15 de mar. de 2007

A intelixencia

Meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Iso, que para o resto dos rapaces puideira ser un aceno da deusa fortuna, para el certamente non o era. Rabeaba por aprender as contas e as letras, pero as vacas comían todos os días, a terra non entendía de ensinos con libros e os avós ian vellos demáis. Entón, a escola semellaba unha perda de tempo, un luxo e eles, claro, non eran xentes de luxos. Máis ben, eran xentes de paos.

Meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Cando menos, non ía todos os días porque, ás veces, deixaba as vacas no monte e fuxía... á escola! Dende pequeno foi un rapaz brillante, listísimo e dunha rapidez mental insospeitable para un ninguén, coma el. Non poucas labazadas levou por esas trasnadas ao revés. Con todo, cando os anos e a vida convertérono no avó Xoaquín, aquelas poucas horas na escola ainda lle permitían facer razonamentos e abstraccións inverosímiles para un home con unha biografía coma a del.

Tiña eu uns 12 anos cando din en furgar entre as súas anotacións de pescador: pasaba moitos meses na casa de Mar del Plata, ocupando o tempo, os días, a vida, na pesca e daquela podíase decir que era un especialista.

Xoaquín levaba un rigoroso rexistro das especies que a sua cana pillaba cada día. Ademáis, facía sofisticados cálculos do que podía conseguir conxugando as mareas, a hora e o clima. Nesas andaba eu, fochicando nas taboas de horarios de baixamar e preamar, por ver se atopaba algunha lóxica ás series de letras, números e debuxos completamente incomprensibles.

Nada. Non había maneira. Iso semellaba un código segredo dos que se poden ver nas películas de espías.

E, certamente, era un código. Ainda hoxe, tantos e tantos anos despóis, lembro nidio o trazo firme e lento da combinación que representaba ao "pejerey": P-G-(e o deseño dunha coroa). Calquera dos meus alumnos, afeitos a escribir con présa, podería lucir moitas destas claves nos seus apuntamentos. Pero o meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Cando menos, non ía todos os días. E os que foi pagounos carísimos: cobrábanllos en paos, berros e labazadas.

Hoxe preguntábame de qué falamos cando falamos da intelixencia? E a única resposta que fun capaz de tecer foi esta historia.

21 comentários:

Torreira disse...

Historia que defrutei de madrugada dende Compostela...Torre coídate

Torreira disse...

Disfrutei (falta de sono)

Anônimo disse...

É difícil de resumir e delembrar tódolos detalles, pero eu quedei fascinado coa tu historia igual que con unha que me contou un mestre de un señor de Betanzos, que si non era analfabeto pouco lle debía faltar, que gracias a esa mesma intelixencia chegou a facer proxectos nunha grande fábrica de motores en Alemania.
Sabe deus cantas grandes ideas se perderon pola fame e outras necesidades de máis urxencia, e o que aínda é peor: cántas se estarán a perderagora mesmo.

Ra disse...

Que bonito deseo de salir corriendo a la escuela...no tiene precio.
Abrazo.

David disse...

Fermosa historia... ;)
Sobre o tema da intelixencia, é curioso que a nosa cultura a preservasen os que non foron á escola, e que sexamos nós os que a estamos perdendo...
E á miña avoa pasoulle igual... Rabeaba por ir á escola, mais as vacas non ían á leira soas... :D
Apertas!

Unknown disse...

o meu avó me contaba que cando era neno a maioría dos rapaces non podían asistir á escola. moitos ían descalzos e papando frío e chuvia. el tivo que deixala dende moi moi pero que moi rapaz para ir co seu pai ao mar. por sorte, falando cun bo profesor, que ensinaba no pósito de cangas (estimo que ao redor do mil novecentos trinta e pouquísimos), conseguiu que lle dese clases particulares, xa que el sempre tivo moito interés por aprender. sempre me di que a vida é a mellor de todas as escolas e ao seu carón comecei a descubrir os libros de forma diferente.

paideleo disse...

