18 de fev de 2007

Doentes de emigración

Alexandre García-Caballero é neto dun arxentino fillo de galegos que naceu en Chabás (provincia de Santa Fé) no ano 1898 e que coñeceu o retorno a Galicia alá polo 1914. E o que o avó de Alexandre García-Caballero tamén coñeceu foi a certeza de que ás veces voltar non é para mellor. Se cadra o soubo cando fixo medrar mais ainda as listas dos represaliados por republicáns.

Alexandre García-Caballero é psiquiatra e ven de gañar o premio Ramón Piñeiro de Ensaio. O traballo feito xunto ao seu colega Ramón Area Carracedo leva un nome cando menos curioso: Psicopatoloxía do retorno. Porque a emigración enferma. E os galegos levamos décadas sen dar cunha terapia que nos sande.

Co Atlántico por medio pero os fíos da tecnoloxía do noso lado, estas dúas beiras achegáronse algo nesta entrevista mantida polo e-mail (versión completa acá).

- Por qué sintiron interese en mergullar no xeito de reinsertarse en Galicia dos retornados. Por qué ese tema. Por qué esa búsqueda?
- A investigación, o tema, viu dalgún xeito imposto. Eu traballo nunha unidade de saúde mental en Ourense dende hai 5 anos. Pola miña consulta pasan centos de persoas ó mes con queixas varias, moitas son debidas a patoloxías mentais graves, pero noutros moitos casos a demanda é máis borrosa. Os nosos pacientes sobre todo os máis vellos, non están afeitos a psicoloxiza-los seus problemas, senon que somatizan os seus conflitos. Daquela as queixas soen ser, polo menos nos vellos, por problemas físicos, pero a pouco que se rabuñe nesa códia o que aparece detrás é todo un mundo de tensións, de relacións persoais problemáticas, de frustracións nos proxectos... Despois de tempo escoitando estas historias, encetei a recolle-las de forma sistemática e a preguntar abertamente pola experiencia migratoria. Despois de recoller estas historias durante dous anos (uns 70 casos), escribín un borrador. Este texto inicial foi sobre o que traballou Ramón Area.

- Escoitei no Diario Cultural da Radio Galega que falaba vostede especialmente dos casos das mulleres que chegaban á vosa consulta con cadros de depresión. Quixera saber se existen diferencias entre o xeito de responder a este sentimento de alienación na propia terra entre os homes e as mulleres e cales serían esas diferencias.
-Para os homes a adaptación é máis sinxela porque existen no rural espacios de lecer axeitados para eles. Non sucede o mesmo para as mulleres, que viven á volta como unha experiencia regresiva con respecto ós dereitos e servizos que tiñan noutros países ou no medio urbán. Doutra banda a narración de cada un é diferente porque mentres os homes valoran o conquerido, ás mulleres valoran máis ás relacións, sobre todo cos fillos. Varios casos que vimos de mulleres eran de nais solteiras que despois de moitos anos fóra de moito sacrificio chegaban aquí para decatarense de que os fillos non querían saber nada delas. elas facían o dó pero por outra banda tampouco querían molestar.

- Sinalan vostedes duas fontes de conflicto emocional: por unha banda, “situacións relacionadas co desencontro cos fillos que non voltan” e por outra “co encontro cos que quedaron aquí e que non entenden porque se foron, desubicación ao regresar tras moitos anos emigrados”. ¿Como funciona cada unha desas problemáticas?
- Para os emigrantes o ideal é un ideal sacrificial, isto está por exemplo na excelente novela Mamá do voso compatriota Jorge Fernández que citamos no texto: "Para avanzar había que sufrir y sufrir era avanzar", di nalgún sitio referido ó seu pai. Pois ben, este ideal pode non ser compartido polos fillos que criados en berce alleo (en Suíza por exemplo, noutro contexto, compartindo un estado de benestar e unhas oportunidades que nada teñen que ver coas da orixe dos pais) simplemente non entenden o mundo do mesmo xeito. Ás veces, isto pasa tamén cos nenos criados polos avós. Se os fillos asumen este ideal entón non hai conflito e pode ser un éxito, pero que ocorre cando o critican? Hai tamén unha cuestión política. Mentres os emigrantes manteñan a súa vista fixada na terra e se comparen co grupo de pares da súa aldea, non cobran "conciencia de clase" no país de destino.

