.Co inverno e co frío, espallouse na Arxentina a Gripe A (N1H1). Outros anos, espállase o virus doutros tipos de influenza que remata coa morte dunhas catro mil persoas promedio. Pero isto non semella ser tan importante.
Polo medo á Gripe A, a xente merca moitas
máscaras na farmacia. Non saben usalas. Non saben (ou sí saben) que para unha persoa sa, a máscara é un invernadoiro de microbios a milímetros do fociño. De todos os xeitos mercan máscaras e algúns as levan pola rúa, ao traballo ou ao centro de compras. Os doentes, os médicos, as persoas que realmente as necesitan, nestes días non teñen onde atopalas. Non as hai. O da oferta e a demanda que tan ben nos aprendeu o mercado.

Polo medo á Gripe A, a xente que pode, paga fortunas por un
medicamento que non necesita, que millóns de persoas non necesitarán nin este ano nin ningún ano. Pagan máis de 130 pesos a caixa (o equivalente a 40 litros de leite) e gardana coma un
tesouro á espera de que a peste chegue e co desexo de que non chegue. Ninguén pensa nos enfermos que necesitan o remedio agora mesmo.

Polo medo á Gripe A, a xente baleira os andeis da farmacia onde se exhiben os frascos de xel
antibacterial. Hai 15 días pagaban 5 pesos e hoxe pagan
35. Os empregados dunha farmacia dun barrio porteño contaban hai tres días que encheran todo con cinco mil envases e que ás dúas horas quedaran sen eles.

Polo medo á Gripe A, a xente discrimina máis, sospeita de todos e de
todo. Pagan cartos que non teñen. Quedan pechados na casa. Leen
xornais que lle meten
moito máis medo porque o medo sempre é mais noticia, calquera sabe iso. Se vostede quere dominar o mundo, non tire os cartos en bombas: espalle o medo, agoche a información ecuánime e clara e agarde algunhas semanas.
.