É triste saber que aínda hai xente que non pode sacar a lucir os seus valores por falla de estructuras educativas ou discriminacións. Iso si; o tempo coloca a xente segundo o seu valor real...ás veces.
Un saúdo dun que tivo a oportunidade de estudiar e adicouse a outros mesteres.

Xosé Manuel Carreira disse...

Para min unha persoa intelixente é aquela que sabe aproveitar o que a vida lle ofrece para ser feliz e contribuir en certa medida á felicidade dos demais, ainda que despois obteña menos de 100 no teste de Binet.

A Raíña Vermella disse...

Está claro que a intelixencia non é tan "medible" como tratan de facernos crer os test. Todos coñecemos xente cunha grande intelixencia académica e con serias dificultades para desenvolverse na vida. A intelixencia debera ser unha combinación equillibrada de facultades, e sobre todo debera ser adaptativa: algo que axude a vivir e a ser feliz, non un lastre que arrastramos tras de nós.
Fermosa historia, Torre;)

Mrs.Doyle disse...

A mellor forma de definir a intelixencia é con exemplos. Xaquín é un deles.

Fermosa historia.

FraVernero disse...

O coñecemento conquistado... é triste que só poidamos apreciar de verdade aquelas cousas que conquistamos con tremendo esforzo... anque a nosa posmoderna era do consumo convertiu calquer modelo de sacrificio-esforzo en antigüallas innecesarias.
Eu persoalmente tendo a centrarme na idea de intelixencia como capacidade adaptativa a medios novos e/ou hostís. Anque tamén é certo que sempre soio escoller as opcións que me deixan quedar en peor luz. Cultivar o auto-odio é tamén unha virtude ben galega...

SurOeste disse...

A escola é unha institución relativamente nova e que ata hai pouco non foi aplicada universalmente. A escola privilexiou unha serie de coñecementos en detrimento doutros (as linguas oficiais fronte ás variedades despreciadas, por exemplo) impoñendo unha empobrecedora uniformidade e, sobre todo, unha maneira de aprender que na maioría das ocasións impoñía a pasividade e fuxía do empirismo, como denunciou Frai Martiño Sarmiento no século XVIII.
Os nosos bisavós analfabetos sabían contar, pero non co sistema métrico decimal, facían cálculos inventando os seus propios códigos, como nos conta Torredebabel. Non tiñan libros pero observaban a natureza e facían os seus experimentos: a miña avoa contábame que de nenos entretíñanse facendo inxertos de froiteiras en canotos de verzas, e prendían! Enfín, e nós pensando que somos máis listos ca eles e ignoramos tantas cousas...
Imos para adiante ou damos voltas?

Seoman disse...

Non hai mellor maneira de definir a intelixencia que tomando a experiencia. Que listos son os avos...
Saudos dende O Recuncho

pepe penas disse...

Andar coas vacas era o traballo de todos os nenos na nosa terra; eu fun coas vacas, pero o meu pai xamais deixou que ninguén me fixera perder a escola por andar co gando.

moucho branco disse...

Me gustaría ter escoitado esta historia nos anos nos que facía eu moitas "trastadas ao dereito"... quizais me faría entender algúnhas cousas.

Marinha de Allegue disse...

Xoaquín ten un claro sucesor: Santi, un pequeno intelixente e creativo. Xa decía eu que tiña a quen parecerse...

Unha aperta grande para el e como non para ti.
:)

Anônimo disse...

Malia que o tópico diga o contrario, é innegábel ademais que a xente que carece de estudos pero se educa no medio rural e máis sabia que os urbanos da mesma condición. O verdadeiro paleto é, sen dubida, o urbano desinteresado ou afastado da cultura. A persoa rural coñece o medio natural, as especies, os ventos, os ciclos da lúa, os tempos propicios para esta ou estoutra froita... Onde o home urbano ve paxaros, o home rural ve bubelas, pardais, corvos, xílgaros... Onde o primeiro ve árbores, o segundo ve carballos, salgueiros, amieiros, castiñeiros, teixos... Iso si, o urbano adoita mirar por riba do ombro ao rural, crese máis abellado, máis listo coa súa tarxeta de crédito e o seu carnet de socio do ximnasio de moda. Poida que non saibamos a ciencia certa qué é a intelixencia, pero si sabemos que non é, dende logo, algo que se poida mercar nas rebaixas dos grandes almacéns. Pero o urbano nin sequera consegue entender iso.

