11 de set de 2007

Realidade e ficción

Algún día, alguén con talento e formación literaria será quen de explicar por qué os escritores arxentinos novos ainda hoxe repiten nas súas novelas e contos os estereotipos máis espallados e tamén máis inxustos sobre os galegos. Parvos, brutos, babecos, mellor se gordos e tamén bastante feos, rústicos e primitivos.

Non importa o moito que mudou Galiza nos últimos 30 anos. Non importa canta información chegue a diario pola televisión e por internet dunha rexión cun avance superior ao arxentino. Nin importa tampouco que algúns destes autores coñezan Galiza. Sempre os galegos da ficción son os estereotipados galegos de sempre.

Dende a miña ignorancia teórica pero tamén dende a miña afición de lectora, fai algúns meses trouxen un conto de Pablo Ramos protagonizado por un galego chamado Perfecto e que perfectamente cristaliza esta morea de prexuizos e ignorancia. Tempo despóis, atopei un conto mediocre nun libro medriocre (e non o digo eu, senon a crítica publicada esta fin de semana na revista Ñ) de María Fasce protagonizado tamén por unha galega prototípica.

O curioso é que nin sequera son tantos casos. Malia estar Galiza nas orixes de boa parte da poboación arxentina (hai quen di que cinco millóns de arxentinos teñen algún galego na súa historia familiar), malia ser a cultura galega determinante na consolidación da identidade arxentina, os personaxes galegos son unha rareza nas obras literarias escritas hoxendía. E os que aparecen, bueno... o xa dito.


Por iso, a lectura da novela El enigma de París non fixo máis que sorprenderme e confirmar a estupenda impresión persoal e profesional que teño do escritor Pablo de Santis. O libro fixoo gañador do Premio Planeta-Casa de América e tamén do aplauso unánime da crítica e dos lectores. Se até tivo eloxios en formato de banda deseñada!



Vai de detectives. Vai de moito máis que de detectives. Na páxina 16 da novela fai a súa breve entrada a cociñeira galega que traballa na casa do detective Craig. E alí comeza unha lección maxistral. É posible escoller algúns tópicos, é posible moldealos coma se foran de masa e é posible con eles dar forma a algo fermoso, novo, superador e revelador da condición humana. Pablo de Santis déixao en claro.

21 comentários:

Doutora Seymour disse...

Coido que ese é un tema que aínda afasta a moitos lectores galegos da literatura actual galega, aquí tamén se abusou moito do tópico.

Lula Fortune disse...

Estou de acordo con vostede, Doutora. Pero apuntarei este libro con gran curiosidade.Bicos.

Suso Lista disse...

Dis que algúns coñecen, e siguen usando os´tópicos, eso mismo xa é sintoma de descoñecemento. Tamén é sintoma de mercantilismo, e de ir a pola "pela", xa que entendsen que os seus futuros lectores, son algo iletrados ou porque non decilo, iñorantes. De todas maneiras, aquí, cando un actor pasa o Bierzo, debe de poñer acento neutro, se non quere facer de parvo, sereno, ou camarero en calquera obra de teatro ou película. Podes ter calquera outro acento do mundo enteiro, pero o Galego, ainda hoxe en día, non é sinónimo de intilixente, científico,ilustrado, guapo...

Sintagma in Blue disse...

Custa moito cambiar certas rutinas. Aquí tamén o facemos cos de Lepe.

O Raposo disse...

Hai clichés e tópicos que perduran nas ideas da xente e custa moito desprenderse deles. A imaxe dos galegos en Arxentina pode ser un bo exemplo. Por desgraza, hai moitos mais. O avance da sociedade case sempre é masi lento de que debera. Paciencia.

vakastolas disse...

Aínda peor que o escriban é que o crean. O de Lepe para os chistes pero en literatura un pouco seria... o autor (máis se escribe dende un escenario real) non deixa de ser cronista dunha época. Cadaquen farase responsable do que deixa ó mundo.

peke disse...

Sempre hai estereotipos sobre os pobos. Aquí considérase que os cataláns son agarrados, os vascos brutos e os andaluces sempre festeiros, e xa non digamos o dos chistes de Lepe. É difícil desbotar os tópicos e refelxionar sobre eles.
Eu tamén anoto o libro.

Anônimo disse...

A sociedade (que somos todos nós) non avanza, sempre retrocede, e senón, ollen cara á memoria dos pobos. Nunca aprendemos dos erros. A aqueles que ao longo da historia intentaron facer evoluír as cousas, ou sexa, que aprenderon, sempre os queimaron, vivos ou mortos, sexa por envexa, ignorancia ou eu xa non sei. O home (todos nós)caemos na mesma pedra, e aqueles que non están dispostos a facelo, sempre serán obrigados (a hostiazos, ou ás agochadas) a CAER.
E así seguimos. Por iso o bonito da vida supoño que é desfrutar das pequenas cousas e da xente que queremos e que nos quere de verdade, aqueles que fan que a nosa vida sexa poesía dentro deste ruído.
Bicos
Yoli
Debora, haberá máis fotos nunha semana...

Pau disse...

Cada día me preocupa menos o que pensen dos galegos, porque cada día esta sociedade avanza máis ( aos poucos pero avanza) cada día temos empresas máis punteiras en moitos sectores. Cada día máis emigrantes poden retornar, cada día traballamos máis e mellor... Isto é o que importa

Torreira disse...

