Antes de ter fillos, non me preguntaba moito polos nomes das persoas. Tiña unha historia familiar sobre a maneira na que cada quen rematou sendo José, Grisel ou Marilín e gustábame pensar que, máis ou menos, a cousa sería así en todas as familias.
O caso é que, cando tiven que escoller eu un nome -daquela para o meu primeiro fillo- din en cavilar sobre os motivos, as pulsións que operan neses momentos. E apunto o de motivos e o de pulsións porque, se cadra, nin todo é tan conciente, nin tan irreflexivo como semella.
Coñezo xente que escolle o nome de moda, o de algún persoeiro ou celebridade e mesmo o das personaxes das teleseries. Aquí na Arxentina, na década dos ´90 pasaron unha telenovela protagonizada por un neno que era criado polos indios: Catriel. O éxito da historia e a novidade do horario no que a daban (ás 21) fixo que o que daquela era un nome descoñecido de todo pasase a ser levado por centos e centos de nenos.

Outro tanto pasa cos filmes de Hollywood: cheíño está dos Kevin, Brian ou Jennifer que, de novo, son Brian Rodríguez, Kevin Steinschneider ou Jennifer Levecchi.
As mesturas, en si mesmas, no teñen nada de malo. Digo eu. Mesmo falan da escencia deste país: o coñecido crisol de razas. O malo, dende o meu punto de vista, é levar un nome que non é quen de decir algo de nós e da nosa historia.
Nisto, dende logo, hai cores para todos os gustos. E por iso, precisamente, chegado o momento de nomear aos nosos fillos, o meu home e mais eu buscamos que fosen o mesmo eles, a súa historia, a súa orixe e o seu nome.
Os motivos polos que Santiago é Santiago xa os contei aquí. E Manuel, que naceu hai sete meses, é Manuel Gonzalo porque Manuel é Belgrano, tamén o fillo de Osvaldo Soriano (que o é por Belgrano) e Manuel tamén é Rivas. Mesmo Manolo Escobar! E todos estes Manolos falan de nós.
Pola súa banda, Gonzalo é o nome do meu pai e, deste xeito, cada un deles é unha mensaxe cara ao futuro do que os seus avós sementaron neste país que, sen ser o de eles, lles deu moito do que eles son. Para que non os esquezan. E para que sempre saiban de onde é que eles veñen.