8 de out. de 2007

Touporroutou

Pérdense calcetíns, paraugas ou moedas. Pérdense amigos, números telefónicos e xente querida. Pode un perder a vergonza, a dignidade e tamén a paciencia. A min perdéraseme unha palabra.

Cunha elegancia que máis quixeran as señoras da alta (e rancia) sociedade arxentina, a miña avóa desestimaba argumentos mentireiros, explicacións barrocas con pretensión de seriedade, e plataformas políticas en xeral cunha frase: "Touporoulou, baila Gumersindo".

Ese "touporoulou" (só ou coa compaña do "baila Gumersindo" para maior énfase) chegaba e xa non eran necesarios nin viñan a conto as queixas, os comentarios sarcásticos, a descualificación ou o escepticismo. "Touporoulou, baila Gumersindo" e a relativización do que alí fora dito era terminal.

O asunto é que "touporoulou" non existía. Nin nos libros, nin no oráculo-Google, nin nos tradutores... E cómo podía ser que unha palabra tan determinante, tan necesaria, retranqueira e fundamental na miña historia non estivera nos diccionarios? Dende logo, tiña que existir. Con toda seguridade, na pronuncia dos meus, na dicción da miña avóa, no acento (seguramente contaminado pola emigración) perdíanse letras ou engadíanse outras extrañas.

Moito busquei. Sempre sen sorte.

Abandonara xa a expedición cando un comentario no blog de Francisco Castro deume unha sorpresa. Era "touporroutou"! Claro que existía! O rr tiña un son máis doce na fala e o tou perdera contundencia disfrazándose de lou na miña escoita. Pero alí estaba! Como cando xurde no sitio menos pensado o calcetín, o paraugas ou unha moeda perdidos.

Ou unha palabra que di moito máis (tanto máis) do que di.

28 comentários:

A lareira de Santiso disse...

Miña avoa día moitas veces cando dá algo por perdido, cando lle parece unha barbaridade. Pero eu aprendina da canción "Touporroutou para onde vas vella, touporroutou, para Pontevedra...", que tampouco ten desperdicio!
Saúdos.

Lúa Neghra disse...

Que lindo! É unha marabilla cando rescatamos palabras do esquecemento, eses tesouriños orais que cómpre coidar para que non esvaezan no aire... Aperta :)

Son Unha Xoaniña disse...

E que este "Touporroutou" vale para moitas cousas é unha palabra comodín.
Hai moitas deste tipo habería que ir apuntándoas para non esquecelas.

Anônimo disse...

A miña nai dicía: "Touporroutou, María Manuela"

Prosciutto Mourente disse...

Todos perdemos palavras, suponho... palavras da nossa infância, da adolescência... E quando voltam, porque a lembramos ou porque alguém no-las trai, é um pouco como a história da famosa madalena de Proust. Por um momento invade-nos o mundo ao que estava associado essa palavra. Quase parece que voltamos a estar alô. Ao menos, isso é o que me passa a mim.
Saudinhos!

Raposo disse...

Unha aboa miña empregaba a expresión: "Paparralá, María Manuela". Valía para moitos contextos pero normalmente significaba dúbida o desconfianza ante algún feito que lle contaban.

Elianinha disse...

Mira ti,non a oíra nunca. Ves? Acabas de regalarme unha palabra, graciñas ;)

Anônimo disse...

Miña nai tamén a usaba, pero hai moito que non lla escoito.

Anônimo disse...

-Este é un comentario un pouco atípico para o artículo a que o fago corresponder. Só quería decir que descubrín fái pouco este blog e penso que está moi ben. Saúdos a Torredebabel alá polos eses outros aires, dende Ourense. Tamén quería recomendarlle outro blog, que non hai moito descubrín tamén, galego de pura cepa, no que interveñen intelectuais galegos dos de verdade, pero sen bombo nen platillo. Chámase "La cueva de Zaratustra". Creo que é interesante porque nunca está demáis aprender.
Saúdos. Seguiréi visitándovos. Aínda que sexa en silencio.

L.A.

Anônimo disse...

A miña avoa tamén a empregaba, "touporroutou, marica fai nove" dicía ela. É curioso ver como se emprega con expresións diferentes.

