11 de fev de 2007

Seguindo as pegadas de Seoane

“Buenos Aires, a cosmopolita urbe do sur de América, tiña máis dun millón trescentos mil habitantes, dos cales máis dun setenta por cento eran estranxeiros cara a 1910, cando naceu nela Luís Seoane no seo dunha familia de inmigrantes galegos”. Así comeza a formidable crónica que os irmáns Pablo e Eduardo Rodríguez Leirado veñen de publicar na revista Grial para percorrer cos lectores o roteiro Luis Seoane en Bos Aires. Vinde, que o paseo tralas pegadas que deixou nesta cidade non teñen desperdicio.

“Buenos Aires e Luís Seoane están intimamente vencellados, hai rastros e testemuños por todas partes da súa intensa actividade como editor, periodista, ensaísta, ilustrador, deseñador, cartelista, pintor, ceramista, gravador, poeta, dramaturgo e muralista, o que, sumado ao seu compromiso social e político, o converte nunha figura extraordinaria. Pero coidamos que das múltiples facetas que presenta Luís Seoane, a de muralista é a que máis o une a Buenos Aires. Nas paredes da capital arxentina aínda hai máis de trinta murais que falan desa simbiose”, explican os Rodríguez Leirado.

Pablo Rodríguez Leirado é xornalista e sinónimo dunha moi boa publicación de cultura (á que tristemente non poden adicarlle moito tempo por estas datas), Sitio al Margen. Tamén, foi corresponsal do portal Vieiros en Arxentina entre 1999 e 2003. Pola súa banda, Eduardo Rodríguez Leirado é arquitecto, especialista en informática dixital aplicada á arquitectura, o deseño e a historia, e actualmente traballa na recuperación e divulgación do arquivo de placas fotográficas do Instituto de Arte Americano da Facultade de Arquitectura da Universidade de Buenos Aires.

No artigo lembran: “Esa xenerosidade que Maruxa e Luís Seoane brindaron á parella de Pilar Xeremías Cela e Xosé Martínez Romero-Gandos varios anos despois atopa un xeito moi particular de agradecemento nos percorridos que organizan a varios dos murais de Seoane para os que veñen de Galiza en visita a Buenos Aires. (...) Unha das visitas, Aurichu Pereira, ao remataren a xira polos murais, suxeriulles plasmar e difundir dalgunha maneira ese percorrido para “que os que chegamos a estas terras non perdamos semellante beleza”. No ano 2000 conformouse un grupo de traballo, (...) para relevar e situar os murais de Luís Seoane, evitar que se destrúan e crear un sitio web homenaxe dedicado á súa obra mural en Buenos Aires”.


O paseo tralas fermosas pegadas que falan ainda hoxe de Seoane comeza polo “elegante e distinguido Barrio Norte”, din os autores. E engaden: “O percorrido que propoñemos iníciase con dous fitos na rúa Montevideo, entre a Avenida do Libertador e a rúa Posadas. En Montevideo 1985 está o edificio onde viviron Maruxa Fernández e Luís Seoane a partir de 1962. Na planta baixa da súa vivenda, no vestíbulo de entrada aos ascensores, realizou un mural que logo, incriblemente, caeu baixo a picota, e no seu lugar instalouse un enorme e vulgar espello. Noutro edificio de apartamentos, en Montevideo
1920, no vestíbulo de planta baixa, antes dos ascensores, atópase
o mural en resinas sintéticas denominado As carretas, realizado en 1958 e que afortunadamente se acha en bo estado”, detallan.

Os pasos avanzan pola Galería Santa Fe, a Avenida Callao, na rúa French 2278, ou pola esquina da avenida Santa Fe e a rúa Uriburu. “Na rúa Sarmiento, no número 2233, atópase a sede da Sociedade Hebraica, onde efectuou a súa primeira exposición en Buenos Aires en 1947. Varios anos despois, en 1968, inaugurou no seu teatro un vitreaux onde as escintilantes cores e a representación de letras hebreas logran un magnífico simbolismo. Seoane mantivo unha vizosa relación coa industriosa colectividade xudía da cidade de Buenos Aires, a máis numerosa do mundo despois da establecida na cidade de Nova York”, lembran.

“O percorrido continúa pola avenida, máis coñecida como a “rúa” Corrientes (tal era a súa orixe e foi ensanchada e convertida en avenida cara á década de 1930). Tamén foi chamada a “Broadway” arxentina pola cantidade de teatros que a poboaban. Cabe recordar que a atracción desta avenida igualmente a comparten as librerías, especialmente as que se dedican á compra e venda de libros usados. En moitas delas aínda poden atoparse as edicións das obras que arranxaron Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela nas múltiples editoriais e coleccións que eles crearon, como Nova, Botella al Mar, Citania, Galicia Hoy, Hórreo, Dorna, e Camino de Santiago, por citar algunhas. Moitas desas obras referíanse á cultura e historia galegas e, ademais, moitas estaban escritas en idioma galego, en momentos en que na mesma Galicia se dificultaba ou se facía imposible editalas. Buenos Aires era, daquela, o centro editorial máis importante de Latinoamérica. Así se divulgaba a cultura galega, con Seoane como un dos seus animadores principais, nunha metrópole coa maior presenza de poboación galega no mundo, proxectándoa cara a todo o continente”, avanza o artigo de Grial.

