1 de out. de 2007

Estatística

O 62% das consultas nas unidades de saúde mental galegas fanas as mulleres, e delas, catro de cada dez exercen como amas de casa, segundo un estudo presentado por Mario Páramo, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Santiago e presidente da Asociación Galega de Psiquiatría.


Páramo relacionou o elevado número de amas de casa coas presións económicas e persoais que soportan estas mulleres e as características do seu tempo de lecer, que favorecen a depresión ou a síndrome mixta depresión-ansiedade.


O psiquiatra resaltou que o problema máis frecuente neses dispositivos asistenciais son as depresións leves, que sofren entre o 12 e o 16% dos pacientes. O desenvolvemento da asistencia psiquiátrica en Galicia é «medio», considerou Páramo, e o plan autonómico presentado hai uns meses pola Consellería de Sanidade, que prevé actuacións ata o 2011, suporá «mellorar en recursos materiais e humanos» e tamén recuperar aos pacientes crónicos, sobre todo de esquizofrenia e depresión, que son quen sofren maiores complicacións de saúde, e que agora non teñen seguimento.


O especialista apelou á necesidade de mellorar a investigación. Neste sentido, afirmou que continúan vixentes os datos do traballo que realizou en 1991 Antonio Rodríguez, o falecido catedrático de Psiquiatría da Universidade de Santiago. A prevalencia sinalada nese informe apunta que un 1% da poboación pode sufrir esquizofrenia; un 2%, trastorno bipolar; un 6%, alcoholismo; outro 6%, trastornos depresivos graves, e un 9%, trastornos de ansiedade.


Estes datos supoñen unha incidencia das patoloxías psiquiátricas en Galicia semellante ao do resto de España. Mario Páramo indicou que a poboación da costa tende a ser máis expresiva e contar mellor os seus problemas sen necesidade de pregunta, mentres que á do interior é máis necesario sonsacarle a información. Nas cidades de Vigo, A Coruña e Ferrol rexístranse máis trastornos de ansiedade; e en Ferrol e outros lugares onde se observan maiores índices de desemprego increméntase o alcoholismo.

Este especialista indica que nunha área sanitaria como a de Santiago funcionan sete unidades de saúde mental, que atenden unha media de 20 casos diarios cada unha. Ademais, no complexo hospitalario compostelán hai 55 camas para ingresos psiquiátricos, que están sempre ocupadas «e non se ingresa máis porque non hai capacidade».

22 comentários:

Son Unha Xoaniña disse...

As amas de casa que están a ter maiores problemas de depresión e ansiedade son mulleres en idade de xubilación das cales a maioría non traballaba fora da casa e naide as preparou para "o non ter nada que facer cando se van os fillos da casa", e ademáis ao no ter trab allado non teñen unha pensión.
Temos que aprender algo as xeneracións posteriores, i é a buscar alternativas ao traballo cando un se xubila. Empezar a mirar esa idade como unha etapa diferente na que se poden facer todas aquelas cousas coas que un sempre soñou e non puido facer antes por mor do traballo, por exemplo.
O meu fillo dille a súa aboa: "aboa estás enganchada aos narcóticos, tes que empezar a deixalos, se non vas incrementar a taxa de drogadictos de Galicia".

un saudiño.

Antonio Olives disse...

É dicir, que estamos bastante “prexudicados”, supoño que haberá algún pobre desgraciado que comparta varios destes diagnósticos, algún esquizo-maníaco-alcohólico, e claro con este panorama, estará tamén ansioso e deprimido. Por que no caso contrario a mín sáeme que o 24% dos galegos temos algún destes problemas (e aínda quedan un motón de diagnósticos a repartir).

Isto preocúpame, porque xa sabedes o que din Les Luthiers, un de cada catro persoas están tolas, se estás con tres amigos, e non notas nada raro... (e eu non estou a notar nada raro).

O das persoas maiores mediadas con neurolépticos en Galicia creo que xa empeza a ser gravísimo, creo que o fillo de rifo i zeuquirne ten razón en preocuparse, estou comprobando que desgraciadamente as mulleres maiores están todas baixo tratamentos que son bastante incapacitantes e que ademais tenden a cronificarse.

A fórmula que se confirma nun alto porcentaxe: muller + maior de 65 anos + viúva = grandes doses de Trankimachiño, Sesoral ou similares... (igual hai outras opcións ¿non?)

Un saúdo, realmente interesante o teu blog

A lareira de Santiso disse...

Ola. Graci�as por pasar pola Lareira. Co teu permiso, incorporo a t�a bit�cora � mi�a lista de sitios que piden unha vista.
Par�cenme moi interesantes os datos dos que falas.
As mulleres sempre somos -m�is a�nda as das xeraci�ns pasadas-, os carros que tiran pola sociedade, e que nunca renxen.
Unha aperta

Pau disse...

A verdade que tanto o post como as opinións que aqui se verquen son do máis interesantes, e dada a miña ignorancia no tema, absteñome de opinar. Saudos

Anônimo disse...

Realmente é unha situación que produce inquedanza, pero non sorpresa. Non é vitimismo,é unha realidade, a casa para moitas mulleres pode ser unha cadea.

Escaso recoñecemento e nula remuneración é o pago que se lle dá a estas mulleres, para tolea desde logo.

Supoño que na educación está a chave para axudar a paliar estas situacións.

Moitos bicos e apretas.

Anônimo disse...

