30 de ago de 2006

O día do blog

Por Bretemas sei do BlogDay 2006. As instrucción para engadir un novo ladrillo nese muro colectivo, plural, políglota e espallado polo mundo adiante son sinxelas:

O que é o BlogDay?
BlogDay foi criado na convicção de que os bloggers deverão ter um dia dedicado ao conhecimento de novos blogs, de outros países ou áreas de interesse. Nesse dia os bloggers recomendarão novos blogs aos seus visitantes e visitarão blogs recomendados por outros blogueiros participantes, para alargar seus horizontes e criar novas conexões na blogosfera.

O que acontecerá no BlogDay?
Durante o dia 31 de Agosto, bloggers de todo o mundo farão um post recomendando novos blogs a serem visitados. Blogs estes que, de preferência, representem uma cultura, ponto de vista ou atitude diferentes do seu próprio blog. Nesse dia, os leitores de blogs poderão navegar e descobrir blogs desconhecidos, celebrando a descoberta de novas pessoas e novos bloggers e criando novos links na blogosfera mundial.

Instruções para o BlogDay:
1. Liste cinco novos Blogs que você ache interessantes.
2. Notifique por email esses cinco bloggers de que serão recomendados por você no BlogDay 2006.
3. Escreva uma pequena descrição dos blogs e o link para eles.
4. Publique no BlogDay (no dia 31 de Agosto) esse post.
5. Junte a tag do BlogDay usando este link: http://technorati.com/tag/BlogDay2006 e um link para o site do BlogDay: http://www.blogday.org/


Imos alá, entón:

1. Cobiñas: comenzo polo blog de Andrea Cobas Carral, a filla do célebre Pepe Cobas, de quen algunha vez falei. A rapaza é profesora na Universidade de Bos Aires, integrante da Cátedra de Estudos Galegos desa mesma universidade en Bos Aires, investigadora e unha persoa marabillosa, como todos os que fan posible ese lugar de intercambio e coñecemento. O seu blog -dende marzo de 2005- é un perfecto espello do que xurde en Bos Aires da cultura galega e da arxentina. Convídovos!
2. GalizaGlobal: é raro invitar a un blog que apenas está nacendo, pero sei que atoparedes nos días ou semanas vindeiras unha mirada nova e revolucionaria sobre a galeguidade. Non digo mais para gardar o suspenso...
3. Nubosidade Variábel: pode que non teña sentido engadir neste día blogs xa moi recoñecidos. Pero nada dín ao respecto as instruccións, entón eu fago caso a iso de "blogs que ti penses que son interesantes" e, sen dúbida, eu penso que o traballo de SurOeste o é. Valoro moito a calidade das historias, lembranzas, comentarios ou anécdotas. Non son pretenciosas, pero -ao mesmo tempo- sempre din moito mais do que semella que din. Gústame ese xeito de mostrar o mundo e as suas hipocrecías, inxustizas e fermosuras, sen decilo ainda que quede dito. Polo mesmo (e xa sei que é trampa, pero cinco é ben pouco), deixovos o camiño ata un momento e unha perspectiva.
4. Neste ultimo tempo, din con duas páxinas intelixentes, ben informadas e reveladoras para min. Co gallo dramático do lume, O blog do campesiño foi algo de ar entre o fume. Datos e información, onde abunda a palabra fácil e valeira; seriedade e rigor, onde sobra espectáculo e mentiras. Memoria, onde impera o esquecemento. Todo o anotado é do mesmo talle do Blog de Ana Bande ainda que o seu asunto sexan mais os libros, como non podía ser doutro xeito, polo camiño dos textos, Ana Bande deixa pegadas de todos os aspectos da humanidade.
5. O derradeiro, coido, é unha explicación das outras catro eleccións: Falamos galego. En positivo. O blog desenrolado polo profesor e critico e escritor e tantas cousas Marcos Valcarcel coas palabras de Afonso Vázquez Monxardín e tantos outros. No primeiro post, engadido o 18 de xunio, explicaban: "Dende hai un par de meses hai un ruxe-ruxe polo mundo cultural galego e tamén polo mundo das bitácoras galegas arredor da necesidade de buscar un novo estilo de defensa da nosa lingua. Un novo estilo que se define na cabeceira desta mesma bitácora, “Falemos galego. En positivo”, e que pretende buscar tamén un novo discurso que poña sempre en primeiro plano os aspectos positivos da recuperación do idioma e non aqueles, negativos e mesmo de confrontación agresiva, que xa son demasiado subliñados nos medios de comunicación tradicionais". Falemos todos galego! Espallemos as nosas palabras pola internet toda!