Segundo detallan os Rodríguez Leirado, “Seoane viviu e traballou nesta fundamental arteria na súa etapa dourada, cando se atopaban librerías e teatros abertos a calquera hora da noite ou da madrugada, e se discutía interminablemente nos famosos bares e confeitarías das máis diversas e variadas disciplinas, con ou sen coñecemento do tema”. Indican que “a unhas cuadras en dirección ao emblemático Obelisco, atópanse dous murais. En Corrientes 2166, insolitamente na entrada dun aparcadoiro dunha galería comercial de tamaño considerable, aparecen unha serie de figuras en módulos. O incesante tránsito de vehículos e persoas provocou a perda en parte da súa cor, tamén está luxado e algunhas partes están esfanicadas”. (...) “Na beirarrúa da banda contraria, Corrientes 2135, hai outro mural no corredor de ingreso a un edificio de oficinas comerciais, realizado en pedra picada, que lamentablemente se atopa cuberto por un desagradable panel de formica, por tanto descoñécese cal pode ser o seu actual estado. A administración está ao tanto da existencia do mural, mais non queren investir para modificar a estética actual da entrada”.

O imprescindible artigo non esquece a súa “máis famosa e importante obra mural. Ten trinta e tres metros por once e está situado no vestíbulo do segundo subsolo do Teatro San Martín. Tamén chega aos traballos que Seoane foi deixando no Microcentro e nos barrios de Retiro, Palermo, e Belgrano, así como fora de Bos Aires. E remata: “Parte de Galicia atópase en Buenos Aires, en todas as actividades que milleiros de inmigrantes galegos e a súa descendencia desenvolveron nunha cidade que contribuíron a crear e conformar. Luís Seoane, que naceu e viviu parte da súa vida en Buenos Aires, encargouse de facérnolo saber. E por se o esquecemos, as paredes da cidade refréscannos a memoria”.

17 comentários:

Torreira disse...

Torre,sempre adeprendendo de vos que nos contas cousas dos nosos dende ahí.Interesante todo o referido a Luis Seoane and company,moito,moito.
Apertas,embaixadora de aqui e acolá

Ra disse...

Resulta un placer ver Galicia y Buenos Aires a través de su mirada.
Un abrazo.

FraVernero disse...

Vaia o... tamén cadrou que eu mesmo aprendese moitísimo de Seoane co gallo dunhas traduccións de catálogos e notas para unha exposición do autor... Pero sempre sae a nosa Galaico-Arxentina ao quite para aumentar os nosos coñecementos -ou limitar os umbrais da nosa ignorancia-.
Encántame Seoane. Fai tanto que non vexo unha boa exposición del... A derradeira fora no CGAC, fan alá xa tantos anos...

moucho_branco disse...

Interesantes e para min moi necesarios coñecementos. Sempre alucinei coa xente con capacidade para tantas formas de creación cando unha sóa delas é xa tan complicada de abordar...

estibaliz... disse...

Ola, Muller Torre e Muller Babel. Hai moito que non sei de ti, non por querelo: ben sabes que o meu 2006 tamén rematou coa palabra Grazas, coma o teu, pero no meu caso acompañado inmediatamente de: "Dior mío, onde me metín"! Así que non puiden escribir aquí as veces que tivese gustado, máis por falta de tempo para min que por gañas.

Pero agora que Yare, o meu xato, vai para 7 meses e anda medio emancipado [medio, porque aínda non celebramos o San Destete. Isto de aleitar non che sabía eu que fose unha droja tan dura!] prometo deixar pegada máis a miúdo e ser unha máis das moitas voces [altas, baixas, susurradas, femininas, cálidas, doces, masculinas, roucas, andróxinas, estentóreas, moduladas, entrecortadas...] unha máis desas mil voces que compoñen, mosaico a mosaico, tesela a tesela, esa torre túa de Babel que cada día inclina un pouco máis, un pouco máis, ñññññ, un pouquiño máis, rrrrr, e un pouquichiño máis, ñññññ....

... e terminará por ser unha Ponte de Babel entre os aquí
e os aí.

Milleiros e milleiros de bicas [ricas de Ourense] dende Coruña. Hoxe chove moito neste hemisferio esquerdo. Que tal vós no dereito?

Mario disse...

Que fermoso o de poder percorrer unha cidade guiándoe pola obra de alguén.

rosa enriquez disse...

HOLA TORRE DE BABEL. GRAZAS POLA TÚA VISITA A VALDEOROSA. ERES BENVIDA. PARA MIN ESTA É A PRIMEIRA VEZ QUE ENTRO NESTE BLOG PERO DENDE LOGO REPETIREI.
UNHA APERTA.

marinhaa disse...

Nestes días sen moito ánimo e con pouca enerxía da gloria pasar por aquí e percorrer da túa man espazos descoñecidos para min...

Unha aperta.
:)

Marinha de Allegue disse...

coido que a rede anda estes días coma min...

paideleo disse...

