25 de fev. de 2008

Desvelo

Puido ser o motor dun coche ou o falar dalguén na rúa. Non o lembro con precisión porque o único que recordo é que acordei na metade da noite por algo indefinido, un ruido, un son infrecuente que rachou a arañeira dos meus soños e me deixou náufragando no océano do insomnio.

Quen sabe que horas serían. Claro, iso tanto ten porque, como dí unha canción da Bersuit, pola noite a soidade desespera. E quen está desvelado, sobre todas as cousas, está só.

Para loitar contra o oco e o baleiro, din en escoitar. Escoitar a noite de Bos Aires no meu barrio. Soou a banda musical da avenida General Paz, unha autovía que aperta a cidade e sinala os seus confíns de vaidosa urbe civilizada... ou iso queren creer moitos. Soou a tose dun camión -se cadra tan desvelado coma min- e soou unha radio na que ata a música que pasaban semellaba adurmiñada. Soou a pregaria tardía do can dalgún veciño e a resposta doutro, afastado, se cadra un animal onírico e non real. Soaron dous ou tres taxis deses que veñen recalar nestas rúas serenas na procura dun descanso que lles prometa que non queda moito, que xa remata o choio, que virán tempos mellores. E grilos. Din en escoitar grilos. Pareceume irreal nesta natureza de cemento, un son case surrealista. Pero claro, agora non sei se os escoitei ou se, daquela, xa estaba a durmir de novo.

22 comentários:

Anônimo disse...

Gústanme moito algunhas cancións de Bersuit.

Anônimo disse...

epa, foiseme o comentario en anónimo. Quería decir que hai moito tempo que non me desvelo.

Anônimo disse...

O desvelo trouxo soedade á túa alma...
Lin hai uns días nun blog amigo (Cuspedepita), que alguén se sentía como unha árbore aillada.
Vexo que o tema da soedade e inherente ao ser humán.
Condición ontolóxica que ninguén pode evitar (nada ten que ver se ten parella, ou fillos, ou pais ou amigos...)

Os grilos que escoitaches fixeronme lembrar un soneto de John Keats: "A la cigarra y el grillo" (On the grasshopper and cricket) onde o autor escoita un grilo no medio do silencio do solpor.

Saúdos.

Antón.

Clara Flor disse...

A inundada extension da noite, da que falaba o gran poeta J.A. Valente. Ou o fermoso poema doutra galega de Montevideo, Idea Vilariño, Uno siempre está solo
pero a veces está más solo.
Bicos ao lonxe.

Marinha de Allegue disse...

Os desvelos da noite desvelan o día...

Un sono reparador sería fantástico.

Unha aperta grande para ti e para o escolar no seu primeiro día.
;)

Anônimo disse...

Cantas soidades anónimas vagando polo mundo da noite, das noites do mundo!. Case que oín o ruído dos coches. Os grilos son todos teus.
Un enorme bico, que facía moito tempo que non viña por aquí.

Ana Bande disse...

Eu tamén tardaba en facerche unha visita, pero coma sempre, pagou a pena. Fermosísimo texto, os insomnes estamos contigo. Eu son unha apaixoada dos pesadelos, penso que ata mesmo os provoco para deleitarme ao día seguinte coas imáxenes tan incribles e fantásticas que somos quen de fabricar nos soños.

paideleo disse...

Por un momento estiven en Bos Aires e sentín o cantar dos grilos: sonido que me encanta.
Graciñas por este fermoso texto.

Anônimo disse...

Eu si teño imsomnio case a diario, pero como non podo escoitar dedícome a vagar pola cabeza intentando relaxarme.
Fermoso texto.

Chousa da Alcandra disse...

Por engadir algo fresco ao atinado comentario de Marinha de Allegue, vou engadir que se durmes ben, despertas...igual de durmido!!!

Escoitar grilos de noite é perigoso, faime caso. Acabas por oilos debaixo da cama.

Saúdos dende a Chousa (mollada)

Raposo disse...

As veces, a min tamén me gusta escoitar os sons da noite.
E si un está na aldea é moi relaxante.

busto.agolada disse...

Que sorte tedes de escoitar tantas cousas na noite. Case me parece máis animado o Bos Aires da noite ca o bulicio do día nesta miña vila rural. Eu boto de menos o bulicio nas rúas desta miña vila, porque a coñecín chea de vida e agora vexo como se apaga máis cada ano.
Fixeches unha descrición moi literaria desa túa noite desvelada.
Apertas.

From Hell disse...

Coño que ben escribes!!

Cuspedepita disse...

Gustoume moito o que escribiche, tamén me sentín trasportada á outra beira e desvelada :-)

Para min os grilos son símbolos da ledicia. Agardo que o teu subconsciente pense igual ca min :-)

Anônimo disse...

Quen sabe, igual é xusto neses parénteses medio sonámbulos cando percibimos todo tal como é.
Unha aperta, agora mesmo dende Bos Aires, grazas ao seu texto.

Torreira disse...

fermoso desvelo torre ou polo menos fructífero.Bico

Pau disse...

Vamos creer que xa quedaras durmida, porque si escoitas grilos en medio da cidade é que esto do cambio climático xa é moi grave. Ultimamente non se escoitan moitos por donde eu vivo; mais cando era rapaz pasaba días cazando neles

Anônimo disse...

Pau: xúroche que hai grilos nesta cosmópolis afastada e chea de descendentes de galegos...

Saúdos.

Antón.
Galego en Bos Aires.

Anônimo disse...

Rosalia tamen soñaba desperta as veces e aqui, nestas rimas faino en Castelan!!!

Busca y anhela el sosiego…
mas… ¿quién le sosegará?
Con lo que sueña despierto,
dormido vuelve a soñar.
Que hoy como ayer, y mañana
cual hoy, en su eterno afán,
de hallar el bien que ambiciona
-cuando sólo encuentra el mal-,
siempre a soñar condenado,
nunca puede sosegar.

Nuca disse...

Aindiven unha tempada imsomne. Con qué claridade se ven os pensamentos na escuridade da noite!!!

Anônimo disse...

Tamén facía tempo que non viña por acó. Non sei se saber que está vostede no verán non me incomoda de máis. E escoitar grilos eso si que dá envexa. Por aquí comeza a primavera e sentín hoxe piar os paxaros na mañán do domingo tamén por entre o cemento e as primeiras flores de azahar.

Roi Buligan disse...

que fermoso desvelo e que palpitante e atento é o teu ouvido para recollelo con celo...lémbrame algún insomnio pese a todo divertido e aventureiro de noites literarias entre capítulos desenfiados de Cortázar e os índíxenas motecas desa selva bonaerense.