Sempre aprendendo de voçe torre.bico

Roi Buligan disse...

A verdade é que é unha mágoa, esa simplificación que pode ser que nosoutros teñamos con outros pero a proximidade cultural, sentimental que marcou a inmigración tiña que superar nesta xeración...aínda que tamén pasa en España, un xuíz comentou da primeira condenada no asasinato de Rocío Wanninkhof que tiña un carácter "moi galego" UN XUÍZ!!! e o Director de Tráfico que a siniestralidade en Galicia debíase ao carácter "pesimista" dos galegos...e eso que vivimos nun mesmo estado, en fin.

rosa enriquez disse...

Aínda terá que pasar moito tempo para que teñan de nós unha visión distinta? Os prexuízos resultan cómodos para os que precisan de termos situados a todos( galegos ou non) nun sitio que lles permita estar máis tranquilos sabendo que teñen todo colocadiño,sen que ninguén se mova. Bicos.

Marinha de Allegue disse...

Os estereotipos e prexuizos non van desaparecer con facilidade pq como ben puntualiza Rosa Enriquez interesan a moit@s para establecer a diferencia preciada. Tristemente ainda hoxe eses esteriotipos venden e mentras outr@s merquen continua ese cruel mercadeo...

Unha aperta.
:)

F. Miguez disse...

Tranquila, suponse que en España levan moitos séculos convivindo con nos e aínda persisten eses estereotipos. Peor todavía, aínda persisten entre os propios galegos, e o máis peor todavía e que hai galegos dispostos a darlles a razón.
Pero é igual, hai rasgos da condición de galego menos publicitados, pero que poderían facer a calquera sentirse ben orgulloso si se desenvolvesen un pouco máis.

Un galego emigrado disse...

Iso é preocupante, pero paréceme aínda peor a galegofobia (autoodio) que se está a organizar dentro do propio país a día de hoxe contra algo tan elemental como é o ensino do galego na educación infantil. Saudos.

Lúa disse...

ai que ver sempreo mesmo, fai uns dias mandáronme un correo con chistes de galegos "paletos"...en fin; un bico e leerei o libro!

jan disse...

Supoño qué é o máis doado, afianzarse aos estereotipos e non reflexionar. Antes había que quedarse co que nos botaran, a falta de medios e de comunicación facía que eses mitos se afianzasen, hoxe en día penso que as cousas van mudando.

Mrs.Doyle disse...

Grazas pola recomendación. Eu traballo para desfacer os tópicos e fomentar a intercultura, mais ás diferencias existen... A información é a clave.

Dorvisou disse...

Dende fai unha tempada ollo con moita curiosidade o seu blog. Tanto o que dis como o que comentan e hoxe, atrévome a deixar rastro dende a minha humilde morada, para dicir que Galiza avanza lentamente e ás veces cara atrás. Os emigrantes retornan porque levan fóra moitos anos, xa están vellos, cansos ou ricos... pero a xuventude de hoxendía volta a buscar porvir en demasía máis alá do Caurel.
A historia non ter nada que ver coa realidade que nos evocan algúns poemas de Uxio Novoneira cando nos falaba daqueles mozos que cada día, ao mencer, deixaban detrás de si un camiño por outro.
Galiza avanza pero outros povos avanzan tamén. Por iso ao millor, ímos detrás sempre, penso eu.
E nada máis, noraboa polo teu blog e moitos bicos dende outro recunco da diáspora con moito sol.

Mario disse...

Hai tempo que quero poñerme ao día coa literatura arxentina, así que xa apunto a referencia. Aver que tal.

torredebabel disse...

Graciñas polas vosas visitas e polo agarimo de disimular as audacias que cometo meténdome en asuntos nos que abondan os especialistas. Neste caso, ben sabedes que o fago porque estashistorias, estes personaxes dalgunha maneira tamén falan de min, dos meus.

Pablo de Santis fai tempo que é moito máis que unha promesa nas letras arxentinas. Ten un estilo de traballo plural, sen medos aos xéneros nin aos lectores: tanto publica contos para nenos coma este policial (e outros) para adultos. Será, dende logo, unha fermosa carta de presentación do que se fai nestes momentos na Arxentina para quen queira mergullar por este misterio que ten lugar nesa París que está vendo como se edifica unha torre xigante e inquietante para moitos.

Graciñas Doutora Seymour, Lula, Suso Lista, Sintagma in Blue, O Raposo, vakastolas, peke, benquerida Yoli, Pau, Torreira, Roi Buligan, rosa enriquez, necesaria Marinha, F. Miguez, Un galego emigrado, Lúa, guapa jan, Mrs.Doyle, Dorvisou (benvido! é un pracer ter a súa visita), e benquerido Mario: as vosas referencias, comentarios, opinións e olladas son un refuxio no que sentir que estes estereotipos non son tan poderosos coma eu os sinto, pero tamén un recanto dende o cal coller forzas para loitar contra eles. Hainos moitos, cada povo ten os seus, seino... pero eu non desexo que os galegos sexamos a excepción niso senón que a ollada e a maneira de referir a nós adiante coma adianta Galiza. Será tanto?