31 de jan. de 2008

Véndenos o teu blog

A lista daquí ao lado medra e medra e iso é un sinal que eu, porque sí, interpreto como fantástico. Con todo, case nunca lembro a orixe de cada descuberta. Ás veces, son visitantes que chegan e para os que engado alí unha cadeira. Outras, son amigos dos meus amigos que, como é sabido, son amigos tamén. Algunhas achegas doumas algún artigo na prensa ou mesmo post de blogueiros.

Hoxe veño de descubrir un feixe de blogs na prensa. Foi no canal que -de cando en vez- La Voz de Galicia emprega para que os autores de páxinas fagan alí unha presentación do seu traballo. O dos medios interactivos. O dos lectores que tamén fan os xornais. O do xornalismo cidadán que tanto soa. O caso é que por esta fiestra aberta polo xornal xa asomaron moitos e a Voz tivo historias que contar. Lembro agora a da señora María Amelia de Muxía que leva o blog aos seus 95 anos.

Se eu fose xornalista dese medio, sen dúbida escribiría sobre ankami que leva un blog no que achega a súa Galiza e a Etiopía dos seus fillos. "Isto non é unha guía de viaxes, pero quizais che sirva de algo se pensas ir a Addis Abeba. É un espazo para manter o vínculo coa terra na que naceron os nosos fillos e da que, en definitiva, todos vimos. Son experiencias particulares, historias, curiosidades, lugares e persoas, comentarios sobre a actualidade, berros para chamar a atención sobre a desesperada situación de Etiopía. Un lugar que queremos compartir contigo que, por algún motivo, escribiches a palabra Etiopía nun buscador", explican.


Tamén, claro, falaría do blog Energías Renovables y Sostenibilidad Energética dun grupo de estudantes do Master en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética (MERYSE) da USC con distintas especializacións co obxectivo de divulgar, escoitar, debater e aprender todo o que engloba a Sustentabilidade Enerxética. Segundo anotan, "a intención dos editores do blog é principalmente é a de informar, xerar debate e así, concienciar ao lector na necesidade da autosuficienza enerxética e as enerxías renovables como única fonte de futuro".



A Javier, autor do blog O románico na Gallaecia: Un percorrido pola arte románica entre Miño e Douro e outros non menos interesantes, faríalle unha entrevista sobre o seu "percorrido polas igrexas románicas comprendidas entre as cuncas dos rios Miño e Douro e que na Idade Media pertencían a Gallaecia como lugar de convivencia común".


Se eu tivese lembranzas de nena galega na terra, sen dúbida faría unha crónica moi simpática e empática sobre Wikirecuerdos que, segundo explican os seus autores, "é unha enciclopedia de contidos relativos ao consumo e o lecer dos anos 60, 70 e 80 do século XX, baseada na tecnoloxía wiki". A diferenza dun blog, esta páxina -anotan- "admite a túa colaboración para xerar novos contidos e mantén un foro aberto para discutir ou compartir sobre a nostalxia desa época". Eu nin idea, pero imaxino que hai unha chea de persoas ás que estas preguntas lle din algo: "¿Te acuerdas del álbum de cromos El porque de las cosas?¿Y de los Madelman? ¿Recuerdas con nostalgia la serie Bonanza que veías en la televisión en blanco y negro? ¿En el colegio eras de los Bonys o de los Tigretones?".

Se o convite "A vida do meu barrio contada polos seus veciños" non ten moito encanto de seu, chega con mergullar polo blog Barrio de Los Rosales para atopar nel un verdadeiro espazo de reunión, de traballo conxunto, de veciñanza no senso de vida compartida. Pódese non estar dacordo con todo o que fan, pero dende logo mentres todo enfoca no individuo illado, que alguén aposte polo benestar común non está nada mal.


Por último, se eu foxe xornalista de La Voz tamén faría por atopar o blog de Gumersindo Novoa Rodriguez que esqueceu deixar alí o enderezo. Pero como non son, como non vou escribir a historia destas páxinas, nin vou atopar ao señor Gumersindo de Uruguai, só deixo aquí este convite.

10 comentários:

paideleo disse...

O mundo dos blogos é interesante e variado como a personalidade da xente.
Un saúdo.

busto.agolada disse...

O mundo dos blogs é coma un porral. Danse nel toda clase de hortalizas, necesarias e saborosas.
Saúdos.

Anônimo disse...