-Ainda que non sexa asunto da vosa investigación, quixera preguntarlle se é posible imaxinar as características do retorno nos vindeiros retornados que son os mozos e mozas galegos, novos, profesionais, hiperformados que tamén hoxendía siguen a emigrar.

- Nun mundo globalizado, as diferencias hanse reducir, pero o que sinalamos no texto é que políticamente o que os retornados reclaman é un funcionamento social "limpo" alleo a cacicadas, meritocrático: son ideais das revolucións burguesas, pero no noso país, aínda que melloramos moito, parece ás veces que a ilustración e a revolución francesa non sucederon hai máis de douscentos anos. Esta reclamación está detrás de moitas das queixas dos nosos emigrantes actuais ás universidades de media europa, ou a traballos cualificados en Inglaterra ou Escandinavia.

((Fotos de Manuel Ferrol))

17 comentários:

Mario disse...

Canta razón no último, o de que non hai un sistema de funcionamento social "limpo".

A Raíña Vermella disse...

Está claro que a cultura e a historia de Galiza fan que o noso perfil psicopatolóxico sexa bastante peculiar. Eu andiven a ler aí atrás sobre o tema, pero todo o que atopei era máis ben sobre o conflicto rural-urbano ou a adaptación á "modernidade". Este libro promete unha nova prespectiva. Tamén merecería a pena facer un estudo sobre a muller no rural galego na actualidade, como parece apuntar un pouco unha das preguntas da entrevista, e tamén sobre esa idea tan xudeocristiá de "vivir para traballar" que parecen ter tantos galegos, e que estou segura que orixina moitísima patoloxía, porque non deixa sitio para nada máis que para o traballo, coas conseguintes depresións, estrés (que non é so cousa da cidade) etc.

Mrs.Doyle disse...

Os sistemas poden ser limpos. As persoas soen non selo...

XM Carreira: Caixa do Mendinho disse...

Non sei a Torre de Babel que lle parece, desde a distancia, o sistema de acceso á profesion docente universitaria na Galiza.

Teño visto casos de brillantes doutorados en universidades de prestixio anglosaxonas e con publicacións de impacto seren menosprezados por tribunais en favor de xente de moi inferior categoría e que nunca saíu do departamento da mesma universidade na que se formou.

Esta situación está a provocar unha fuga de investigadores na Galiza, unha nova emigración de alto nível, da que non se soe dicir claramente na prensa as causas.

Torreira disse...

Reconectas os meus circuitos neuronais babel e estouche agradecido.Concordo co artigo e as consecuencias do regreso ao lar despois de anos.En esto como na maioria das cousas as mais afectadas son as mulleres.Coídeseme

Ra disse...

OLé por tus palabras...las fotos me impactaron tanto, tanto...
Abrazo!

Da sibeira e do cuarto disse...

Moitas grazas Torre pola entrevista. Un cousa a engadir, no caso dos que viviron debemos falar de retorno, sen dúbida, epolo tanto dunha Psicopatoloxía asociada ao retorno, agora no noso caso, fillos e netos de emigrantes que nunca vivimos en Galicia e que poderiamos algún día, se cadra, ir vivir a ela, neste caso seguro que falariamos dunha Psicopatoloxía da chegada. Estou certo que esa chegada sería dabondo complexa. Unha aperta Torre, dende o mediterraneo.

X disse...

Como di "da siberia e do cuarto", se importante é a psicopatoloxía da volta, a partir de agora debería ser máis importante a "da chegada", ese encontro do que chega, en moitas ocasións frustrante, coa realidade galega actual. Saúdos e parabéns unha vez máis polo seu blog.

Lúa- Haberlas, hailas... disse...

