10 de mai. de 2007

Zume de limóns

Di a miña avoa Xerónima que o terror que sinte no corpo ao estoupar cada lóstrego os días de tormenta venlle dende aquela tarde na que viu como un lategazo de luz deixou sen vida, alí mesmo e inmediatamente, a un seu veciño. O alustro matou ao home e condenou á miña avóa a unha extraña penitencia: en cada trono, en cada día de treboada, ela recupera unha e mil veces esa morte, ese reflexo luminoso asasino que volve cobrar no presente a vida do home aquel, mentres un medo irracional e todopoderoso baleiralle o entendemento.

Fai algúns días, unha impensada tormenta pechou o ceo da tarde e pintou de cor negra o serán de Bos Aires. A desfeita climática, moi esmeradamente tecida polo cambio climático, atopou desprevenidos aos bonaerenses. En poucos minutos milleiros deles quedaron atrapados pola inundacion, paralizados polo caos de coches e buses, e martirizados pola rabia dun bombardeo de lóstregos que imprimiu medo até no rostro do máis valente. Nese mesmo momento, miña avóa Xerónima tivo un infarto. O segundo. Nun corazón de 90 anos.

Ela non se decatou. Está afeita e non queixarse, a aturalo todo. O que decía Castelao. Xa sabedes. Dous días infartada sen decir nada. Chamáronme o sábado pola mañá. Estaba eu na universidade dando clase mentres ela estaba en estado crítico no mellor centro cardiolóxico do país.

É posible cunha muller de 34 anos coma min, nai por riba, deba de estar afeita á morte da xente maior. Pero os avós son unha peza clave na vida dos que somos galegos ectópicos*. No meu caso, a miña avóa Xerónima é a miña memoria galega.

Non só pola prodixiosa capacidade de lembralo todo (moitas veces penso nela como a versión femenina do Funes, el memorioso, de Borges), senón porque non teño aquí pegadas da miña historia galega. O que son, o que foron e ainda son os meus, a longa cadea na que eu son apenas unha peza mais, vive na memoria da miña avóa e o dia que ela falte, pois quedarei perdida, illada. Non teño rúas, recantos, casas e falas... todo quedou alá.

Fun onda ela. Tiña oxixeno, un novelo de cables e tubos que lle entraban e saían do corpo e case non podía falar. Un momento antes, quitáranlle os aparellos de medición e todo o que tiña porque, decían os médicos, que non valían xa para nada. Era cousa de agardar o momento do pasamento. Nese estado, achegueime para bicala e díxome case sen voz: "Non hei morrer. Non ainda. Teño limóns na casa e quería facer con eles un zume, que non quero que se perdan".

Non morreu, non. Para sorpresa dos médicos e de todos, recuperouse algo. O corazón quedou moi mal, fraxil, ela toda é coma un cristaliño finiño e feble. Pero miña avóa Xerónima está afeita a cumprir o que promete. O dos galegos na diáspora coma un pobo honesto. Xa sabedes.


* A frase débolla a Antonio Pérez-Prado, o autor de Los gallegos y Buenos Aires, que lla dixo ao historiador Ruy Farías cando este lle preguntou qué era el: ¿arxentino? ¿galego? ¿galaicoarxentino? e Pérez-Prado contestou: "Son un galego ectópico, un galego criado fóra do útero de Galicia".

29 comentários:

SurOeste disse...

É unha boa razón para non morrer: facer un zume de limón (para que non se perdan).
A miña avoa confesoume un día que ela cria en Deus porque se non quen lle fixera o rabo ás cereixas?...Non me diredes que non é un bon argumento!

Mrs.Doyle disse...

Xerónima é todo un exemplo de muller loitadora... Eu quero ser como ela.

Son Unha Xoaniña disse...

Que grande muller debe ser a Señora Xerónima, dalle un bico da miña parte. Coñecín a varias así como Xerónima, é son dignas de ademiración.
Unha aperta forte para ti e para tódalas galegas "ectópicas" espalladas pola diáspora.

Marcos Valcárcel López disse...

Preciosa historia, vivida neste caso. Preciosa como todos os teus textos.

Torreira disse...

Con galegas ectópicas como voçe pra que quere un ser endóxeno.Bicos de LK pra voçe e a súa avoa (tamén evidentemente pra o zume de limón)

Nébeda Piñeiro Barros disse...

eu de maior quero ser coma ela. :)

Seoman disse...

E que as mulleres danos unha leccion a todos pola forza que teñen e o saber estar. Animos a tua aboa e que a teñades moito tempo... Saludos desde O Recuncho

Marcos Valcárcel López disse...

Supoño que xa o verías. Pero, por se así non fose, hoxe Rivas dedica a súa crónica en El País-Galicia á súa visita a Buenos Aires e dedícache moi gabanciosas e xustas palabras.

Marcos Valcárcel López disse...

"A arca do dioivo galego", M. Rivas
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/arca/do/dioivo/galego/elpepuespgal/20070511elpgal_24/Tes

Que remata así:
Mentres moitas asociacións emigrantes perderon o pulso, a enerxía, e pouco máis moven que os naipes nas mesas, a Federación está nun magnífico rexurdimento. É un obradoiro de cultura viva, ao que se está a incorporar moita xente nova, galaico-arxentina, de espírito vangardista e identidades compartidas. Esa corrente alternativa que sente tamén no Club de Lectura Galega do Tortoni. O máis célebre café literario de Bos Aires é un hábitat senlleiro na biodiversidade da Galicia entendida como rede igualitaria, que non se corresponde cun territorio senón cunha cultura do desexo. Ese país portátil que podemos levar enriba da cabeza. Ese universo de fontes, e fornos e pontes. Ese novo país de meigas e nigromantes que van de biblioteca en biblioteca, e danlle cada noite unhas cantas voltas á esfera. Ese país de Fíos Invisibles. Un sitio, un blog de Bos Aires, que é tamén a mellor metáfora do novo rexurdimento: aquel que vai superar a escisión entre Metrópoli e Diáspora e dará lugar a unha compartida Nación do Desexo.

