verdadeiro que de todas as etnias chegadas á Arxentina, a galega supera absolutamente a todas as outras. Chegaron máis galegos que cataláns, que vascos, que leoneses, que asturianos, que madrileños ou que cidadáns de calquera rexión do Estado español. Chegaron máis galegos que calabreses, que sicilianos, que napolitanos, que xenoveses, que romanos, ou que cidadáns de calquera rexión do Estado italiano. E ainda que chegaron moitísimos máis galegos que xudeus, a cantidade de traballos académicos sobre ese colectivo é dezaseis veces superior aos adicados aos homes e mulleres de Galicia.

As abismales disparidades tamén se atopan nos estudos migratorios dos colectivos menos numerosos, coma pode ser o galés. Entón, por qué hai tan poucos investigadores novos, nados na Arxentina pero fillos e netos de Galicia, con interese en traballar na súa propia história, na súa propia identidade?

Unha posible resposta a tece a escritora e académica María Rosa Lojo, autora de moitas novelas recoñecidas e que fixo da súa galeguidade parte do seu traballo de investigadora. Di ela: “É verdade que na Arxentina non é habitual que os escritores e científicos recoñezan unha orixe galega e, ainda menos, que sintan orgullo por ela. Iso ten motivos sociais: estamos nun país onde os libros de chistes de galegos foron best-sellers, onde o estereotipo do galego configurado no imaxinario colectivo presenta unha imaxe devaluada, na que non é cómodo ollarse reflectido”.

Por iso, eu concordo co chamamento que fai outra galega de Bos Aires. Chámase María Rosa Iglesias e é a nai do historiador galego-arxentino Ruy Farías Iglesias, que está rematando a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela cun estudo -precisamente- sobre os galegos do sur do conurbano bonaerense. “É preciso que os galegos novos -di ela- tomen conciencia da marxinación que existe no ámbito académico e que tomen conciencia de que a única maneira para revertila é facendo accións que nos dean sona, prestixio, que rachen o prexuizo contra o noso colectivo”.

21 comentários:

Anônimo disse...

Esa devaluación do ser galego no índice de valores do prestíxio non é precisamente un fenómeno arxentino ou bonaerense, se nos pasa até aquí mesmo!, nas mesmas entrañas do país!.... igual se se atopa a estratexia para borrar tantos anos de desprestíxio do noso no cono sur podemos reciclar a receta para uso local.
Moita sorte e os meus mellores desexos para calquera tarefa (épica!) que poda ser realmente efectiva nesa dignificación.

TXARI disse...

concordo co moucho nom é necesário ir tam longe para ver como se nos degrada por ser galegos, é uma auto.censuara que ás vezes doe como dor alhea...

Xosé Manuel Carreira disse...

A degradación do concepto "galego" na Arxentina pode ter bastante a ver coa crise económica e o consecuente rexeitamento de toda influencia estranxeira.

Unha cousa curiosa é que nas facultades arxentinas de psicoloxía aínda se estuda a psicanálise. Nas europeas non: a psicanálise non é considerada ciencia en Europa desde hai xa varias décadas.

O conductismo de Skinner e Pavlov primeiro e, sobre todo, o humanismo de Maslow, e o cognitivismo de Beck e as súas variantes posteriores acabaron sendo os referentes na psicoloxía europea actual porque explican mellor os procesos psicolóxicos.

Desde logo sería moi complexo mellorar dunha depresión con métodos da psicanálise.

torredebabel disse...

Grazas Moucho e txari pola contextualización xa que é ben interesante. Se é cando menos raro que habendo tantos galegos (de moitas xeracions) na Arxentina e tan pouco interese na galeguidade, o asunto tornase asombroso cando é semellante na propia Galiza. Moito temos ainda que facer...