24 de ago de 2006

Onde queda o futuro?

¿Estan envellecendo os centros galegos? A pregunta non é nova, pero poucas veces atopa unha resposta sincera. No ensaio "O papel de Internet na conservación da cultura e identidade galegas entre os descendentes dos emigrantes" o fundador do colectivo Fillos de Galicia, Manuel Casal Lodeiro, di algunhas cousas interesantes.

No artigo que levou o Premio de ensayo "Galeguidade" 2003 de la Xunta de Galicia, o autor asegura que "as cifras dos socios totais inscritos en cada Centro Galego poderían engadir outro motivo de preocupación: nunha grande maioría estase a dar un moderado pero continuo descenso nas últimas décadas. Ás veces o número mantense, pero a costa de se reducir o número de galegos e aumentar o doutras procedencias".

Certamente, o futuro non parece moi prometedor: "Moitos centros están destinados a desaparecer nas próximas décadas, por falta de socios preocupados por manter na emigración a cultural galega, aínda que algúns procederán como foi habitual historicamente a se fusionar con outros para pervivir ou a diluíren os seus obxectivos culturais dentro dunha captación de emigrantes españois sen distinción de orixe. Pero as desaparicións van facer que os que si senten esa inquedanza, non vaian dispoñer dun acceso a esa cultura como o que proporcionaban os centros", denuncia Casal Lodeiro.

E engade: "Esa galeguidade orfa, sen pais nin avós que sigan a aliementar a súa identidade como galegos, sen centros onde acceder á relación social con outros galegos e mais á cultura (por medio dos cursos, actividades, bibliotecas, etc) van precisar outro tipo de acceso a todo o galego, de feito estano xa precisando en moitos lugares do mundo. Velaí onde Internet pode aportar moito".

No mundo do futuro (máis próximo que futuro), pensades que ten futuro a cultura galega fora de Galiza? De quén é a responsabilidade de garantir a sua presencia en cada lugar do mundo onde haxa -cando menos- un galego? Canto facemos os galegos pola nosa identidade? Quen pensa hoxe honestamente nos galegos da diáspora (nos vellos -os dos barcos, a fame e a guerra- e nos novos -os políglotas, profesionais con maestrías e empleos mileuristas sempre fora da terra, moitos fora do Estado-)?

16 de ago de 2006

Chove en Santiago

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Ãgoa da mañán anterga
trema no meu corazón.


70 anos despois da sua execución, o seu corpo ainda non foi localizado. Nunha reportaxe da BBC, cóntase del: "Vemos a Lorca en la única filmación que existe de él. Es en blanco y negro, y en ella Lorca aparece siempre sonriendo, vital, ayudando con los decorados o actuando. Parece una persona llena de energía. «Federico era radiante y transmitía esa energía a cuantos le rodeaban»", contan hoxe del ainda os que non o coñeceron. Dos seis poemas galegos, da viaxe a Bos Aires, da súa obra, da vida en Fuente Vaqueros, dos rigosos libros de Ian Gibson e de todo o resto pode un falar outro día. Hoxe cumpre lembrar que é un desaparecido. Outro deses que deixa sempre a máquina de matar polo mundo adiante.

8 de ago de 2006

A nosa cinza

A locura dos piromaniacos? A codicia dos negocios inmobiliarios? Os «despechados»? A memorias das vacas que xa non limpan os montes coma nos tempos dos meus? Todo iso?

(A foto é do blog O quilombo)

2 de ago de 2006

Unha Galiza global

Co gallo do Día de Galiza, fai alguns días publicouse por segundo ano en Barcelona a revista de pensamento cívico, estudos culturais e solidariedade galega reNOVA GALIza. Nesta edición, a publicación ofrece un monográfico chamado “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo” no que moitisimos homes e mulleres, intelectuais e artistas, enxenieiros ou políticos, funcionarios e chefs, todos pensan en falan da sua identidade e da terra.

O profesor de Filoloxía galega da Universitat de Barcelona e director da revista, Camilo F. Valdehorras, explica o propósito no editorial: “A nosa idea de “Galiza global” refuga o paradigma da globalización liberal (económica, mediática e “turística”) que ameaza con converter ao mundo nun turbillón de masas migrantes, nun supermercado de escravos laborais e nunha sucesión de parques temáticos. Impugnamos esta globalización negativa que se delata como máscara do imperialismo, depredador de recursos humanos e naturais en beneficio de opacas oligarquías internacionais. Adherimos, en troques, ao globalismo positivo, ético e transformador desta orde mundial inxusta”.