Vouche dicir a verdade; ata hai pouco Bos Aires non tiña atractivo para min e sería un das últimos lugares que visitaría... pero ós poucos e da túa man voulle collendo cariño. Ogallá algún día poida visitar esta cidade tan galega e tan dis¨tinta.

XM Carreira: Caixa do Mendinho disse...

Na Coruña hai dous murais completamente abandonados á sorte da hostalería. O da cafetería do instituto Eusebio da Guarda e o do Caffè Vecchio. Non lembro ben de memoria os autores mas recordo que non eran pintores de segunda fila.

Anônimo disse...

Jorge dijo...

António Aniceto Monteiro: um matemático português na Argentina

Por favor vejam

http://antonioanicetomonteiro.blogspot.com/2006/12/cronologia.html

http://antonioanicetomonteiro.blogspot.com/index.html

Quinta-feira, Fevereiro 15, 2007

Da sibeira e do cuarto disse...

Moitas grazas Torre pola túa achega ao redor de quen foi, sen dúbida, a figura da emigración e do exilio galego que dunha maneira máis rotunda, sostida e teimosa empregou todo o seu inxenio - que era moito- para dar a coñecer Galicia. Luis Seoane é con todo merecemento o meirande icono da emigración-exilio galegos. Polo traballo, pola fundura, polo compromiso, pola convicción que tiña de que Galicia chegase a ter o seu lugar no mundo. Unha aperta moi grande e sigamos a soñar, como el dicía, grandes cousa para Galicia, dende a que nós habitamos que é a Galiza global. Esa que non ten territorio senón pura imaxinación.

Mrs.Doyle disse...

Canto máis leo os seus posts, máis crece a miña fixación con Arxentina. Prometo que irei pronto...

torredebabel disse...

Moitas grazas a todos os que deixastedes moitos minutos na lectura dun artigo tan longo. A verdade que sinto moita culpa cando engado textos longos demais, pero penso que neste caso era importante falar non só da memoria de Luis Seoane, senón sobre todo do cuidado da sua obra que ainda hoxe nos fala dunha Galicia pasada e presente. En serio, moitísimas grazas!
Graciñas ao benquerido Torreira! sempre xeneroso. Graciñas Ra, imaxino que a nosa mirada transmite moito do amor que sentimos polas cousas das que falamos. Eu sinto iso nos vosos artigos. Graciñas FraVernero, e estes fios que non deixan de confirmar unha e outra vez que as dúas beiras fican mais preto do que pensamos!
Graciñas ao moucho_branco! tes toda a razón: esas persoas tan plurales, tan talentosas en moitas disciplinas tamén a min me deixan admirada. Graciñas benquerida e admirada estibaliz!! qué ledicia que viñeras por este recuncho e tamén de saber que a maternidade comeza a deixar algo de lugar para outras cousas. Eu entendoo moi ben!! Pero logo, xa camiñan e falan e cando lles pides un bico, ollan de costado e din: "Pero non, nai!". E iso con dous anos e medio, que para a adolescencia ainda lles chega o tempo!!!!! Como fora, moita ledicia sinto sempre ao ler o que escribes!!!!
Graciñas Mario! moito me gustaría facer este roteiro algunha vez con todos vós. Se o destino ou -cando menos- algún avión vos trae por Bos Aires, non deixedes de porme un correo!!
Graciñas rosa! gustoume moitísimo o teu blog e claro que es moi benvida a este!
Graciñas Marinha por vir acá, ainda doente como estas. Bicos sanadores, meus e do pequeno sobriño, que leven agarimo, apertas terapeuticas e moitos sorrisos!
Benquerido Paideleo, so engadir que sería unha ledicia que viñerades algunha vez con Leo e Ana!! Se este blog valeu para que atopedes en Bos Aires unha cidade galega, síntome orgullosa coma un pavo real. Somos tan pero tan diferentes ao que se leva mostrado alá nos últimos anos, na prensa, na tele, neses banquetes e actos oficiais...
Graciñas Mendinho pola achega destes murais. Este destino de pouco coidado no que se atopan tanto Seoane coma estes dous pintores de segunda fila dos que falas, penso que tería que levarnos a pensar no pouco que agradecemos a entrega dos artistas...
Graciñas Suso! sen dúbida tes toda a razón. Seoane foi "a figura da emigración e do exilio galego que dunha maneira máis rotunda, sostida e teimosa empregou todo o seu inxenio - que era moito- para dar a coñecer Galicia". E qué ben que o fixo!!!! Con catro coma el, xa tiñamos espallado polo mundo adiante o nome e a marabilla de Galicia! Se cadra, temos esa obriga, a de levar o seu exemplo nas nosas modestas posibilidades.
Mrs.Doyle, as promesas son promesas e vostede deixou aquí, públicamente, a sua. Agardamo-lo nesta beira con moitísimo gusto!!!!!!

Nébeda disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Nébeda disse...

O teu blog é interesantérrimo.



Lolita é unha novela fermosamente deformada pola historia, polos lectores... que decote nos esquecemos do terrible fondo do conto. Pero eu prefíroa así.