19 de nov de 2006

Redes galegas

"¿Pensa que internet pode facer algo específico na construción e reforzo do amor pola terra, pola lingua e pola cultura galegas?". Entre algunhas outras, fixen esa pregunta a perto dunha ducia de blogueiros fai meses. Quería facer un percorrido polos motivos que levan a unha persoa a crear un blog, escribir nel regularmente, escoller a lingua galega para contar, e ler outras tantas bitácoras a cotío. As respostas poden atoparse no artigo que se inclue no ultimo número (o 171) da revista Grial que pode lerse de balde na web da Editorial Galaxia.

Cara ao futuro da cultura galega, un dos integrantes do Grupo de Investigación en Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela e tamén blogueiro Manuel Gago Mariño é optimista: "Eu coido que internet xa o está facendo. Para comezar, a presenza da nosa lingua na rede multiplicouse de xeito insospeitado e en direccións que ninguén consideraba no ano 2003. A lingua reinvéntase a diario na confrontación entre unha sociedade moderna e as redes telemáticas. Ata o momento, só era empregada por contadas institucións, entidades e particulares, pero agora o seu uso está disparado. Ademais, redistribúe a cultura: moita xente de talento obtén agora unha visibilidade que antes non tiña. Este factor de redistribución da cultura e de visibilización paréceme relevantísimo para osixenar círculos sociais e iniciativas. Internet favorece tamén algo ao que, ata o momento, non estabamos moi afeitos en Galicia: favorece a creación colectiva e a iniciativa conxunta. Relatos e novelas feitas entre varios, colectivos de ilustradores, xornais feitos pola propia comunidade... é fantástico para a modernida de da nosa cultura".

Profesor universitario, Gago proxecta o fenómeno cara á diáspora: “Neste ágora virtual, ninguén está lonxe ou preto. As novas tecnoloxías —tal como xa se prevía que ía ocorrer a finais dos 90— poden pular a presenza da diáspora cara á ágora cibernética na que nos atopamos e rachar con difíciles barreiras. Galicia xa non é só un territorio, senón un espazo cultural e de interacción de fronteiras difusas”.

Fronte á mesma pregunta, o xornalista e escritor Xosé Manuel Pereiro (autor do blog Si Home, Si) opinou en positivo: “Sobre de todo porque ata agora se relacionaba o galego co atraso, non tiña prestixio social, e vencellándoo a internet, aproveitará o prestixio que teñen as novas tecnoloxías”.

Kiko Novas tamén o pensa: “Internet é o futuro. Unha páxina que fale temas que non teñen que ver coa lingua nin con Galicia directamente é o mellor xeito de normalizar a lingua. Se unha persoa castelán-falante entra na Internet para buscar, por exemplo, información sobre coches, viaxes e astronomía e resulta que a le en galego teriamos dado un espectacular paso adiante”.

E o multipremiado escritor Xurxo Sierra Veloso: “É posible que teñan influencia antes nas comunidades do estranxeiro que na propia Galicia, aínda que tamén dentro das nosas fronteiras hai espazo para a esperanza. En realidade, creo que hai certos blogs que, levados polo prestixio persoal e profesional dos seus facedores —“As uvas na solaina”, “Brétemas” ou “Sihomesi”— poden estar contribuíndo a fomentar o debate e mesmo a crear certas correntes de opinión”.

E o xornalista de La Voz de Galicia Nacho Miras Fole: “Si que contribuirán a comunicar e a unir a xente ao través deses fíos invisibles. O malo é que Galicia segue a ser un sitio cunha poboación maioritaria que emprega máis as ordeñadoras que os ordenadores, unha poboación envellecida á que pouco lle vai cambiar a vida que nós andemos nestas lideiras da rede. En calquera caso, insisto, non pode ser malo estar conectados”.

Engádese a talentosa A picara de Allegue cando di: “É un medio de comunicación moi enérxico e eficaz. Eu mesma, sen ir máis lonxe, grazas a unha web puiden contactar cunha prima da miña nai arxentina que buscaba á miña avoa. Ese foi un momento fermoso; a miña avoa xa falecera e non puido vivilo, pero a miña nai púxose contentísima. Atopar a Zulma foi unha felicidade”.

E o escritor Fran Castiñeira: “Non só en Galicia senón en todo o mundo o blog é un fenómeno de comunicación que está sendo estudado pola súa crecente influencia en correntes de comunicación e pensamento. E Galicia non vai ser unha excepción, non hai máis que lembrar os movementos en internet sobre os aspectos de actualidade galega, como cando a marea negra do Prestige ou as últimas eleccións galegas e españolas. Iso é comunicación”.

