21 de mar. de 2007

Poetizarse

1- A poesia non morde, non fai dano e, ainda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin dificil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2- A poesia serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, muscar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3- Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, meredendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademáis, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4- A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na turina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5- O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un prazer.

5 motivos para ler poesia - Fran Alonso

Ao manifesto de Fran Alonso, co gallo do Día da Poesía, engado eu que a poesía axúdanos a lembrar: lembrar quén somos e sobre todo dende onde vimos. Tamé, polo mesmo, cara onde marchamos. De cando en vez, gústame pasar uns minutos entre marabillosos poetas galegos que me contan, ao oido, so para min, esas historias, eses versos tecidos artesanalmente con palabras fermosas.

Eu quedo con estes, hoxe, escollidos arbitrariamente. Porque sí. Ainda que un dos poemas que máis me emocionan, unha e outra vez, estea escrito en castelán. Ainda que teña lembranzas que se contan a partir dun poema. Ainda que me fascine atopar un deles de cando en vez xurdido na miña casa. Coido que, ainda sen sabelo, todos temos a vida atravesada por poemas.


Pontevedra

Zbarski, Adrio, Bóveda, fouces, martelos, patria.
Xullo do trinta e seis, cando a vergoña abafa.
Ludres, bostas, apóstemas, enfóuzannos a ialma.
Na Caeira un piñeiro secou de tantas balas.
Corvos de alma de aceiro pairaban sobre a Fracha.
Poio Pequeno éravos un lugar sen lembranza.
Na Moureira laiábanse os xeiteiros e as lanchas.
Casino, tres da tarde, xarutos, gargalladas,
Víctor Lis de uniforme narrando a paseata
en canto Bernardito López arregañaba
a dentamia de ouro, a dentamia canalla.
Pola Rúa da Oliva case ninguén falaba.
Era todo silencio en Mourente e na Parda.
Carne de testemuño os veigais estercaba.
Xullo, noventa e dous, resistimos, qué pasa.
Os mortos non vingados nos coutan a esperanza.
Zbarski, Adrio, Bóveda, fouces, martelos, patria.

Vigo 1992.
Xosé Luís Méndez Ferrín


O povo que deixa

O POVO que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está emprobrecendo ó mundo
e perpretando o seu propio xenocidio.
Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.

Monforte de Lemos, 1998
Manuel María


A miña lingua nativa é o fascismo
A imposibilidade do fascismo para dicir os nomes do real.
PerturbaciónOrixe

Muros, 1995
Chus Pato

10 comentários:

Andrederabal disse...

Un bo razoamento.

Raposo disse...

Lendo este post lembreime dos versos de Gabriel Celaya:
"Maldigo la poesía de quien no toma partido hasta mancharse".
Borges ten moi bos poemas. Eu citaría dous: "La noche que en el Sur lo velaron" e "Otro poema de los dones". Parécenme magníficos.
Unha aperta.

Mrs.Doyle disse...

Un post sublime. O día da poesía non podería ter un tributo mellor que este.
Eu comparto esa adoración por Borges...

Silvio Falcón disse...

Perdoade que desvíe o tema pero quería facerlle unha proposta á torredebabel sobre a posíbel formación dunha rede blogueira (reunida nun blog) emigrante.

Xa sabe onde encontrarme.

Unha aperta

Torreira disse...

Hai Torre,exercendo esa (a túa)sensibilidade que sempre enriquece.Grazas a ti (dende Arxentina) fun quen de ler o Manifesto de Fran Alonso e as especies que penduraches do mesmo

moucho branco disse...

A poesía é unha opción mais no amplísimo mundo de posibilidades de expresarse artísticamente. Como calquera outra maneira de expresión pode gustar ou non gustar, podes atoparlle as súas ventaxas e os seus inconvintes, pero é outro mundo de sentementos, e nada é mais respetable.

Moralla disse...

Preciosa homenaxe á POESÍA, e ademais á poesía GALEGA. Gracísimas Babeliña.
Por certo, teño moitas ganas de verte nun espectáculo de danza!!
expresar a poesía co corpo é algo fermosísimo.
Un abrazo inmemso e lírico, a ritmo de tango.
Y ;-)

FraVernero disse...

Lembro a celebración do World Poetry Day xa van alá tantos anos, cando tivemos por Compostela a Derek Walcott e Wole Soyinka...

A poesía é tantas cousas... Niso, por exemplo, e anque tente ser amplo, quédase algo curto o señor Alonso. Porque alé -como os exemplos expostos-, tamén morde, alomenos a algúns...

Mario disse...

E se en algo andamos á cabeza é en poesía e eucaliptos, os poemas que escolliches son boa proba.

torredebabel disse...

Grazas polas vosas achegas, grazas pola compaña neste fermoso e poético día. Graciñas a André, rapaz valioso se os hai! Graciñas ao Raposo e graciñas a Mrs.Doyle pola coincidencia con Borges e para quen debaixo deixo o Otro poema de los dones porque certamente é unha lección de poesía.
Graciñas Silvio Falcón pola proposta. Vou ver se atopo un enderezo de correo na túa páxina, mentres deixoche o meu fiosinvisibles@gmail.com Ogallá saibamos espallar a presencia dos galegos que non teñen a oportunidade de vivir na sua terra.
Graciñas ao admirado Torreira que fai poesía todolos días, sen necesidades das proclamas da ONU. Graciñas ao moucho branco porque é verdade: a poesía é un vieiro entre moitos. Eu son definitivamente incapaz de facer poesía pero gústame moito coma lectora. Quen sí sabe, e como sabe! é a benquerida Moralla: hoxe e sempre, non deixedes de pasar pola súa páxina. Alí veredes como é verdade iso de que a poesía non ten limites. Moralla tes toda a razon! a danza é poesía que se fala co corpo. E é tan pero tan liberador, tan pero tan poderoso sentir esa música colándose no corpo e levándoo coma se perderamos toda capacidade de gobernalo. Xa vou vella demáis para bailar pero non deixo de ir sempre que podo, é unha necesidade vital.

Graciñas ao amigo FraVernero porque tamén eu creo e penso iso: calquera proclama quédase algo curta se fala sobre poesía. E grazas Mario por decir unha verdade tan enorme: Galicia é berce de marabillosos poetas, onte e hoxe!
Graciñas e poeticos días!