Grazas tamén Mendinho! interesante a hipótese sobre o estereotipo do galego e a crise económica. Dende logo, pode ser unha mirada pero, curiosamente, esa cristalización do galego como bruto foise consolidando nas décadas mais ricas e opulentas da historia Arxentina. Hai moitos traballos ao respecto e -nese proceso- moito tiveron que ver os medios, a literatura e, tamén hai que decilo, os propios galegos como colectivo que non soubo desmontar esa idea.

Tamén é interesante a paixón dos académicos de Bos Aires (e doutras capitais do mundo) polo psicanálise. Certamente, dende a sua orixe foi unha técnica cuestionada e moitas veces atacada de "pouco científica" a mans de outras ferramentas máis próximas a ideas positivistas. Sei ben que en Europa non é unha técnica masivamente utilizada como é noutras partes do mundo, pero tamén sei que as poderosas empresas farmacolóxicas se fan ricas grazas a que a cantidade de medicinas que toma unha persoa promedio alá son alarmantes.

Na miña modesta opinión, o traballo terapéutico require moito da ciencia, moito da sorte e tamén moito da emotividad do paciente.

Grazas a todos por tan fabulosas achegas!

SurOeste disse...

A dominación simbólica afecta de tal maneira que os grupos marxinados e desprestixiados chegan a asumir con normalidade a súa situación. Aféctanos desde tempos inmemoriais ás mulleres, aféctalles aos negros, aos indíxenas...
Na Península ibérica os galegos foron un grupo despiadadamente desprezado e pode documentarse unha abondosa literatura sobre o tema desde o século XVI, polo menos. E iso quedou no subconsciente e mesmo nos dicionarios españois e portugueses (lembremos a recente polémica que chegou mesmo ás Cortes españolas).
Ser muller ou negro é difícil de disimular, ser galego non tanto e un para ser aceptado na sociedade pode actuar de dúas formas: asumindo o papel que os outros teñen de ti (cantos galegos acabaron de facer de bufóns de si mesmos nos escenarios e fóra deles, da mesma maneira que as mulleres acaban encarnando o ideal masculino do "ultrafeminino") ou disimulalo (Rajoy está a disimular moi ben coas súas metáforas taurinas e o seu estilo castizo-madrileño cando sobe á tribuna e o seu noxo polo galego). AS dúas son posturas de dominado.
o outro día lin na Voz que o pai de Spinoza era de Ourense, xudeo que tivo que fuxir a outro lugar máis tolerante. Nas biografías do filósofo consta que era de orixe portuguesa. O mesmo problema seique tiñan Camoes e Cervantes: xudeos conversos ou galegos ou, que horror!, as dúas cousas ao tempo. O certo é que a súa orixe sempre a mantiveron en segredo e mesmo deron pistas falsas.

Mario disse...

Pero tamén teñen o ancho orgullo de saber que foi en Buenos Aires onde se creou a primeira organización independentista (a Sociedade Nazonalista Pondal que precisamente rebentaba actos antigalegos), e onde escolleu Castelao ir morrer. Eu creo que só terían que tirar un pouquiño do fío (invisíbel ou non) para decatarse do moito que significan aquí e do orgullo mútuo que deberamos ter uns dos outros.

Lúa disse...

moitos saudos e seguide loitando polas raices... Galiza e os galegos fixemos cousas boas e bonitas, as sufecentes pra non dar importancia aos ca nos teñen por menos...bicos!

Seoman disse...

A emigracion galega, ese dato historico que marcou as nosas vidas. Que non ten un pariente o achegado que tivera que facer o viaxe. Tristes ainda que emotivos momentos.
Está claro que eso dos chistes influiu en que a mayor colonia sexa a galega, porque que mellor maneira de acertar cunha decision que adoptar a mais xeral?
Un saudo dende as terras galegas

Da sibeira e do cuarto disse...

Recuperar a dignidade de sermos galegos en Bos Aires, en Caracas, en Barcelona, en Vigo, ... Fóra e dentro. Velaí o reto da nosa xeración. Queda moito traballo por fecer nesta tarefa colectiva: a socialización dunha conciencia galega digna. Estamos nese camiño. Agora si que non pode haber volta atrás.