E o poeta e coordinador de obradoiros literarios Eduardo Estévez: “Creo que, nalgunha medida, xa están a telo. Pero non só dende os galegos do interior cara aos da diáspora, senón tamén no senso contrario. Para os que están fóra, a posibilidade que brinda de establecer e manter contacto cotián co que sucede dentro é moi importante. E para os que estamos dentro, comprender dun xeito máis próximo o que sucede fóra tamén pode axudar a soster(nos) (n)o noso labor diario a prol da cultura”.

O profesor e experto en literatura galega Marcos Valcárcel tamén di: “Internet pode ser poderosísima no reforzo do amor pola terra, a lingua e a cultura galegas. Demóstrano tres feitos concluíntes: (1) a experiencia de Vieiros e outras páxinas e portais semellantes; (2) a forza do galego na blogosfera; e (3) a presenza importante do galego en blogs e páxinas da emigración galega, sobre todo americana. Todo isto dálle ao noso idioma posibilidades de comunicación que nunca soñou. E, ademais, con plena liberdade, sen depender do capricho das empresas ou das súas marchas adiante e atrás (hai xornais comprometidos, pouco, co galego, por temporadas: hoxe si, mañá menos; non é este o caso da maioría dos galegos que escribimos en Internet)”.

Por iso, asegura que os blogs xa teñen influencia na actualidade de Galiza hoxe: “Penso que xa están a ter esa influencia, aínda que, como é lóxico, é moi difícil de medir. Pero coñezo ben o mundo da prensa escrita e estou seguro de que os responsables e directores dos xornais len os blogs galegos. Ata o punto de ‘copiar’ iniciativas como a procura da palabra galega máis fermosa (La Voz de Galicia lanzou un concurso semellante ao da iniciativa de “Náufrago”) ou reportaxes como o que lle fusilaron a “O ollo da vaca”. E xa hai nos xornais, seccións e columnas que imitan o estilo e a linguaxe dos blogs. E estou seguro de que para moitas persoas a seriedade e credibilidade de moitos blogs non é menor da que fornece a radio, a televisión ou a prensa escrita. E o mesmo sucede coas colectividades galegas no mundo: teñen en Internet unha poderosa arma de comunicación libre e gratuíta”.

Grazas polo voso tempo, e tamén grazas a todos os que foron consultados e cuias verbas aparecen no artigo. E tamén (sobre todo diría eu), grazas pola xenerosidade de receberme nesta enorme familia que é o blogomillo. Moitas grazas!

19 comentários:

Torreira disse...

Con acompañantes asi da gosto moer o blogomillo...parabéns babel

Moralla disse...

Parabéns Babel!!!! hai tempo que non sei da túa sabiduría e sensibilidade. Xa vexo que seguen de marabilla. Un bico de moralla

David disse...

Grazas a ti por todo o que estás a facer pola lingua co mérito que ten no teu caso!
Saúdos!

F. Miguez disse...

Gracias a tí. O ton positivo e edificante do teu post é precisamente o que lle fai falta ó galego.
Unha aperta.

Ra disse...

Gracias por tu entusiasmo, en gallego y en andalúz.Siga usted con esta linda perspectiva.

torredebabel disse...

Grazas a todos vós! Torreira penso coma ti, é unha ledicia "moer o blogomillo". Fermosa Moralla, moito lamento non ter o tempo que quixera para estas actividades blogueiras que ten feliz me fan: o mes de novembro chega co remate das clases na universidade e, con iso, tamén a morea de examenes para correxir e as calificacións que analizar. E como sabiduría non teño ningunha, todo queda nas mans da idea de xustiza que non sempre se deixa seducir... Grazas, sempre, polas túas admirables palabras.
Grazas David pola compaña de sempre! moito aprendo de música e de futbol na tua páxina!! ;-) E tamén grazas a Ra, en galego e en andaluz! haberá, digo eu, dúas culturas mais apaixonantes que estas?? Grazas a todos!

A Randeeira disse...

Con xente coma ti poderíase cambiar Galiza dende calquera sitio. Moitas grazas pola túa labor.

Clara Flor disse...

Ti eres parte do patrimonio inmaterial galego no mundo, con esa forza constructiva, un exemplo da DIASPORA CIBERNETICA GALEGA. Porque diásporas hai moitas, as ocultas e as visibles. E ti formas parte da que ten luz, folgos, da que non ten complexos. Firza!!!

Mrs.Doyle disse...

Eu son moi escéptica e moi pesimista co uso do galego porque o feito de que se use neste ámbito non é máis que un refrexo do tipo de usuario, que ademáis é o tipo de usuario que lee en galego,...
Penso que habería que traballar a normalización da lingua en outros ámbitos nos que non existe.

Babel: admiro moitísimo a túa labor e ogallá continúe por moito tempo.

moucho_branco disse...

únome ás felicitacións polo traballo. Creo que caio no campo dos optimistas sobre o futuro, pero con prudencia...

un saúdo.

Mario disse...