Cargas excesivas desde todos os puntos de vista, aínda hoxe (ou sobre todo hoxe). A secuencia de imaxenes é absolutamente xenial, e para quen saiba mirar falan por si soas.
É abraiante comprobar cantas mulleres que andan polos 30 e 40 caen nunha depresión... iso fala de que na realidade, fóra da teoría, e do ben que queda iso de que no papel se recoñezan tantas cousas, no mundo REAL digo, aínda estamos en pañais.
A educación é primordial, mais non esquezamnos que non vivimos na burbulla do fogar e da escola, o cine, a televisión, a publicidade, a música, a moda, o mercado laboral..., todo iso tamén (des)educa. Coido que o rol de muller nunca estivo tan explotado ( nas súas manifestación máis humillantes) ca neste século XXI. A disculpa? Non estades liberadas ou que? E todo vale...

Nuca disse...

No post hai dous datos interesantes que contradín parcialmente algúns dos anteriores comentarios:

1: As mulleres galegas teñen unha saúde mental máis quebrantada que os homes (un 62%)

2: A malloría das mulleres enfermas teñen unha actividade profesional e traballan fora da casa

Qure decir esto que, hoxendía, a probabilidade de caer enferma sendo muller traballadora é maior que sendo ama de casa e maior tamén que sendo home traballe éste ou non fora da casa

Mararía disse...

Vaia, dou por feito que estiveches a semana pasada no Congreso de Psiquiatría que se celebrou en Santiago de Compostela.

Un saúdo.

Sintagma in Blue disse...

Chégalle ben!

Mario disse...

Apesar dos datos obxectivos, o certo é que faría falta unha profunda revisión sobre a aplicacións dos parámetros psiquiátricos á Galiza, que aínda están afectados por distancias culturais e lingüísticas. (Máis do que pensamos).

Anônimo disse...

Eu entro dentro das estatísticas, pero o meu caso é diferente. Teño estudos superiores, traballei nun instituto, son escritora e porén ninguén me libra de ser bipolar desde a adolescencia. Supoño que haberá máis casos coma o meu. E claro, por suposto que me medico, só faltaría. Grazas a esa medicación podo levar unha vida máis ou menos normal.

FraVernero disse...

Vaia... moi interesante...

A guerra de xéneros agochada detrás das fábulas clásicas da domesticidade satisfeita e ociosa. O soño masculino (nazi) das tres Ks (non Ku Klux Klan, senón Kinder, Küchen, Kirche, Nenos, Cociña, Igrexa). A minusvaloración dun traballo sen salario, indigno porén de respecto na sociedade do tanto gañas-tanto vales...

Suso Lista disse...

No rural se cabe, esto nótase moito mais, e tamén é certo, que os homes normalmente, non acuden ao siquiatra, por consideralo unha debilidade das mulleres, ainda que en moitos casos, si o necesitarían.

Veloso disse...

Vivimos na fronteira sen sabelo. É un asunto moi preocupante, pero xa me parece un paso adiante que falemos del e que comecemos a ser conscientes dos perigos. Unha aperta, Torredebabel.

Anônimo disse...

Todos estamos expostos a caer nalgún tipo destas enfermidades pero a sociedade actual tamén nos ofrece un caldo de cultivo especialmente propicio: ou actividade frenética ou lecer insatisfactorio, a ama de casa que pasa o día soa, a supermuller que intenta poder con todo e acaba frustrada porque non pode... precisamos con urxencia unha sociedade máis flexible que nos axude a buscar o punto de equilibrio.

O Breogán de Gáidil disse...

Non hai nada peor que as enfermidades da alma, máxime cando a culpa delas a ten o teu día a día e non unha lotería xenética.
Bicos ultramarinos.

paideleo disse...

Eu non sei do tema. Sei que as mulleres van mais ao siquiatra e ao sicologo e os homes non lle dan importancia aos temas da mente.
Un saudo.

X disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
X disse...

Ademais tamén está a interiorización das esixencias sociais que un acaba asumindo coma propias. Un querer facelo todo, aproveitar ao máximo o tempo, asistir a isto e a isto e ao outro, ler isto e isto e o outro, dicir que si a todo porque sería unha mágoa dicir que non. E un acaba esixíndose más e máis nunha carreira cada vez máis vertixinosa na que ao final o peor inimigo é un mesmo que non se deixa descansar.
Saúdos despois de tanto tempo sen participar.

Marinha de Allegue disse...

É un tema profundo e contundente e claramente ligado ao xénero. Gustaríame saber cantos cartos emprega a seguridade social en antidepresivos e ansiolíticos diarimamente e cantos deles están ben recetados pq moitos deles poderíanse evitar. Tamén é curioso que hai máis homes psiquiatras que mulleres non si? a seguir reflexionando...

Unha aperta
:)

busto.agolada disse...

As esixencias da vida acelerada, as inxentes funcións que a muller debe asumir no fogar e no traballo fóra da casa. Entre as mulleres hai sen dúbida auténticas heroínas que pagaron o prezo da depresión ou doutras enfermidades mentais. Os homes non somos inmunes ás doenzas mentais, tampouco nos faltan motivos.
Reivindicar o papel da muller é obrigado, como obrigado é dedicarse todos os días a sobrevivir. Aínda que non o pareza hai bastantes ameazas que axexan tras a asepsia deste mundo que dicimos civilizado.
Saúdos, Débora.

vermella disse...

Que a diferencia de xénero se reflexe tamén nas estadísticas non me sorprende,as mulleres non temos vergoña de reconocer que estamos deprimidas,entón en moitos casos é o propio médico de cabecera o que cun test absurdo díctamina o grado,medica e ahí comenza o lío.
Cando non se acude a todo eso "sin receta".Por otro lado nesta sociedade que vivimos,ou pertences ó bando da super-woman sin querer selo ou ó outro da super mamá abnegada ama de casa,o peor é que as veces incluso hai guerra entre nós mesmas.
Seguireí pensando pero creo que mentres a sociedade non cambie moitos dos valores as mulleres seguiremos a engordar esas malditas listas.Que necesaría é a Educación para a ciudadanía.
Un saúdo.