Galiza maldita pola sombra da emigrazon, por sempre xamais....sniffff

paideleo disse...

Alá foi o meu comentario... Bueno, que cando botas un tempo fóra ( eu estiven ano e medio en Londres e tres anos nos EEUU ) xa non pertences ó cen por cen a un sitio. Tés como o corazón repartido e notas que hai ocos e vacíos do tempo que estiveches fóra...E logo preguntan: que prefires, isto ou aquilo ?...Coma se un puidese escoller entre o ollo dereito ou o ollo esquerdo.

moucho branco disse...

chamoume poderosamente a atención o da diferencias de xénero en función dos espacios de ocio e dereitos no retorno... canto di sen dicer moito.

FraVernero disse...

Sé é que nunca se volta... Alomenos, ao lugar do que se saiu. Nunca hai retorno posíbel, e a realidade, idealizada pola distancia, tamén ten os seus pozos tenebrosos.

A integración pode ser difícil, e conflictiva. Xa lembro incluso na época NÓS a atitude ambivalente cara o retornado, especialmente o 'indiano' cheo de cartos: actuaba como disolvente desprezativo das formas locais (ten Castelao un cadro ao respeito). Lonxe dos seus purismos, tamén se pode ver o aire da modernidade que facían entrar nun rural aínda baixo a pesada lousa do clero...

O Peto Lareto disse...

Eu son un desos "hipercualificados modernos", emigrante de terceira xeneración (xa caseque é tradición familiar) pero con dous matices importantes:
O primeiro, a miña especial modalidade de emigración, pois por ser "só" 700 quilómetros (ou o que é o mesmo na outra punta do estado)dínme que so son un "desprazado", sen ter en conta que tardo alomenos 5 ou 6 horas máis en voltar á casa que calquer outro emigrante en Europa.
O segundo matiz ven dado pola miña renuncia a voltar, básicamente pola perda da fé naquelo do "funcionamento social limpo".

A sensación de perda de algo indeterminado pero sen dúbida moi perto do meu cerne non se alivia co tempo, máis ben medra e fai medrar o valeiro interior.

Suponse que son máis "leido", máis "formado", máis "informado", pero eso non me quita de ser igual de morriñento que meus pais.

Laurindinha disse...

Realmente interesante ver como a psicoloxía prosigue a avanzar deste xeito... agora a propósito do "mal" da emigración; o que vivín máis de preto son as historias de nenos e nenas que foron criados polos avós... dende nena reparei no terrible que debía ser que a "verdadeira" nai, a avoa, deixase tan logo orfos aos seus nenos... Bicos!!!

torredebabel disse...

Pode deberse ás limitacións do meu galego. Ou pode deberse á enorme xenerosidade que tendes todos. O caso é que non atopo verbas mais apropiadas para responder aos vosos comentarios que "Moitas Grazas!". Moitas grazas a todos! Moitas grazas a Mario e a Mrs.Doyle pola reflexión sobre o que o entrevistado define como "funcionamento social limpo". Penso coma Mrs.Doyle, moitas veces, os problemas son menos as institucións e mais as persoas.

Moitas grazas á plural e reflexiva Raíña Vermella que non deixa de facernos pensar e pensar dende o seu blog. Como sabedes, Bos Aires é unha das cidades mais psicanalizadas do mundo e, precisamente, un dos pontos mais conflictivos e problemáticos que enfrontamos os fillos de emigrantes é a dificuldade para disfrutar, a obriga do traballo todo o tempo e como fin en si mesmo.

Moitas grazas a Mendinho pola interesantísima reflexión que deixa. Dende logo, as universidades non son outra cousa que unha pequena mostra do que é a sociedade para a que forman profesionais e académicos. As miserias e as grandezas que deixan ver son -sen moita variación- as mesmas que se poden identificar nas institucións, grupos e individuos desas cidades ou pobos. E entre os académicos hai persoas tan inseguras, tan vulnerables e tan marabillosas e mediocres como hai entre os carpinteiros, os médicos, os fontaneiros e os políticos. O que contas, esas lamentables escenas de mediocres profesores menosprezando a colegas moito mais cualificados, non son privativas de Galiza senón privativas das cátedras irrespectuosas que as hai -coido- en todas as universidades do mundo. O malo é e que envelenan as posibilidades de futuro desa mesma universidade e afastan aos novos investigadores, como ben contas.