Pero como vamos ser pesimistas con blogs coma este? Eu creo que o galego está a rematar os seus segundos anos escuros, e desta volta non haberá quen nos pare!!! E moitas grazas a torredebabel e aos fíos, que máis ben son pontes, invisíbeis e visíbeis que deita sobre o Atlántico.

Marinha de Allegue disse...

Torredebabel, eres unha muller adorable e excepcional, e contaxías esa excepcionalidade en todo o que fas. Os teus fíos vasme permitir pero de invisibles nada, cada día son máis visibles gracias a túa constancia e a o teu agarimo pola Terra e a Lingua.

Unha aperta grande grande que cruze o mar.
:)

Veloso disse...

Súmome aos parabéns, agradezo moito a invitación e agardo que o blogomillo, máis alá do entusiasmo xeneroso dun bo feixe de persoas, sexa semente de futuro para a nosa lingua. Unha aperta.

Arale Norimaki disse...

Eu son nova como comentarista por este fogar de Babel, pero iso non impide que che transmita a miña noraboa polo post e polo interesante traballo que estás a realizar. Espero caer por aquí máis a cotío :)

TXARI disse...

une aquelo que nos fai repetir, e as visitas á túa págian son frequentes, a túa página une, e a rede de blogs galegos é uma realidae que normaliza a situaçom do noso idioma...noraboa!!

XM Carreira: Caixa do Mendinho disse...

Mais vale tarde do que nunca: únome aos parabéns. Creo que somos moitos os que pensamos que o teu blogue fai de centro de rotación do blogomillo. Non sen certa verdade implícita se di que Bos Aires é a cidade máis grande da Galiza.

Ana Bande disse...

Na web atopamos moita información e de calidade pero un espazo como este ten algo distinto. Aquí reflexiónase, compártese, séntese doutro xeito. Só son unha máis que quedou prendada nos teus fíos, parabéns.

Xavier disse...

Graciñas a ti. Parabéns polas túas iniciativas.

torredebabel disse...

Pídovos disculpas pola ausencia dos últimos días, pero o remate das clases na universidade bébese todo o meu tempo que nunca é abondo para correxir, analizar, pensar e buscar que un número, só iso, fale de todo o proceso que cada un dos alumnos fixo en case nove meses de traballo académico. A búsqueda da xustiza, da honestidade (conmigo e con eles) é, pode, o traballo mais ingrato e mais dificil de todos os que fago na universidade.

Grazas A Randeeira polo que dis, Galiza -penso eu- haina que mellorar alá e acá, e en todas partes. Grazas a Clara Flor, mais que nada, pola sua honestidade e polo exemplo que da nos seus actos (que son os que contan neste océano de palabras e promesas no que vivimos). Grazas a Mrs.Doyle pola sua reflexión coa que concordo cen por cento: non somos mais que unha mínima minoría menor de xente con sorte e posibilidades. Pero non é menos verdadeiro que ese lugar de privilexio, dalgun xeito, tamén nos fai responsables de espallar a normalización da lingua aí onde non chega.

Grazas a moucho_branco polo seu optimismo "con prudencia". Eu tería que aprender ben iso, porque o meu optimismo moitas veces fica preto da desconexión coa realidade. Pero é o que hai... Grazas tamén a Mario por seguir paseando por estes fíos e únome a ese desexo-pronóstico: "Creo que o galego está a rematar os seus segundos anos escuros, e desta volta non haberá quen nos pare!!!"

Grazas á benquerida e indispensable Marinha de Allegue, polas verbas desta pequena ventá e das moitas verbas que tecemos case a cotío cruzando o Atlántico coma se fora, tan só, un pequeno espello de agua.

Grazas a Veloso polo exemplo, pola loita, polo talento que nos deixa ver sempre, e pola compaña e alento que deixa en cada visita. Grazas!

Benvida a Arale Norimaki e graciñas polas verbas deixadas como pegada da visita. Sempre que volte, será moi benvida! Grazas a TXARI por ese debuxo feito de palabras que deixou acá: esta rede de blogs galegos é certamente un lugar de reunión. A min, gustame imaxinala non como unha comunidade, nin como un ghetto, nin como unha rede, senón como unha familia, enorme, espallada, plural, polifónica. Moitas grazas a Mendinho por esas verbas absolutamente inmerecidas: ben sei que estou na periférica xeográfica e bloguística pero é unha condición que me gusta e que ten unha certa potencia. Tamén moitísimas grazas a Ana Bande, a admirada Ana, que leva un dos blogs mais rigorosos e intelixentes do blogomillo. E grazas ao amigo Xavier, e parabén (moitos parabéns) por esa tarefa que fas, só por amor á terra! Hai moito que aprender de todos vós, por iso é un agasallo que pasedes por acá e deixedes sempre palabras que melloran e fan verdadeiramente ricos os sinxelos artigos que engado neste blog. Enormes grazas!