27 de nov de 2006

Aprender a aprender

Levo case unha década dando clases de xornalismo na universidade e ainda non consigo vivir ese traballo coa tranquilidade que sinto na redacción do xornal ou na revista na que escribo. Especialmente, o remate das clases en novembro bébese todo o meu tempo que nunca é abondo para correxir, analizar, pensar e buscar que un número, só iso, fale de todo o proceso que cada un dos alumnos fixo en case nove meses de traballo académico. A búsqueda da xustiza, da honestidade (conmigo e con eles) é, pode, o traballo mais ingrato e mais difícil de todos os que fago nesas aulas.

A profesora que son hoxe moito ten que ver coa estudiante que fun no pasado. Daquela, sentinme agradecida polos homes e mulleres que mostraban respecto polos alumnos, que esixían a maior calidade e compromiso deles porque tamén deixaban nesas clases un traballo de calidade e compromiso co ensino público. Lembro especialmente aos profesores e profesoras que non tiñan intención de "encherme" de coñecemento coma se fora eu unha caixa pasiva e baleira, senón que souberon bucear en nós, os estudiantes, na procura de atopar dentro o que eramos capaces de facer e deixárnolo ver e descubrir.

So teño palabras de agradecemento para a profesora de literatura do colexio que nos deu a oportunidade e as ferramentas para escribir para alguén, que nos desvelou a posibilidade de espertar sentimentos a partir da palabra. Tiña eu, daquela, 13 anos, mais ou menos. E ainda que xa non lembro o nome desa muller, onde estea pode estar segura que a lembrarei sempre.

Tamén gardo un marabilloso (case máxico) recordo do día no que un home novo, de roupas informais e cabelos tolos, chegou á clase na que hoxe eu son profesora e dixo: "Chámome Carlos Polimeni, son xornalista e os xornalistas facemos as siguintes cousas...". Esa mañá unha porta abriuse na miña vida e, sen dúbida, nin eu nin a miña existencia fumos as mesmas.

E, de todos, sinto especial agradecemento por tres mestres. Ulises Muschietti, de quen aprendín todo canto sei deste oficio: a técnica, o respecto, a paixón, a distancia, a crítica e o escepticismo, a búsqueda por escribir dun xeito fermoso ainda cando non chega o tempo. Miña nai, que sempre foi a mestra mais temida da escola e tamén a mais respectada: esa que os nenos non querían ter nas clases e esa que os pais pedían para eles porque sabían que esa esixencia abría portas. E Ángel Berlanga, o meu home, que non se deixa levar pola urxencia e, ainda nestes tempos, coma un cabaleiro, coma un Quixote, escribe fermosas notas, coidadas, da mais alta calidade. A eles toda a miña admiración e agradecemento.

Pero é novembro e hai que pechar notas, completar planillas e decir, cun número, canto e cómo traballou cada quen, canto e como incorporou conceitos e ideas, canto foi capaz cada un deles de apropiarse das ferramentas conceptuais e profesionais e se é capaz ou non de cristalizar esas ideas en distintos tipos de textos. Será para non sentirme illiada nesa tarefa, que tamén pido que os estudiantes fagan unha evaluación deles, da materia e de min. E sempre critican o mesmo que agradecen: a esixencia.

"La verdad que el taller es una mezcla entre padecimiento y regocijo. Sin demagogia, es la materia que mas me gustó de la carrera (por ahora), pero también la que más esfuerzo me requirió. Antes de arrancar, ya estaba casi definido que no seguiría periodismo, gracias a esta materia no sólo cambié mi decisión sino que estoy trabajando (como colaborador) en La Nación". Guillermo.

"Me gustó mucho la idea de aprender con la fórmula de ensayo y error. Escribir, reescribir y volver a hacerlo todas las veces que era necesario es una excelente fórmula, porque esto es una materia práctica y se aprende practicando"
. Guillermina.


"Para mi fue dificil. Con momentos de muchos nervios, tensión, noches sin dormir. Pero creo que me dio la visión periodística que no tenía". Rosa.

"Aprendí mucho. Experimenté cosas nuevas y eso me encantó. Creo que esperaba menos del taller, algo más relajado, pero me terminé encontrando con usted. Y estuvo buenísimo. La exigencia que nos impuso, la disciplina de hacer las cosas bien, las consignas (a simple vista imposibles) son lo que hicieron de este taller mi preferido. Como ya le dije, aprendí mucho del
taller, y aprendí mucho de mi también". Sofía.

"Rescato mi aprendizaje y a mis docentes que fueron exigentes, pero sacaron cosas que no pensé que podía hacer". Andrea.

"El taller me pareció muy bueno. Valió la pena el esfuerzo. Sacó cosas de mi que parecían dormidas"
. Diego.


