"O meu avó recollía cousas do camiño, un arame, un ferriño..., cousas caídas, para o caixón dos ferranchos vellos. Sempre se lle acababa encontrando utilidade". O comezo deste artigo de Suso de Toro non só fala do seu avó. Fala tamén do meu. Dende logo, sen sabelo.
Non había mañá ou tarde na que Xoaquín non chegase dos seus paseos por ningures cun ferro (a máis das veces comido polo óxido), un caixón vello, madeiras orfas do moble do que formaran parte, cravos, porcas, parafusos. Todo remataba, logo dunha coidadosa análise, nun cuarto esquecido debaixo dunha escaleira.
Cando marchaban por tempadas á casa de Mar del Plata a colleita non quedaba en Bos Aires porque tamén alí había sitio para eses tesouros diante dos que a miña avóa rifaba que para qué máis cousas, que por qué esa teima de coller o que outros botaban, que se non valían para nada... Xoaquín -moi no seu estilo- non atendía, ocupado xa noutros asuntos.
Non sei se algunha vez cando menos unha desas pezas tivo uso. As máis das veces penso que non. Ainda moitos anos despóis de morto el, a morea de ferros, madeiras cravos, porcas e parafusos seguía no seu sitio. Imaxino que agardando esa segunda oportunidade prometida no momento de ser rescatadas.
"Agora chámase «reciclar», simplemente sabía ver o valor das cousas", remata o parágrafo Suso de Toro. Que sen sabelo tamén falaba do meu avó.
27 comentários:
Claro que todo ten un límite, meu avó teimou tanto en construir unha bicicleta apartir de pezas doutras vellas que cando finalmente o conseguiu a chatarra case nos bota da casa. Hai unha sutil liña entre a reciclaxe e o síndrome de Dióxenes ;). Unha aperta.
O meu facía unha cousa similar e dame que algo herdei, porque teño unha caixa con moedas de céntimo que atopei no chan, unha arandela, unha pechadura de porta, etc, etc.
(non é extraño que se chame síndrome de Dióxenes cando o home este vivía espido dentro dun tonel e a súa filosofía baseábase en desfacerse de todo o que te ataba ao mundo material?)
O alamcén de ferranchos do meu avó estaba (está) debaixo das escaleiras do galiñeiro, he he.
Cantas veces pensei eu o que dicides Suso de Toro e tí: para os nosos avós, un cravo da via do tren, ou un parafuso podía convertirse en calquera momento na solución máxica de calquera problema: suxeitar unha cancela, un arranxo no carro, unha cuña no mango dunha ferramenta... a necesidade facíaos máis espelidos, e máis preocupados (tal vez "consicentes" non sexa a palabra máis axeitada) do valor das cousas do que nos somos agora.
Por certo, que eu tamén herdei algo (bastante) de esa teima de gardar todo "por si algún dia lle topo utilidade, ou me fai falla".
talvez veña dos nosos avós ese síndrome de Dióxenes que tantos [semella que] padecemos
se cadra todos tivemos o mesmo avó
grazas pola imaxe "océano de autómatas". Unha bica
Un adiantado ao seu tempo.
Na foto parecen niscalos.
Un bico
hoxe en día todo se tira e ninguén se preocupa de se ese aparello ten ou non utilidade, se pode servir. pasou a moda pasou a sua ocasion. Antes iso pasaba moito menos, debido moitas veces a necesidade. Os tempos mudan e moitas veces non sabemos se tanto progreso e para mellor...
Pois..pois, acho que isso é genético?, guardar coisas que outros deitam foras. No momento o que sabemos é que nos podem fazer falta. Cá por mim, continuo fazendo isso, a somar aos papeis, às revistas, aos anuncios, aos recortes que guardo e que guardarei sempre. E não é que às vezes os procuro porque me fazem falta. Um abraço
Eu sei de xente que lava as bolsas plásticas que dan nas tendas e xente que usa de estropallo a malla das laranxas. Logo hai quen choe unha finca cun metálico dunha cama e fai un pío para os cabalos dunha bañeira vella.