Anônimo disse...

Cómpre tamén matizar. É certo que hai unha morea de estudos sobre os xudeus -aínda que non sempre de grande calidade- ou os galeses -igual. Cantidade non é igual a calidade: ningún deles ten unha obra como a de Alberto Vilanova, "Los gallegos en la Argentina", 2 vols, 1966. Colectividades ben prestixiadas, moi endogámicas, de grande nivel cultural e económico e moi conscientes das súas raiceiras, como a armenia, a penas teñen historiadores que se interesen por elas. O interese polos italianos e moito maior, mais moitas veces veu dende fóra da colectividade italiana e da man de historiadores que non eran italianos de orixe. Hai moitas outras razóns: maior antiguidade e presenza dos italianos, interese académico maior en Italia e máis antigo -os estudos migratorios en Galiza comezan, realmente, nos anos 80-, e tamén unha absoluta falla de profesionalidade e idea de que facer co seu propio pasado daqueles sectores da colectividade galega que, con nomes institucionais de grande rebumbio (tipo Instituto Argentino de Cultura Gallega, institución inútil e abúlica onde as haxa) ou con xeneroso financiamento dende Galiza que non se sabe en que se inviste (cátedras Castelao na UBA, na Univ. de Belgrano, mesmo algunhas endeitas recentes), non foron quen de xerar estudos profesionais sobre o pasado e presente da colectividade galega na Arxentina, con poucas excepcións. Con todo, hai máis interese entre os galegos de Bos Aires por estudaren o seu pasado do que se pensa. Mais ao mesmo tempo hai demasiado barallán -non os nomes que citas, nin Pérez Prado, nin outros- que gosta de presentarse como "intelectual galego-porteño" e que só repite lugares comúns e ideas ocas, que pretende gardar documentos supostamente valiosísimos sen deixar velos e por suposto sen catalogalos e sen ter nin idea de que se pode facer con eles, ou que sinxelamente pensa que, agora que os cartos están en Galiza e non como acontecía hai cincoenta anos ao revés, trátase de que lles deixen seguir co conto pero sen render academica e profesionalmente. Por sorte, as cousas están mudando moito nese senso. Pero os galegos, segunda nación do mundo en contribuír con inmigrantes á forxa da Arxentina, son tantos e as súas vivencias tan variadas, que a fame por saber verbo deles xamais se saciará. Pasos se darán.
Por certo, hai máis estudos que os que citas -a tradución do libro de Moya non incorpora as novidades bibliográficas sobre españois e galegos dende praticamente 1990, pois e unha tese de doutoramento presentada en Rutgers Univ. no 1988, e publicada en inglés no 1998. Algo choveu dende aquela. Algúns ben orixinais: gostaría de citar o traballo sobre os galegos en Olavarría de Alicia Alonso da Rocha, unha pequena alfaia. Ou a recente biografía de Andrea Reguera sobre Antón Santamarina, ourensán el. Ou o que se produce en Galiza ou dende Galiza.

Anônimo disse...

Non me sorprende nada do que dis. Eu levo toda a vida oíndo a galegos, nacidos e residentes en Galicia, falando mal da súa terra, dos seus coterráneos e, por extensión (e ignorancia) de si mesmos.
Igual si Beckham, Ronaldinho ou Saviola fosen galegos, algúns empezarían a non ter vergoña de mirarse no espello. Ou igual terían fama mundial, excepto entre os demáis galegos.
Xente coma tí si fai que nos sintamos un pouco máis orgullosos do que somos. Un abrazo.

torredebabel disse...

SurOeste, diches precisamente co nó do asunto que eu quería mostrar. E penso que o teu comentario deixa núa e diante dos ollos unha realidade que, por moi recoñecida e asumida que sexa, sempre é relevante lembrar: actuamos como dominados, como un pobo sometido e minusvalorado. E, se non reflexionamos cada día, unha e outra vez sobre isto, ainda criaremos aos nosos fillos no mesmo esquema de sometemento. Grazas sempre pola túa mirada!