Esas poucas palabras merecen todo o esforzo do ano. O baixo salario. As pésimas condicións nas que damos clase. Eu concordo co dito polo ex rector da Universidade de Bos Aires Guillermo Jaim Etcheverry, médico e home de ensino que -fronte á idea neoliberal de que a educación formal ten que ser divertida e liviá, case un xogo- lembrou: "No se valora la educación, ni desde la política ni desde los hogares, por más que se diga otra cosa. Y creo que es culpa de los adultos, que no entendemos ni enseñamos que el estudio es sacrificio y esfuerzo, no diversión. La educación no tiene que ser entretenida, sino exigente. Mientras eso no se entienda, desde las casas y desde el Estado, vamos a seguir así".

(A foto é do fotoxornalista galego Delmi Álvarez que fixo unha visita/conferencia/reportaxe da que xa vos contarei e que pode verse acá).

19 de nov de 2006

Redes galegas

"¿Pensa que internet pode facer algo específico na construción e reforzo do amor pola terra, pola lingua e pola cultura galegas?". Entre algunhas outras, fixen esa pregunta a perto dunha ducia de blogueiros fai meses. Quería facer un percorrido polos motivos que levan a unha persoa a crear un blog, escribir nel regularmente, escoller a lingua galega para contar, e ler outras tantas bitácoras a cotío. As respostas poden atoparse no artigo que se inclue no ultimo número (o 171) da revista Grial que pode lerse de balde na web da Editorial Galaxia.

Cara ao futuro da cultura galega, un dos integrantes do Grupo de Investigación en Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela e tamén blogueiro Manuel Gago Mariño é optimista: "Eu coido que internet xa o está facendo. Para comezar, a presenza da nosa lingua na rede multiplicouse de xeito insospeitado e en direccións que ninguén consideraba no ano 2003. A lingua reinvéntase a diario na confrontación entre unha sociedade moderna e as redes telemáticas. Ata o momento, só era empregada por contadas institucións, entidades e particulares, pero agora o seu uso está disparado. Ademais, redistribúe a cultura: moita xente de talento obtén agora unha visibilidade que antes non tiña. Este factor de redistribución da cultura e de visibilización paréceme relevantísimo para osixenar círculos sociais e iniciativas. Internet favorece tamén algo ao que, ata o momento, non estabamos moi afeitos en Galicia: favorece a creación colectiva e a iniciativa conxunta. Relatos e novelas feitas entre varios, colectivos de ilustradores, xornais feitos pola propia comunidade... é fantástico para a modernida de da nosa cultura".

Profesor universitario, Gago proxecta o fenómeno cara á diáspora: “Neste ágora virtual, ninguén está lonxe ou preto. As novas tecnoloxías —tal como xa se prevía que ía ocorrer a finais dos 90— poden pular a presenza da diáspora cara á ágora cibernética na que nos atopamos e rachar con difíciles barreiras. Galicia xa non é só un territorio, senón un espazo cultural e de interacción de fronteiras difusas”.

Fronte á mesma pregunta, o xornalista e escritor Xosé Manuel Pereiro (autor do blog Si Home, Si) opinou en positivo: “Sobre de todo porque ata agora se relacionaba o galego co atraso, non tiña prestixio social, e vencellándoo a internet, aproveitará o prestixio que teñen as novas tecnoloxías”.

Kiko Novas tamén o pensa: “Internet é o futuro. Unha páxina que fale temas que non teñen que ver coa lingua nin con Galicia directamente é o mellor xeito de normalizar a lingua. Se unha persoa castelán-falante entra na Internet para buscar, por exemplo, información sobre coches, viaxes e astronomía e resulta que a le en galego teriamos dado un espectacular paso adiante”.

E o multipremiado escritor Xurxo Sierra Veloso: “É posible que teñan influencia antes nas comunidades do estranxeiro que na propia Galicia, aínda que tamén dentro das nosas fronteiras hai espazo para a esperanza. En realidade, creo que hai certos blogs que, levados polo prestixio persoal e profesional dos seus facedores —“As uvas na solaina”, “Brétemas” ou “Sihomesi”— poden estar contribuíndo a fomentar o debate e mesmo a crear certas correntes de opinión”.

E o xornalista de La Voz de Galicia Nacho Miras Fole: “Si que contribuirán a comunicar e a unir a xente ao través deses fíos invisibles. O malo é que Galicia segue a ser un sitio cunha poboación maioritaria que emprega máis as ordeñadoras que os ordenadores, unha poboación envellecida á que pouco lle vai cambiar a vida que nós andemos nestas lideiras da rede. En calquera caso, insisto, non pode ser malo estar conectados”.

Engádese a talentosa A picara de Allegue cando di: “É un medio de comunicación moi enérxico e eficaz. Eu mesma, sen ir máis lonxe, grazas a unha web puiden contactar cunha prima da miña nai arxentina que buscaba á miña avoa. Ese foi un momento fermoso; a miña avoa xa falecera e non puido vivilo, pero a miña nai púxose contentísima. Atopar a Zulma foi unha felicidade”.