E engade: “Folga lembrar que as identidades culturais son portátiles e transterritoriais, isto é, non dependen das xeografías senón das persoas. É a vontade das persoas, xunto co vínculo familiar, o que forxa os lazos de pertenza (sentimentos, desexos, lembranzas e intereses…)a unha ou outra patria concreta, sendo a mestura de factores étnicos e cívicos os que entrelazan os membros dunha comunidade nacional con independencia do lugar de residencia. Galiza desgaleguizouse coa emigración pero o mundo galeguizouse cos nosos emigrantes. Nesta paradóxica verdade cífrase unha das máis complexas antinomias sobre as que sealicerza o ser desta “Galiza global” que queremos axudar a visibilizar e organizar, como alianza multinacional e multicultural das distintas clases e sensibilidades políticas. Un dosmaiores desafíos a enfrontar polas xeracións actuais é ver de sentar as bases para que floreza nas vindeiras unha Galiza máis libre, máis equitativa, máis próspera e cohesionada como sociedade autocentrada sobre si”.

A idea desa Galiza Global que está xa revolucionando as miradas dentro e fora da terra xurdiu na cabeza e no corazón dunha galega nova, nai e apaixonada nacionalista chamada Ana Miranda. Agarimosa e honesta cos emigrantes como nunca antes eu vira, políglota, con estudos en varias universidades europeas en dereito europeo e internacional e ampla experiencia no Parlamento Europeo, é autora de numerosos artigos sobre dereitos humanos, relacións internacionais e migracións, Miranda é una rara avis da política que moitas veces desconcerta: audaz, intelixente, formada e leal. Ela mesma explica de qué fala cando di “Galiza Global”: “Os galegos, como sociedade do século XXI, deberiamos ter a intelixencia de abordar novos conceptos apostando pola Galiza Global. Como nexo, e contacto, comunicación, transversalidade e innovación, que nos une con outras sociedades. E revalorizar o papel da emigración e a presenza de galegos en todo o mundo por medio da planificación dunha estratexia de aproveitamento desa potencialidade dende varios planos coma o cultural, o económico, turístico e social”.

Pero ela di que vai máis alá ainda: “Precísase facer unha revolta na emigración. O profesor Xosé Manuel Beiras afirmaba que “a emigración, supón na historia moderna das xentes galegas, unha renuncia á revolta”. Chegou o momento, quizais polas ameazantes circunstancias deste mundo globalizado, pola perda de persoas participantes nos centros galegos, polos escasos instrumentos de contactos e soportes culturais existentes anteriormente, de iniciar agora esa revolta. Unha transformación integral para que asuman a súa participación democrática mulleres e nenos, fillos e netos. Para que nos lembremos, un por un e colectivamente, do exilio, da sua pegada, da sua dor. Para que pensemos que o desarraigo e a ansiedade cultural poden ter cura e froitos creadores. Para que exerzamos a diplomacia cultural, social, económica e turística dunha forma activa, non só no marco dos centros galegos senón mais amplamente, para poder relacionarnos bilateral e multilateralmente con individuos, colectivos, asociacións e institucións de calquer lugar do mundo. A Galiza Global precisa dunha oportunidade”.

Velai unha escolma dalgunhas das palabras e das voces que falan nese monográfico. E unha sorpresa ao final para todos vós.

Xosé Neira Vilas (Gres - Vila de Cruces, Pontevedra): “Galicia perdeu coa emigración. Perdeu enerxías. Íase a xente moza, emprendedora, audaz. Quedaban, en xeral, vellos e nenos, eivados e preguiceiros. E quedaban os ricos, que non precisaban ir lonxe para vivir ben, e parasitaban aquí comodamente. Pero de rebote a emigración tamén trouxo beneficios. Non só nos aforros dos emigrantes que posibilitaron que vivisen algo mellor as súas familias, posibilitaron desempeñar unhas leiras ou redimir uns foros ou que os fillos estudasen na Universidade, senón que nos chegaron formas de vida, xeitos de ver o futuro, trescentas escolas, arranxo de camiños, fontes e lavadoiros, restauración de igrexas e ata ideas de progreso, estatutos para sindicatos, normas de hixiene, cemiterios civís...”.