Moitas grazas Torreira! sen dúbida tanti ti coma moucho branco puxestedes o ollo nun tema sensible: as mulleres, as do rural e as da cidade, volvendo e atopando unha Galicia que non é a que botaron en falta durante décadas. As mulleres afastadas da sua familia durante anos e anos. As mulleres que inmolaron toda a vida e logo xa nin saben para qué. So as almas sensibles coma a vosa poñen nos protagónicos ás persoas máis fráxiles.

Moitas grazas Ra pola mención ás fotos de Manuel Ferrol. Coido que ninguén falou tanto e tan ben da doenza da emigración en Galiza. E falou sen palabras, se cadra o mellor xeito de falar dun tema tan duro.

Moitas grazas Suso e X por engadir unha mirada tan intelixente sobre o mesmo fenómeno da entrevista. Sen dúbida, o tema da emigración ten tantas capas coma unha cebola. O fenómeno dos fillos e netos de Galiza que volven (porque é voltar ainda que non estiveramos alá) tamén da para moito análise, para moitas historias e para un traballo que, dende logo, teremos que facer medrar nós mesmos.

Moitas grazas Lúa por poñer en tan poucas palabras (e tan xustas, claro) a síntese do que todos os galegos levamos na alma. E moitas grazas paideleo por engadir a tua historia, tan fermosamente compartida nos ultimos tempos con nós, tan elocuente do que estamos a falar. Grazas tamén por esa frase tan impactante: "Coma se un puidese escoller entre o ollo dereito ou o ollo esquerdo".

Tamén moitas grazas a Peto Lareto! Todo o que dis merece ser lido varias veces. Eu quixera salientar dúas frases: "A sensación de perda de algo indeterminado pero sen dúbida moi perto do meu cerne non se alivia co tempo, máis ben medra e fai medrar o valeiro interior". E tamén: "Suponse que son máis "leido", máis "formado", máis "informado", pero eso non me quita de ser igual de morriñento que meus pais".

Moitas grazas admirado FraVernero! xa o decía Borges, verdade? o río nunca é o mesmo e os lugares tampouco o son. Pero para quen sae da terra, o seu lugar sempre é igual, sempre é o mesmo na memoria, nos sentimentos. Ese, coido, é o principal problema...

Moitas grazas benquerida Laurindinha! esas historias que contas e xa temos unha nova capa da cebola nos netos-fillos. Cantas caras, cantos sofrementos, cantas bágoas e pegadas espantosas que imprime a emigración. Canto hai por facer... Moitas grazas a todos vós!!

Fulanita de Tal disse...

Eu som nómada: estivem fóra 1 ano e agora vou embora outra vez para vários anos.
Nom creio que, hoje em dia, se poida falar de emigraçom no caso da Galiza. É muito defendível que cada quem viva onde queira, mesmo se é com a finalidade de progredir laboral ou pessoalmente.
Quero dizer que afirmar que há que emigrar porque o sistema é corrupto ou atrai aos corruptíveis é muito cómodo. Ficade e loitade ou, se nom, nom vos queixedes e, desde logo, nom retornedes para passar a vida a comparar Galiza com Wonderland --leia-se Barcelona, Alemanha, EE.UU.,...--.

torredebabel disse...

"Ficade e loitade ou, se nom, nom vos queixedes". Pois coido que cada quen pode facer o que lle pareza: ficar, loitar e tamén queixarse. Por que non? E é moi cómodo, tamén, pensar que os sistemas non son os que expulsan ás persoas senon que se trata de moitas persoas ás que "casualmente" deciden emigrar. Xa o decía Franco: "O galego é aventureiro".