Anônimo disse...

Os avós sempre son unha peza clave, cando eles se van deixan o crebacabezas desconxuntado. Que saboroso ten que estar ese zume de limón!

Clara Flor disse...

Cando ela desapareza que ainda non vai ser agora, non vai ser certo o que dis, porque o teu vinculo xa ten descendentes, na rede, nos escritos, non vai quedar perdida a cadea. Unha nena galega en Bruxelas fala cun neno galegoarxentino en Bos Aires. E que mais queremos?. Longa vida a bisaboa do Santi.

From Hell disse...

Sinto moito o da túa avoa, de verdade. Aínda así, é tan fermoso o que escribes aquí, que case estiven nesa tormenta de Bos Aires agardando que chegara ese zume de limón... ;-)

Marinha de Allegue disse...

A firmeza do pensamento tira da vida...
Alégrame saber que sigue ben, arroupai e disfruta da súa companha este tempo non volve menina.

Beijos para ti e para Xerónima.
:)

R.R. disse...

¡Moita forza! (e memoria)

paideleo disse...

Ánimo nestes momentos.
Unha avoa sempre é importante e máis sendo da madeira da avoa Xerónima.

Anônimo disse...

Deixáchesme con este zume de limóns, non agre , senón extasiada, fulminada, e non polos lóstregos negros desa tarde fatídica que parou o corazón de Xerónima, mais ben pola túa delicadeza na forma de narralo, no seu contido a través dunha anécdota tan conmovedora. Esta historia amosa a fortaleza dunha gran muller, e de todos/as os/as que se viron forzados/as a saír do útero galego coma ti, e que aínda así, loitaron, loitan e loitarán con sabor galego.
GRAZAS POR ESTE ZUME DE XERÓNIMA.
Moralla

Ra disse...

Mucho ánimo, y un abrazo para Doña Xerónima.Bicos

Sintagma in Blue disse...

Que xeración máis fantástica a que nos precedeu.

Bicos in Blue

FraVernero disse...

Vaia...
non creas que me soa alleo iso do lóstrego. A miña nai estivo a piques de morrer (o que dificultaría moito a case máxica coincidencia xenética que me creou) cando era unha nena por culpa dun lóstrego. Caeulle case enriba, vamos, e deixouna inconsciente, e coa cabeza metida nunha poza. Menos mal que había unha veciña perto que o veu todo...
Eu, pola contra, sinto fascinio da tronada, e máis dunha vez teño mirado absorto e extasiado cara ela. Máis se é treboada do verán, cunha paisaxe natural que faga pensar no Caribe.
Alédome, como todos os aquí presentes, de que a avoa continúe a pé de canón, anque fráxil e cristalina coma o licenciado Vidriera. Confiamos logo na epifanía dos limóns en saborento e doce zume (unha vez probrara mermelada de limón, pero non me convenceu o choio...).

Roi Buligan disse...

Que curioso! pasoume unha experiencia semellante coa miña avoa...e tamén recuperou cando na viaxe pensábamos o peor...Estaba esperta, cos ollos cor celeste vivos e brillantes...e díxolle a miña nai, despois de cinco minutos sen sentido...filla se viñeche hai unha semana...non se pode vir tanto!!

Raposo disse...

Hai unha relación especial entre os avós-as e os netos-as.
Por enriba das diferencias culturais, de idade, etc. hai un vínculo especial, distinto do dos pais, que non son quen de explicar pero que é fermoso que exista, fermoso e necesario.
Un saúdo para esa aboa tan forte.

Mario disse...

Pois que lle duren os azos aínda moitos anos. Historias de xente que morría do lóstrego tamén mas contaba a miña bisavoa, despois tamén hai persoas que aínda que lles caian vinte raios enriba non poden con elas.

Anônimo disse...

Aferrade contra vós esa memoria galega! Moitos bicos e moitas apretas!

Suso Lista disse...

Os galegos sempre temos a morte moi cerca de nós, e digocho eu que son de Corme no corazón da Costa da Morte. 150 afogados nos últimos 80 anos. Sinto o de tua avoa. Ánimo e a vivir.

Veloso disse...

Ese corazonciño de cristal leva moitas feridas. Por iso é tan forte. Unha aperta moi forte para a túa avoa Xerónima, para todas as avoas que manteñen a memoria do que somos.

TXARI disse...

hai gente que nom morre cando lhe toca senón cando lhe peta, é isa umha actitude moi firme e valente: "agora sí, agora jâ podo..." de todos os xeitos eu creo que metafóricamente estabache chamando limoncinha e ise zume estao facendo con tigo a cada verba que che traspasa...ánimos

Mr Tichborne disse...

longa vida á túa avoíña (e á miña). Un bico

torredebabel disse...

Graciñas por estares ali. É mais, tanto máis, do que algúns fan. E moito, tanto, para min. De corazón.

Ulixes disse...

Tamén na Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/se_opinion/noticia.jsp?CAT=130&TEXTO=5818419

E que se mellore a avoa!!