Saúdos

Mario disse...

Concordo co último comentario, aínda que eu (urbanita) non distingo máis dunha ducia de árbores e paxaros, sempre me sorprenderon compañeiros que non distinguían un eucalipto dun carballo (e non esaxero).
O meu avó era o caso contrario, fuxía coas vacas, e o que foi aprendendo sacouno doutros medios. Ás veces dáme por pensar cantos Bachs, cantos Marx e cantos nóbeles de todo tipo se nos perderon polas carencias económicas, escolares ou lingüísticas.

Nébeda Piñeiro Barros disse...

que sorte para un neto ter un avó así.

Anônimo disse...

Perdón polo inciso:
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2936&pIdSeccion=5&pIdNoticia=124595&rand=1174369644333

torredebabel disse...

Infinitas grazas pola sensibilidade coa que se falou aquí da intelixencia. Se cadra, as dúas caras dunha mesma moeda. Grazas a Torreira pola súa intelixencia lírica, construida con verbas e imaxinación (todo mesturado cunhas pingas de licor café, dende logo). Grazas a F. Miguez pola historia do mestre de Betanzos: cantos prohomes teremos mutilado na historia da humanidade? "Cantos Bachs, cantos Marx e cantos nóbeles de todo tipo se nos perderon polas carencias económicas, escolares ou lingüísticas?", como preguntou moi acertadamente Mario. Hoxe son pesimista: coido que estamos como estamos precisamente porque deixamos pasar a moitos que podían edificar as solucións...
Grazas a Mrs.Doyle, a Ra, a David, a beatriz, a Seoman, a pepe penas, a Nébeda, a moucho branco, e á benquerida Marinha de Allegue polo agarimo co que fixeron desta pequena lembranza unha fermosa memoria colectiva.
Grazas a Larvós por poñer en palabras unha evidencia invisible para tantos e tantos. E grazas por ese remate marabilloso: "Poida que non saibamos a ciencia certa qué é a intelixencia, pero si sabemos que non é, dende logo, algo que se poida mercar nas rebaixas dos grandes almacéns".
Grazas ao admirado paideleo por xuntar o pasado e o presente, ambolos dous famentos do mesmo. Grazas a Mendinho por deixar a súa mirada sobre a intelixencia (precisamente a mesma que teño eu, por certo). Grazas á Raíña Vermella que sabe fascinar cos seus artigos e pola idea dunha intelixencia plural, mixta, "unha combinación equillibrada de facultades, e sobre todo debera ser adaptativa: algo que axude a vivir e a ser feliz, non un lastre que arrastramos tras de nós", dixo e non fai falta engadir nada mais.
Grazas ao admirado FraVernero e tristemente canta razón tes: "A nosa posmoderna era do consumo convertiu calquer modelo de sacrificio-esforzo en antigüallas innecesarias". Canta razón...
Grazas á benquerida SurOeste pola magnífica reflexión sobre a escola como institución. Non deixa de ser curioso que a idea da intelixencia sempre quede asociada á escola e á instrucción, como eu mesmo o fixen na historia. E digo que é curioso porque, quen máis e quen menos, todos chegamos á conclusión de que é algo previo e posterior a eses anos de formación que pasamos alí. "Imos para adiante ou damos voltas?". Inquietante pregunta, SurOeste. Moi inquietante...
Grazas, finalmente, a leonardo da vincios polo inciso!!! Souben dese artigo onte tarde (dende logo, moito mais tarde na hora de Galicia) polo amigo XulioDRabal e -como pasa sempre- quedei sorprendida e tamén algo avergonzada por non estar á altura das circunstancias. Grazas benquerido Xulio!

E grazas a todos por tecer aquí coa vosa xenerosidade unha idea fermosa da intelixencia. Unha idea humana que, de ter imperado nestas terras cando tantos e tantos galegos chegaron a elas, moito houbera feito pola dignidade deses emigrantes e os seus fillos e netos. Graciñas enormes!