Os urbanitas e xente guai di que iso é feísmo e chatarrismo pero a xente que aproveita o que outros desbotan non ten prexuizos nin farrapos de gaita.
E de miña avoa, e de miña nai, e de tanta xente...
Torredebabel, para min a ideia-forza do seu post é a que sinala no penúltimo parágrafo.
Todos, incluso eses ferraganchos que o teu avó atopaba, temos que ter a esperanza dunha nova oportunidade para ser útiles e prestar un servizo os demáis
Ás veces hai cousas que tiramos e que poden servir para outras cousas. O de empregar unha bañeira vella como pío para os cabalos, que apunta Paideleo, paréceme unha boa idea, por exemplo. Bicos¡
ti si que tes sorte, que estarás entrando na primavera.
un bico grande.
No meu caso, o chatarreiro ou mais ben trapeiro é o meu pai.
Eu saqueille unha che parecidos e para a desgraza da miña muller, tamén niso.
Se tiras algo que pensas que xa non vale fará falla para algo ó día seguinte.
Unha antena feita cun paraugas, un tambor da lavadora para asar castañas, unha máquina de sulfatar como dispensador de viño nas festas... Suso falou tamén do meu tío. E xa non digamos de todas as mulleres da miña familia.
No meu caso era máis a miña avoa de levar a cabo ese tipo de amaños e claro está cun punto máis feminino. Eu tamén herdei un pouco a manía de reciclar pero digamos que nesta sociedade capitalista non se estilan moito os apaños.
As anteriores xeracións sabían sacarlle mais partido as cousas xa usadas. Quizais porque viviron tempos díficiles (económicamente falando) e había que aproveitar tódolos recursos,mesmo os que parecían xa inservibles.
Debíamos facer o mesmo con tantas boas ideas que van parar ao lixo. Ogallá houbese moitas persoas adicadas a recollelas, repensalas, escribilar, executalas, publicalas, debatilas...ao mellor o progreso non está nas cousas novas senón nas vellas, porque eu teño para min que xa hai séculos que todo o que paga a pena está xa inventado.
Fermosa maneira tes de reciclar lembranzas Torre.Bico
O problema sería se nos puxeramos todos en serio a reciclar e reutilizar... a economía mundial e o consumismo poderían levar o tortazo que merecen dende hai tempo.
O exercício de RE-CICLAR conscientemente é un exercício moi COMPLETO e PRECISO.
Unha aperta nova.
;)
Hai unha palabra que expresa moi ben o non ser capaz de reutilizar ata o límite un obxecto ou material: perdulario/a. O capitalismo salvaxe converteunos a todos en perdularios e as xeracións anteriores, que non dan asimilado a lóxica do usar e tirar, en afectados do complexo de Dióxenes.
A sociedade actual esta acabando coa imaxinacion da xente.
Xa sabes que hai un refrán que di: "O que gharda sempre ten"
reutilizar sempre foi umha das máximas de muitos galegos/as, que van polo mundo recolhendo cousas para reinterpretalas...
Vexo que compartimos lembranzas, antes de marchar o meu avo ensinoume como era a sua forma de mirar. Eu via unha cancela rota, el mirabaa vella. Eu ia mercar unha pechadura nova na ferraxeria, el amosoume que só precisaba un pequeno arranxo, con cousas que parecian espalladas ao azar pola eira y el atopaba coma se foran petroleo. A cancela ainda segue en pé y xa pasaron dez años, si, temos demasiado que aprender dos nosos maiores, eles viviron epocas nas que non se tiraba nada porque no habia onde, nin quen o recollera y non lles ia tan mal ¿no?
Gardamos algo máis ca cousas., Miradas. Non rotas, senón vellas, que só precisan un pequeno arranxo. Se cadra os nosos avós, só enchían eses caixóns para que nos os herdásemos. Se cadra, todas esas cousas terán unha nova oportunidade de ser útiles para algo para o que non foron pensadas.
Somos humanos, aínda... vemos máis alá dos ferranchos vellos.
Postar um comentário