Mrs.Doyle disse...

Eu escoitara esta expresión nunha canción e como me sorprendeu anoteina no meu moleskine de palabras galegas pouco comúns.

Anônimo disse...

Eu non sei, vou cita de oído, pero penso que miña avoa decía "zamparrandaina" e aljo máis polo estilo do que ti dis. A min pasoume como a ti, busquei zamparrandaina pero nada. Ao mellor non era exactamente así.
Por certo, que sitio máis acolledor.

Anônimo disse...

Je, je, je! Que divertido!!! Eu touporroutou tamén a coñecía, pero penso que a que ten máis encanto é a que dicía a túa avoa...Esas palabras familiares, do teu entorno penso que son do máis preciado...

Moitos bicos para os tres.

Ana Bande disse...

A versión do meu avó era "traparratra María que bailamos" e tamén quedaba tan ancho. Agora que a me fixo rir de verdade foi a expresión dun meu compañeiro que logo de aturar as tonterías dun profesor que protestaba coma sempre, deixouno rematar e espetoulle: "¡quítateme desa póla!"

Anônimo disse...

A miña bisavoa tamén botaba man desa palabra, como xa dixeron, como comodín. Por iso fascinaba, un tiña que estar atento ao que viña antes o despois senon non te enterabas.
Gustoume recuperala.

TXARI disse...

e que ledícia cando se recuperam...que bonito que as verbas poidas deijalas em herdanza e confialas a quem máis gostes...os calcetíns som máis efímeros...jajajaja...bicos

Nuca disse...

Interésame enfocar a atención no uso que a tua avoa facía da palabriña. Verdadeiramente tiña retranca, porque imaxino que na Arxentina tal exprexión sería como falar en chinés...

FraVernero disse...

As divinas palabras...

No meu caso, a pescuda (anque non me levou tanto tempo, mais claro: a facultade dache acceso a un gran número de diccionarios) era a expresión empregada na miña casa para unha mala comida: unha 'ghaldrupada'. Ao parecer, a diccionariada é 'galdrumada', para cousas feitas mal e cocidas mal...

busto.agolada disse...

O reencontro coas palabras de antigo sempre é feliz. Algo hai que facer para que non morran. E esta desde logo que non morreu porque ti a espertaches outra vez, nesta ocasión na Rede.
Eu lina nun poema de Xoán Manuel Pintos, o poeta pontevedrés dos século XIX.
Moitos saúdos.

Pau disse...

Eu non fago caso de oila nunca, pero ten unha sonoridad maravillosa. Aique touporroutou

paideleo disse...

Esa palabra día meu pai pero en dous contextos distintos. Chama touporroutou a unha persoa parva e logo ten a frase " touporroutou, María Antonia " co significado de " non cho creo ".
O que estou eu é abraiado de ver tantas variedades nos comentarios.
Un saúdo.

Torreira disse...

Touporroutou,cóntanos torre cousas novas...un pracer,bicos

vermella disse...

Eu sempre pensei que esta palabra era única en Ponteceso porque na miña familia é común, din:
touporroutou Carme estoupou
" Sara "
Segundo se chame o que a usa.


Saúdos.

rosa enriquez disse...

Pois eu non a coñecía pero paréceme moi sonora. Gústame. Touporroutou¡
Bicos:)

Suso Lista disse...

Non sei a que espera o Gran Oráculo a incluíla, e a Wiki e a Galipedia.

Anônimo disse...

que bó!!
Na miña vida escoitara esa palabra...ata o fin de semán pasado, que fixen una escapadiña a Pontedeume, e tomei algo nun bar que tiña por nome esa palabra!! Que bó!! Chamoume a atención naquel momento...e hoxe..atopeina outra vez!! :-DDDDD
Touporroutou!!!

Anônimo disse...

Esa palabra tamén a dicía a miña nai. Agasallolle con outra súa: "tolameirón/tolameirona", dita sempre con cariño.

Unknown disse...

Miña avoa dicia "Touporroutou a donde vas vella, touporroutou vou a Redondela, touporroutou que vas a buscare, touporroutou marea de sale .Canto tempo sen recordalo