Que paveiro o dos Wikirecuerdos...Eu a verdade sinto nostalxia dos 80, da súa música,series e doces, e eu non era nin dos tigretones nin dos bonys, eu era da Pantera Rosa, e aínda hoxe en día, non podo vencer a tentación de mercar algunha de cando en vez....

Unknown disse...

xa vexo que alguen me supera na miña adicción a leitura...
iso e bo detodolos xeitos gracias por amosar alguns mais que valen a pena
ah! encantoume o post anterior dos EXLIBRIS non coñeñcia a sua existencia e agora xa estou maquinando como pode ser o meu
para engadir este rito ao costume de firmalos e poñerlles fecha...
bicos de antroido

Anônimo disse...

Nesta ligazón vemos que foi vostede excluida da praza de xornalista por non acreditar tal titulación. Que ten que dicir?
http://www.galiciaaberta.com/portal/binary/com.epicentric.contentmanagement.servlet.ContentDeliveryServlet/Documentos/08/Dos_prazas_definitivas.pdf

torredebabel disse...

Graciñas a todos polas visitas! certamente como din Paideleo e Busto.Agolada, o mundo dos blogs é interesante e medra engadindo historias e xentes interesantes. Eu, coma Jan, tamén son do tempo da Pantera Rosa. De feito, tiña unha de pedriñas que moito me pedía o meu avó Xoaquín de nena para facerme rabiar. Quen sabe qué sería dela...
E para Ex Traño, non deixe de nos mostrar o ex libris cando o teña!

Graciñas a todos!

torredebabel disse...

para o anónimo, tan interesado en min (moito llo agradezo), penso que para pedir explicacións a unha persoa sobre os seus asuntos antes hai que presentarse, digo eu... É verdade que os IP din moito da xente, pero iso non deixa fora as normas da cortesía.
Mesmo sen coñecelo ou coñecela cóntolle que o meu título de xornalista -o mesmo polo que fun, por exemplo, contratada fai dez anos na Universidade de Bos Aires nun cargo docente interino e o mesmo, para seguir cos exemplos, co que me presentei a oposicións a ese cargo regular en decembro pasado- non é apropiado para a praza de técnico en comunicación, segundo a Delegación da Xunta.
Dende logo, o criterio que importa neste asunto é o da Delegación -como o que importa para dar clases na UBA é o da universidade- xa que a persoa que resulte escollida para ese traballo terá un salario que pagarán todos os galegos (aos efectos do mercado laboral arxentino, coma se alá cobrasen mais ou menos uns 10.000 euros ao mes). Tamén terá ocasión de mudar a imaxe vella e desactualizada que hai por estas terras da Galiza, que boa falta fai. Unha oportunidade estupenda que, penso eu, vai quedar na persoa mellor preparada para iso. De feito, se non o crese así -se atendese ás voces que levan meses dicindo que esas prazas xa estaban asignadas dende antes- non me presentaba.

Anônimo disse...

Disculpe por personalizar, pero o seu caso é o exemplo de como funciona o acceso ós postos públicos en Galicia. Seguramente o carné do PSOE sería maior mérito que a sua licenciatura ou experiencia.
Eliminando á obxectivamente mellor, poderán colocar a quen desexen. É triste, pero é así.

torredebabel disse...

Pode vostede estar seguro ou segura de que eu non son a mellor para esta praza. Cando menos, coñezo a unha das seleccionadas que é unha moza con moita experiencia como portavoz, co coñecemento técnico necesario para levar adiante esas funcións e un encanto de persoa (unha persoa da que, engado, non son amiga: de feito se falei con ela tres veces, é moito). Se -mesmo tendo como ten relación co Psoe- ela quedase coa praza sería estupendo para a Delegación e para tanto como hai que facer aquí. O que sí sería triste é que esa praza rematase sendo para quen -non poucas voces- din que vai ser: unha persoa que non fala galego con fluidez pero que ten un mérito que o resto non ten: o de ser amiga dalguén.
Como dicía antes, eu penso que non vai ser así. Sería dunha torpeza moi grande, unha falta de respecto maiúscula para os galegos que pagan esa Delegación e para os galegos daquí que merecen ao mellor facendo ese traballo, e tamén sería un escándalo.
Eu teño esperanzas de que aquí as cousas se fagan ben.

torredebabel disse...

por certo, grazas pola consideración sobre min e o meu traballo. Aquí hai unha chea de xente que fai cousas fantásticas e non se coñecen porque non levan un blog ou así. Grazas.