Grazas tamén, Mario! Sen dúbida somos moitos na diáspora (e medrando en número) os que levamos con moito orgullo a nosa historia, pero non é abondo: temos que ser máis, temos que ser todos! E saliento iso que dis: "O orgullo mútuo que deberamos ter uns dos outros". Si señor!

Moitas grazas Lúa polo ánimo e pola lembranza das boas cousas que fixemos. Grazas moitas tamén a Seoman porque tes toda a razón: a emigración é "ese dato historico que marcou as nosas vidas". E cómo as marcou... Por iso, asino as palabras de Da sibeira e do cuarto cando di: "Recuperar a dignidade de sermos galegos en Bos Aires, en Caracas, en Barcelona, en Vigo, ... Fóra e dentro. Velaí o reto da nosa xeración". Sen dúbida queda "moito traballo por fecer nesta tarefa colectiva", pero se cadra nunca antes houbo tantos galegos tan ben formados, tan ricos nas ferramentas intelectuais e emocionais que fagan posible unha toma de conciencia masiva. Ogallá podamos espallar o amor por Galiza.

Benvido Isildur e moitísimas grazas polo panorama honesto e real cento por cento que deixa nesta páxina. Coido que é unha obviedade decilo, pero non era a idea dun artigo de poucas líneas facer un percorrido rigoroso polos moitos traballos feitos sobre os galegos na diáspora. Os libros de Fernandez e Moya foron citados porque deles sairon aquelas cifras que -ainda que vellas- me parecen significativas para falar do que tan claramente anotou SurOeste. O seu comentario enriquece xenerosamente o texto que deixei cos datos precisos e unha mirada descarnada.

Estou segura que moitos nesta beira se alporizarían se leesen as súas palabras, pero cando dí que hai "unha absoluta falla de profesionalidade e idea de que facer co seu propio pasado daqueles sectores da colectividade galega que, con nomes institucionais de grande rebumbio (tipo Instituto Argentino de Cultura Gallega, institución inútil e abúlica onde as haxa) ou con xeneroso financiamento dende Galiza que non se sabe en que se inviste (cátedras Castelao na UBA, na Univ. de Belgrano, mesmo algunhas endeitas recentes), non foron quen de xerar estudos profesionais sobre o pasado e presente da colectividade galega na Arxentina, con poucas excepcións" non fai máis que decir a verdade máis verdadeira.

Cando fala dos "baralláns" que se presentan como "intelectual galego-porteño" e cando refire aos tutores deses "documentos supostamente valiosísimos" que ninguén viu ainda, tristemente fala da realidade da colectividade galega en Bos Aires que, por esas e outras características, xa non digo que non atrae senón que expulsa aos galegos novos que nada queren con eses estilos tan deshonestos. E non falemos xa dos funcionarios de centros e asociacións así como moitos funcionarios deles que non falan o galego. En fin... so rescatar aos que sí traballan, aos que si aman e respectan a Galiza e que tamén son moitísimos. Neles está -na miña opinión- o futuro.

Grazas polas referencias a Alicia Alonso da Rocha (de quen non fun quen de atopar información) e de Andrea Reguera!! A ver se en pouco tempo podo entrevistalas e contarvos destes traballos.

Finalmente, Grazas F. Miguez! moi triste é o que apuntas dos galegos que falan (e pensan!) mal da súa terra. É un xeito de auto-odio que -ainda que non sexa xeral- é preocupante. Se cadra, non hai xogadores de futbol tan pero tan famosos como os que anotas, pero sen dúbida hai homes e mulleres destacados e ben merecen o noso orgullo.

De novo, grazas enormes polo xeito tan fascinante e xeneroso que tedes de mellorar, enriquecer e completar os modestos artigos que vou deixando.

Anônimo disse...

