25 de jan de 2007

Na diáspora da ciencia

Moito imos ao psicologo, acá en Bos Aires. E digo en Bos Aires e non na Arxentina porque as taxas máis altas de seguidores de Sigmund Freud atópanse nas grandes megalópoles coma New York, París e algunhas outras capitais europeas e americanas. O fenómeno é dificil de explicar ata para os mesmos psicólogos, e os pacientes -coma seguidores dunha nova relixión- falamos de aprender a coñecerse un mesmo, de vivir mellor, de asumir os problemas e elaborar os traumas.

Cando o tema é xeral e non individual, colectivo, a complexidade dese coñecemento propio, dunha vida mellor e de elaborar os traumas, medra e medra. Xa non chegan os psicólogos e necesitamos de historiadores, de sociólogos, de economistas e de escritores. En Bos Aires, a capital do psicanálise, os galegos que chegaron e os que nacimos acá seguimos sen saber moito de nós, sen coñecérmonos ben, sen disfrutar da nosa rica identidade.

Na Arxentina, destino de barcos e de xeracións de europeus, se fixeron catro veces máis estudos sobre a emigración italiana que sobre a emigración española. Os datos foron publicados fai anos polos académicos Alejandro Fernández e José Moya en dous libros: “La emigración española en la Argentina” e “Primos y extranjeros”. E como pasa moitas veces, os números sorprenden.

É verdade que a emigración italiana foi a máis numerosa nestas terras, pero non é menos verdadeiro que de todas as etnias chegadas á Arxentina, a galega supera absolutamente a todas as outras. Chegaron máis galegos que cataláns, que vascos, que leoneses, que asturianos, que madrileños ou que cidadáns de calquera rexión do Estado español. Chegaron máis galegos que calabreses, que sicilianos, que napolitanos, que xenoveses, que romanos, ou que cidadáns de calquera rexión do Estado italiano. E ainda que chegaron moitísimos máis galegos que xudeus, a cantidade de traballos académicos sobre ese colectivo é dezaseis veces superior aos adicados aos homes e mulleres de Galicia.

As abismales disparidades tamén se atopan nos estudos migratorios dos colectivos menos numerosos, coma pode ser o galés. Entón, por qué hai tan poucos investigadores novos, nados na Arxentina pero fillos e netos de Galicia, con interese en traballar na súa propia história, na súa propia identidade?

Unha posible resposta a tece a escritora e académica María Rosa Lojo, autora de moitas novelas recoñecidas e que fixo da súa galeguidade parte do seu traballo de investigadora. Di ela: “É verdade que na Arxentina non é habitual que os escritores e científicos recoñezan unha orixe galega e, ainda menos, que sintan orgullo por ela. Iso ten motivos sociais: estamos nun país onde os libros de chistes de galegos foron best-sellers, onde o estereotipo do galego configurado no imaxinario colectivo presenta unha imaxe devaluada, na que non é cómodo ollarse reflectido”.

Por iso, eu concordo co chamamento que fai outra galega de Bos Aires. Chámase María Rosa Iglesias e é a nai do historiador galego-arxentino Ruy Farías Iglesias, que está rematando a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela cun estudo -precisamente- sobre os galegos do sur do conurbano bonaerense. “É preciso que os galegos novos -di ela- tomen conciencia da marxinación que existe no ámbito académico e que tomen conciencia de que a única maneira para revertila é facendo accións que nos dean sona, prestixio, que rachen o prexuizo contra o noso colectivo”.

19 de jan de 2007

Natureza /1

Cando vivía cos meus pais, nunha casa con xardín sementada na periferia da cidade de Bos Aires, non tiña especial relación con ese exterior verde onde medraban árbores e plantas e flores de todas as razas e todas as cores. Se cadra, era moi pequena e moi urbana. Se cadra, tiña cousas máis importantes nas que reparar (ou iso pensaba daquela). Ou será que me viñan nos xenes os xementes recordos dos fríos e dos calores apañados polos meus na terra galega, os esforzos descomunales por pintar nela gromos alimentados de sacrificios, a semi-esclavitude que o agro reclama. A verdade é que non me foi dado coñecer os motivos, pero hoxe boto en falta ese anaco de terra negra e xenerosa que tantos anos foi parte da miña paisaxe cotiá.

