13 de fev. de 2009

Historias de amor

Unha onda de flores, corazóns e chocolates espallase pola cidade. Os restaurantes están a tope e se o amor non ten data fixa no ano é ou ben porque non te queren ou porque non queres. Abril ten 8 anos e ven de descubrir que o azar é unha influencia poderosa nas relacións humanas e que os seus pais tamén podía non terse coñecido nunca nesta vida. Hai anos, moitos anos, tamén eu fun unha nena que quería saber cómo foi que os seus pais se enamoraron. Contáronme a historia varias veces e non houbo nin unha pinga de romanticismo na narración. Con todo, a historia ainda hoxe paréceme fermosa.


Meu pai botáballe unha man ao seu amigo Pepe nun arranxo da casa. Caíalle ben Pepe. Tiñan moitas cousas en común: galegos chegados de nenos os dous, contaban daquela uns vinte e poucos anos. Eran veciños no barrio e compartían partidos de fútbol. Algunha vez, foran compañeiros na carpintería na que o meu pai traballaba dende os 13 anos. Por iso, andaba ese día a axudalo.

Non lle gustaba moito á nai de Pepe ter xentes estrañas na casa. Pero o mozo estaba alí a traballar, de xeito que o convidou con algo. Pode que fose unha bebida ou algo de comer. O caso muda segundo as versión da historia. O meu pai pisou asi, por vez primeira, a cociña e agradeceu o convite.

Foi alí cando viu, ao fondo da casa, a unha rapaza que mergullaba nuns papeis e libros. Calou. Rematou a bebida e volveu ao traballo.

- Ouviches, quén é a rapaza dalá?
- ... a miña irmá.
- Non me pareceu que fose Anita.
- Non é Anita. É Rosalía.
- Tes outra irmá?
- Teño.
- Xa...
- Pero non sae nunca. Sempre está estudiando.

Unha Noite Boa fixéronse noivos. Á miña avóa levábaa o demo: "Nada de noivos aos 16 anos", berrou. Pero o meu avó chamoulle a atención: "Déixaa estar. Se non é este será outro. E, cando menos, o rapaz é galego coma nós". Pasaron sete anos de noivos. E casaron. Pasaron 32 anos de matrimonio. E divorciáronse. Agora, levan 4 anos sen falarse. E eu quixera saber se unha historia de amor deixa de ser unha historia de amor cando a parella se separa.

.

12 comentários:

paideleo disse...

Sinxela pero bonita historia de amor.
Agora teño que preguntar a meus pais como se coñeceron.

A Conxurada disse...

Eu creo que non, o bonito das historias de amor non remata, aínda que os propios implicados non o recorden, ou non o queiran recordar.

A Conxurada disse...

Eu creo que non, o bonito das historias de amor non remata, aínda que os propios implicados non o recorden, ou non o queiran recordar.

Mr Tichborne disse...

Se cadra o amor morreu, mais esta fermosa historia non.

condado disse...

Para a miña sorpresa, comprobo que hai autores que non se recoñecen nunha obra que escribiron tempo atrás...

Antón de Muros disse...

Vaia pregunta, Torre.

Hai que lembrar os bos momentos vividos e as cousas boas da relación. O outro, deixalo pasar.

Quizáis nestes temas non sexan tan importantes as definicións... creo eu.

Por certo, unha vez lin que "as relaciones humanas, coma os alimentos desconxelados, son perecedoiras", en fin...

Unha aperta.

Antón.

Anônimo disse...

Na vida todo son momentos, o amor é un momento máis curto ou máis longo, a beleza non depende diso.

SurOeste disse...

Vaia, vaia, boa pregunta, supoño que o máis sensato será dicir "depende". Hai persoas que están obsesionadas toda a vida cun instantiño, cunha historia que non acabou de callar e outras que esquecen rápido, para quen todos os namoramentos son "a morte" pero despois dun vén outro e outro e outro...e aínda están os que acabaron xuntos non saben moi ben por que e así seguen sen saber se fan ben ou mal.CAda un procesa as experiencias á súa maneira.

Cuspedepita disse...

Eu penso que nada pode cambiar o que pasou, benquerida amiga, así que unha historia de amor será sempre unha historia de amor, anque sexa perecedeira como dí Antón e anque chegue o día en os protagonistas esquezan canto se quixeron.
A vida cambia as persoas e vai desgastando os sentimentos, pero non pode borrar os anos vividos xuntos, a ilusión dos primeiros tempos, os proxectos en común, as penas e ledicias compartidas, nin o que un sentiu daquela, por máis que agora xa non o sinta.

Unha aperta grande e moitísemas grazas polo fermoso (e agarimoso)comentario que nos deixache.

Torreira disse...

Non sei se queda algo desa historia de amor mais o que si sei e que quedas ti pra contala e iso e mais que suficiente.Bico

Roi Buligan disse...

Hai paisaxes sentimentais fermosos na memoria subxectiva que a man do home e da muller mudan e desdebuxan para eles, porque as lembranzas teñen donos individuas. Pero aínda que alguén escache unha foto dunha parella feliz en sepia, a realidade da imaxe sigue vixente sobre todo se as mans dunha nena volve a recompoñela á súa maneira.

Anônimo disse...

Fermoso texto, chegoume; pode que porque tamén vivín iso nos meus país... Aínda que duraran 14 anos, algo menos que os do relato.
Voltarei por aquí.
Saúdos.