Edmundo Moure (Santiago de Chile): “Nós, os fillos de galegos que tiveramos o privilexio de coñecer o achado da Cultura galega, íamos poñer os nosos pulos vitais na reivindicación da lingua e das auténticas tradicións: as que nos distinguen e dignifican, xa non coma administradores da nostalxia, senón coma artelladores, cara ao futuro, dun patrimonio dinámico e transcendente, única herdanza das xeracións que nos precederan e, asemade, a única proxección posíbel nas canles dunha universalidade respectuosa das identidades culturais… Ben o escribira o noso poeta López Valcárcel:

“Gracias quero dar
pola xuventude e polos sentidos.
polo loureiro e o trigo,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive…”

Eu tamén agradezo, aos nosos antergos e devanceiros, aos fieis penates, deuses lares do fogar, por este galano agromado co sangue do tempo e coa suor de incontábeis mulleres e homes que trouxeran o lume e a palabra a este máxico recanto de Chile. Non é pouca a responsabilidade de manter o facho, máis é grande, sen dúbida, a nosa vontade. ¡Terra a Nosa! ¡Lingua a Nosa!”.

Farruco Sesto (Caracas): “Onde comeza e onde remata Galicia? En que ámbito se constitúe? Nun nome, nun territorio, nunha configuración política, nunha saudade, nunha bandeira, nunha intención, nun recoñecemento de iguais, nun signo, nun destino, na marca dunha sorte de conxurados? Houbo algún tempo no que a procura de respostas claras fixo aflorar poemas que reflectían as mareas internas”.

Xavier Alcalá (A Coruña): “Cando recibín o convite para publicar en reNOVA GALIza, unha vez máis na vida sentín a gratitude que me causa o ser ben recibido polos emigrantes galegos. Curiosa a miña vida: eu son inmigrante nun país de emigrantes, e estou casado cunha inmigrante de país de grande inmigración, a Arxentina. Para rematar, cheguei a ter tres fillos emigrantes, dos cales por fortuna só queda un fóra (precisamente en Cataluña)”.

María Rosa Lojo (Bos Aires): “Tempo atrás, nunha das multitudinarias feiras do libro de Bos Aires, atopei unha colega e amiga, Silvia Bemamán, profesora de Letras, nun espectáculo de música galega (tocaba “Xeito Novo” o “Sete Netos”). Aínda que a música celta, nunha cidade cosmopolita, atrae a públicos de abondo diversos e non só a quen teñen esas raíces culturais, sorprendeume gratamente o interese de Silvia, que era até onde eu sabía, de familia xudía sefardí, procedente de Marrocos. Díxenllo. “Pero cómo -contestoume coa maior naturalidade-. ¿Non sabías que nós tamén somos galegos?” -“Como que galegos? ¿Non eran marroquinos?”. -“Só dende que nos botaron, na época dos Reis Católicos. Pero sempre gardamos a chave da casa de Ourense. Todo o galego me conmove. Nós seguímonos sentindo xente de alí”. Cinco séculos non son nada, podería dicirse, parafraseando o tango. Non o eran polo menos para eses nómades de Sefarad, que conservaron non só unha chave senón, a diferencia de Sarah, a memoria viva, permanentemente actualizada, dese entrañable lugar de pertenza que non quixeran perder”.

Xavier Queipo (Bruxelas): “Quixen dar unha visión que outros non dan por medo ou conservadurismo (as dúas caras da moeda). Unha visión polémica, supoño, no que respecta á valoración do voto dos emigrantes, pero bastante canónica no fondo. Na fin, xa ven, pasei dunha aproximación colectiva a unha aproximación individual. Se cadra isto é un signo dos tempos, onde a literatura testemuñal está tan de moda. Como fun explicando na sección segunda deste testemuño algo aprendín en cada afastamento, en cada emigración en cada exilio. Espero que estas aprendizaxes me valan para un futuro que quero de felicidade e descanso”.