De nada, Torre de Babel. O meu comentario talvez foi un pouco pedante, e descúlpome por se semellaba unha sorte de "posta ao día". Non foi con esa intención.
Só quería tamén sinalar unha cousa: ás veces, os galegos dunha beira e outra tamén tendemos á autoflaxelación, pensando que todos os demais son listos e nós non. O que adoita traducir inconscientemente unha sorte de aceitación do prexuízo externo contra do galego (ou sexa: se os demais din que somos "bosta de paloma", como dicía Perón dos milicos, será que algo de "bosta" -non falo de fútbol, que conste!- somos). Unha ollada ao exterior tamén permite ver que hai futuro. E o futuro é apostar, tamén na colectividade galega de Bos Aires, polo que ti representas, e non polos cocidos do Centro Lalín ou as flamencadas patéticas doutros centros, as gaitas choromiqueiras -outra cousa son Xeito Novo e o seu marabilloso exemplo de mestizaxe cultural-, os menús supostamente galegos que xa non se sabe o que son (e falo mesmo de morriñosos restaurantes moi caros), e mais o uso litúrxico do idioma -aínda que a identidade galega de segunda xeración na Arxentina será en castelán, en porteño para sermos precisos, de xeito maioritario. Apostar polo futuro e deixar o pasado para ser lembrado, estudado e analisado. E de cando en vez conmemorado.
Canto a Alicia Alonso, mándalle un correo: auronso@yahoo.com.ar. Andrea Reguera é docente na Univ. Nacional del Centro, en Tandil. Non é galega de orixe, que eu saiba, pero o seu libro sobre Santamarina (publicado en Eudeba o ano pasado) está moi ben.

Anônimo disse...

Por certo, que é Aurora Alonso, non Alicia, trabucábame.

Torreira disse...

Torre,ti si que es un bo antídoto contra eses prexuizos pangalaicos dese pais irmán que é Arxentina

torredebabel disse...

Isildur insisto no agradecemento porque os datos engadidos (así como os comentarios sobre a realidade da colectividade galega de Bos Aires, imaxino que non moi distinta a outras no mundo) non fan máis que mellorar e informar sobre xentes que ben merecen ser coñecidas. Con moitísimo gusto verei de facer algun contacto coas académicas que tan xenerosamente mencionaches e, se é posible, contarei sobre eses traballos que xa anticipaches que son fabulosos. De verdade, moitas moitas grazas!

Tamén infinitas grazas ao admirado Torreira, virtuoso ilusionista das palabras, pola compaña de sempre e por deixar sempre comentarios tan bonitos e alentadores. Graciñas!

Raposo disse...

O feito de que as grandes metrópolis sexan o paraiso dos psicólogos creo que ten que ver coas présas, o estrés, a deshumanización das cidades e a soedade.
"Yo que estaba solo, en medio de tanta gente" (creo que pertence a unha canción de Amancio Prada), define ben ese estado. Vives nun bloque de 15 pisos, traballas nunha gran fábrica, perteneces a tres peñas, falas con moita xente.
Pero no fondo estás solo, rodeado de extraños,incomunicado. Nese caldo de cultivo os psicólogos fan o seu agosto.
Unha aperta.

Anônimo disse...

O autoodio é un concepto extendido en sociolingüística, é algo que che transmiten de neno seguramente os teus pais ou ás veces no colexio. Cando se nace un non pode elexir a educación que lle van dar, cando es adulto e non estás de acordo con ela loitas contra os teus propios sentimentos prexuizosos e vas ao sicólogo para entender porque tes un conflito contigo mesmo.

Cando unha persoa é maltratada, poñamos durante dez anos, pensa que a súa vida non ten sentido sen o seu maltratador: sen el non son nada; pensa que é necia, que o merece, e eu que sei cantas cousas máis. É probable que nunca deixe ao seu maltratador, é probable que ata queira deixar de existir, se cadra ata deixa de existir entre as súas mans. Supuxemos que foron dez anos, pensemos agora que foron séculos de maltrato, de comentarios, de reprimendas, de fame por ser que es, e que foi a todo un pobo e temos aos galegos.