Foi co embarazo que -meu home e eu- comenzamos a sentir unha fascinación polas árbores. E ainda que xa contei esa historia fai tempo, ven de novo a referencia porque esa conexión coa vida, coa natureza, coa forza todopoderosa dunha póla que semella seca e murcha no inverno e que pode encherse de pequenas follas en poucos días coa chegada da primavera, unha e outra vez, nos deixa conmovidos.

Foi daquela que atopamos o fío que nos leva á orixe, á terra. Vivimos nunha pequena casa na capital do páis. Temos avenidas e rúas famosas moi perto, o metro e a posibilidade de estar no Obelisco en 20 minutos. Sen embargo, non temos xardín. Apenas, unha terraza que se pode percorrer con dez pasos.

É dende esa casa urbana que soñamos cunha hectárea fora da cidade na que sementar un vieiro de agapanthus que debuxe unha invitación a pasar en cores violetas e azuis nos tempos do Nadal, moitos árbores (limoeiros e laranxeiras que sexan poboados polos azahares nos meses de setembro e outubro, eucaliptus, algún piñeiro, un carballo...) e non menos flores. E unha enorme horta que non deixe comer o que sementamos.

Mentres ese soño non se torna realidade, teño dúas plantas de tomates nunha maceta. E algo de ciboulette noutra. Unha albahaca que morre de cando en vez e, coma pasa co Ave Fenix, rexurde. Un mandarineiro diminuto e un fermosísimo Aromo de follas azuis. E a memoria das mans dos meus colonizadas pola terra durante séculos. E unha certeza: ningún froito cae moi lonxe da árbore.

10 de jan de 2007

Memoria historica

"Logo de longos meses de crudel sofrimento, foi internado no Sanatorio do Centro Galego para sere sometido a unha delicada operación quirúrxica, co fin de coutarlle a firente dôr que o martirizaba; e a tal efeito, as autoridades do Centro asiñá ronlle unha habitación especial con tudal-as comodidades e dispuxeron se lle prestasen as máisimas atencións de tudo orde, e o mesmo â súa dona, doña Virxinia, que ficou â súa veira no Sanatorio até o derradeiro intre. Mais apesares da abnegación dos doutores Gumersindo Sánchez Guisande e Miguel S. Pastor que non se arredaron nin un sô intre do leito do ilustre enfermo, éste non reaicionou da delicada operación quirúrxica a que fora sometido. E ao fio das 23 horas da noite do sábado 7 de xaneiro,
surtiu pra Eternidade o grande home que perante toda a súa vida fixo un culto do amor a Galiza e ao seu povo, e que loitou arreo pol-a súa liberdade".

((CRONICA DA ENFERMEDADE, MORTE I ENTERRO DE CASTELAO - A Nosa Terra NÚMERO ESPECIAL ADICADO A CASTELAO ANO XXXII - Nº 474. DIA DE GALIZA DE 1950. AÑO DEL LIBERTADOR GENERAL SAN MARTÍN))


"Era imposibel non amalo, porque o amor a Castelao era amor a Galiza. Il, o home o dibuxante i-o escritor, realizábase en espresión galega tanto como Galiza se espresaba a través d-il. Il era Galiza por transubstanciación. Il fíxonos visibles e inevitables as nosas obrigas de conducta, pra con ila, como Pondal, Curros e Rosalía nol-a fixeron conscente nas súas doores, belezas i-espranzas. Pro o que aquiles dibuxaron no ar estrelecido do verso, Castelao modelouno en nidia e dura materia de conducta política e social. Il creou unha nova responsabilidade, un novo xeito de ser galego. Antes de Castelao podía amarse a Galiza de moitos modos. Dempois d-íl todal-as fronteiras d-iste amor están acotadas".

((DISCURSO DE EDOARDO BLANCO AMOR A NOME DA COLEITIVIDADE GALEGA))


"Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:
La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna.
Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto políltico.
Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista.
Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados.
De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.
Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente".

((O 8 DE XANEIRO, TRALA MORTE DE CASTELAO, A DIRECCION GENERAL DE PRENSA ENVIALLES ESTA CONSIGNA AOS XORNAIS))


Longa vida a Castelao!