Marga do Val (Tui / Ober-Hibersheim): “Sei que traspaso na miña liorta coas palabras os límites do pasado, furo o aquí e o agora e o acolá que foi en tempos Alemaña e agora un pouco meu. Sei que o futuro non existe máis que como unha evocación do aquí e agora, como unha construción, e non acepto a resignación do mesmo xeito que condeno a crenza en frases lapidarias, estereotipos, que nos condenan como pobo que acepta: Non somos nada e o importante é ter saúde. Renego desa afirmación. E cada día, mentres unha nova palabra alemá se asentaba na miña vida recobraba as palabras de meu, acochadas e gardadas como con medo, ocultas entre todos os xenéricos. Volver escoitar o papafigo e atopar acolá quen imite o seu canto deume a clave definitiva de cal é a miña patria. Creo e afirmo, como Thomas Mann, que a miña patria é a lingua. A lingua que me identifica como pertencente a un pobo, a lingua a través da que aprendo outras linguas, outros códigos, esa lingua que revive nas palabras que nos revitalizan cada día. E iso debe ser o que nos comunica a través das nosas fronteiras elásticas, o que nos conduce contra o global e no global. Sermos pola lingua que nos nomea, sermos patria ou nación, coa palabra que nos dá vida: Galiza, esa lingua. Mais sabedes? Na equipaxe da miña valixa vai xa prendidiña unha ponla de malvadolor, eu que herdei as mans máxicas da miña avoa, por iso quero o seu nome”.

Miguel Allo Vázquez (Bruxelas): “Onde se acaba o territorio galego? Poucos lugares no mundo visitei onde non coñecese un galego. Miña nai sempre me preguntaba cando volvía dunha viaxe: A que atopaches un galego por alá? Non podo falar dos galegos que vivimos fóra sen falar da morriña. Lémbrome, cando era pequeno, ao final das vacacións, ter que deixar a miña terra para volver a Bélxica, era un calvario. Unha vez na autoestrada de Castela, xa non estaba na miña terriña, dicíalle aos meus pais: isto que é, ha de haber indios por aquí? Nese momento preciso empezaba a morriña. Enfermidade da que aínda hoxe non atopei o remedio e non creo que exista. Son fillo de emigrante e algún de vós ha de dicir, que como pode ter morriña un fillo de emigrante. A única explicación que eu vexo é falar da memória colectiva do noso pobo que rexorde nun momento dado na vida de moitas persoas. Na miña casa, meus pais falaban o galego entre eles, o raro é que lle falaran en castelán aos seus fillos. Facíano polo noso ben, claro. Dicían : En la vida, os ha de hacer más falta el español que el gallego. En parte tiñan razón: o traballo que fago na actualidade podo facelo porque falo o castelán. E con todo iso, cando chegaba á Illa, por exemplo, eu queria falar o galego cos meus amigos. Parecía que a miña personalidade cambiaba co idioma que elexía para expresarme. Para min, iso ten tamén a sua explicación. O idioma vehicula a cultura e a maneira de ser dun pobo”.

Ruy Farías (Bos Aires): “Hai un tempo, parolando con Antonio Pérez-Prado, o autor de Los gallegos y Buenos Aires2 , pregunteille qué era el: ¿arxentino? ¿galego? ¿galaicoarxentino? Contestoume “Son un galego ectópico”. Antonio, que naceu en Bos Aires de pais de Parga e Baamonde, considérase un galego criado fóra do útero de Galicia. Como unha homenaxe a quen o acuñou, nunca emprego ese termo para identificarme como o que son. Arxentino con ascendencia paterna vencellada ao país profundo, mais tamén fillo de nai galega, o meu xeito de responder á mesma pregunta non se afasta, porén, moito daqueloutro: son conscientemente galaicoarxentino, e pertenzo tanto a un lugar como ao outro”.

Tamén din o seu Ignacio Ramonet (París), Suso Mon (Barcelona), Ramón Chao (París), Fermín Bouza (Madrid), Constanza Tobío (Madrid), Luís Calvo Salgado (Zurich), Carlos A. Salgado (Roma), Olga Nogueira (París), Manuel Casal Lodeiro (Barakaldo), Elixio Rodríguez (México), Emilio Marí Solera (Barcelona), Paz Noya (París), Xelís de Toro (Brighton), Verónica Codesal (Bruxelas), Xesús Gómez «Miño» (Montevideo), entre moitísimos outros. E tamén Acedre, Marinha de Allegue, Kiko Novas, Rabudo, Veloso, Manuel Gago, Calidonia, Parzival, Sihomesi, Mr Tichborn, Eduardo Estévez, Xavier F.M., Xose Anton Vicente Rodríguez, Manuel Casal Lodeiro, a Ciberirmandade da Fala. A todos vós, que con tanta amabilidade responderon as miñas preguntas para este artigo, moitísimas grazas! E aos que tamén o fixeron para outra nota que xa poderedes ver cedo, tamén grazas!