E chegamos a hoxe, e eu pregúntome haberá sicólogos que traten a todo un pobo? Que sexan capaces de quitarlle os prexuízos da cabeza a unha etnia enteira?

Basho disse...

Sobre os chistes de galegos já temos falado tu e mais eu, Torredebabel, mas a vingança acabou por ser-nos servida em bandeixa de prata!: a abundante emigração argentina dos últimos anos (bem seja por causas políticas durante os anos da ditadura; bem por causas económicas mais recentemente) deu origem aqui a muitos chistes sobre os psicólogos argentinos!!

O meu comentário pode parecer uma frivolidade algo parva fronte a um tema tão grave como o do teu post, mas acho que um pouco de humor tira-lhe tensão ao assunto.

Mas também posso falar a sério: o respecto pela origem (prefiro o termo ao de "orgulho") há anos que vem melhorando dentro da Galiza, embora não achasse reflexo se nos fixamos no uso da língua, por exemplo. A melhor prova dessa melhora é o facto de que os partidos mais recalcitrantemente anti-nacionalistas viram-se obrigados a incorporar ao seu discurso um verniz galeguista. Manuel Rivas tem elaborado muito sobre o tema, sobre tudo ao comentar os diferentes pontos de vista do PP a nível estatal e galego. A famosa esquizofrénia que os força, contra-natura, a aparentar o que não são nem querem, mas têm de ser para que o eleitorado não lhes volte as costas em massa. É claro que é só um passo e que a sua relevância real pode ser discutível, mas ai está.

As coisas não mudam de repente, e isto vai levar anos. É muito importante não perder o ânimo e seguir a buscar pequenos triunfos como esse, acho eu.

torredebabel disse...

Raposo a túa radiografia das grandes metrópolis modernas penso que é moi apropiada. Moitos xa teñen dito que a soidade e os problemas de comunicación son a grande cuestión destes tempos nos que vivimos atrapados polos mobiles e as mega-torres nas que vivimos. Somos ben raros os humanos...

Xulieta diches no ponto que máis me interesaba deste asunto. A ciencia non fai máis que reflectir os nosos medos, os nosos traumas, as nosas ilusións e paixons. No persoal, penso que non chegan os psicólogos para tratar a todo un pobo. Penso que fan falta historiadores, economistas, escritores, mestres, médicos, vendedores, pais e nais, nenos, fotógrafos... todos nós, en definitiva.

Parzival, qué ledicia este comentario! O asunto dos chistes, moi falado pero nunca abondo, é un tema que moitos ven como menor. Non é o meu caso. Ninguén máis cos emigrantes para decir o que doen esas risas dos outros, o que firen, canto e canto menosprezan. Fará uns meses, camiñaba eu co meu home e o meu fillo por un parque no que se venden libros usados e vellos, cando un vendedor quixo contarme un chiste de galego. Con cara de poucos amigos, díxenlle que o seu chiste non era de galegos senón de brutos e que disos había en todas as sociedades e pobos. Respondeume que el podía contar chistes de galegos porque era fillo de galegos. E eu rematei a conversa dicíndolle que tamén eu era filla de galegos e -a diferencia del- respectaba a miña orixe e a dos meus e non me burlaba dela. E daquela, non lle permito chistes de galegos a ninguén na miña presencia. Non estando eu, que fagan o que queiran.

O que dis sobre as actitudes dos grupos máis antinacionalistas é certamente así e moi interesante que o comentaras. Non é tanto nas coherencias onde se coñece a alguén, senón nas contradiccións. E diso temos exemplos en todos os países!!

Jorge disse...

António Aniceto Monteiro: um matemático português na Argentina

Por favor vejam

http://antonioanicetomonteiro.blogspot.com/2006/12/cronologia.html

http://antonioanicetomonteiro.blogspot.com/index.html