E o escritor Fran Castiñeira: “Non só en Galicia senón en todo o mundo o blog é un fenómeno de comunicación que está sendo estudado pola súa crecente influencia en correntes de comunicación e pensamento. E Galicia non vai ser unha excepción, non hai máis que lembrar os movementos en internet sobre os aspectos de actualidade galega, como cando a marea negra do Prestige ou as últimas eleccións galegas e españolas. Iso é comunicación”.

E o poeta e coordinador de obradoiros literarios Eduardo Estévez: “Creo que, nalgunha medida, xa están a telo. Pero non só dende os galegos do interior cara aos da diáspora, senón tamén no senso contrario. Para os que están fóra, a posibilidade que brinda de establecer e manter contacto cotián co que sucede dentro é moi importante. E para os que estamos dentro, comprender dun xeito máis próximo o que sucede fóra tamén pode axudar a soster(nos) (n)o noso labor diario a prol da cultura”.

O profesor e experto en literatura galega Marcos Valcárcel tamén di: “Internet pode ser poderosísima no reforzo do amor pola terra, a lingua e a cultura galegas. Demóstrano tres feitos concluíntes: (1) a experiencia de Vieiros e outras páxinas e portais semellantes; (2) a forza do galego na blogosfera; e (3) a presenza importante do galego en blogs e páxinas da emigración galega, sobre todo americana. Todo isto dálle ao noso idioma posibilidades de comunicación que nunca soñou. E, ademais, con plena liberdade, sen depender do capricho das empresas ou das súas marchas adiante e atrás (hai xornais comprometidos, pouco, co galego, por temporadas: hoxe si, mañá menos; non é este o caso da maioría dos galegos que escribimos en Internet)”.

Por iso, asegura que os blogs xa teñen influencia na actualidade de Galiza hoxe: “Penso que xa están a ter esa influencia, aínda que, como é lóxico, é moi difícil de medir. Pero coñezo ben o mundo da prensa escrita e estou seguro de que os responsables e directores dos xornais len os blogs galegos. Ata o punto de ‘copiar’ iniciativas como a procura da palabra galega máis fermosa (La Voz de Galicia lanzou un concurso semellante ao da iniciativa de “Náufrago”) ou reportaxes como o que lle fusilaron a “O ollo da vaca”. E xa hai nos xornais, seccións e columnas que imitan o estilo e a linguaxe dos blogs. E estou seguro de que para moitas persoas a seriedade e credibilidade de moitos blogs non é menor da que fornece a radio, a televisión ou a prensa escrita. E o mesmo sucede coas colectividades galegas no mundo: teñen en Internet unha poderosa arma de comunicación libre e gratuíta”.

Grazas polo voso tempo, e tamén grazas a todos os que foron consultados e cuias verbas aparecen no artigo. E tamén (sobre todo diría eu), grazas pola xenerosidade de receberme nesta enorme familia que é o blogomillo. Moitas grazas!

12 de nov de 2006

Un roteiro de libros

Eu diría que os contos de Borges, calquera e todos; Boquitas Pintadas, de Manuel Puig; Historias de Cronopios y de Famas, de Julio Cortazar; contos de Abelardo Castillo (lidos por Angel, neses máxicos momentos nos que transformase nos protagonistas); contos de Rodolfo Walsh e as súas novelas Operación Masacre e Quien mató a Rosendo; La novela de Perón e Santa Evita de Tomás Eloy Martínez. Esa sería a miña suxestión, se alguén quixera formar un grupo de lectores non profesionais de literatura arxentina. Pero o asunto é que ando cunha idea a voltas, buscando interesados e buscando un roteiro de libros (contos, novelas, poesía) para compartir, comentar, opinar... espallar neste recuncho galego a lingua e as letras, as clásicas e as novas, as famosas e as que non o son. Todas. Cal sería a vosa proposta? Qué lecturas vos parecen apropiadas para enamorar aos lectores arxentinos que se achegarán deste xeito á literatura galega?

6 de nov de 2006

Muros

De cartón e simbólico. Así é o muro que edificaron esta fin de semana os veciños da cidade arxentina de Gualeguaychú na autovía para loitar contra a instalación de dúas plantas de celulosa (unha da empresa Botnia e outra da empresa Ence) na beira uruguaia do río que comparten estes dous paises irmáns e que, aseguran, vai estragar o marabilloso lugar do que disfrutan millons de turistas.

De pedra e balas é o muro israelí de Cisjordania (chamado por Israel «Valla de separación» o «Valla de seguridade» e polos opositores «Muro de Cisjordania»), unha longa cadea de ferro ao longo do 95 por cento do seu percorrido e que, nalguns sectores, prefire o convincente hormigón de ata sete metros de alto.

De imperialismo e hipocrecía é o muro que os Estados Unidos levanta na raia con México coa mais sofisticada tecnoloxía: tres cinturóns de contención, iluminación de moi alta intensidade, detectores antipersoales, sensores electrónicos e equipos de visión na noite entrelazados coa radiocomunicación á policía da fronteira estadounidense, sen esquecer a vixilancia permanente con coches e helicópteros artillados. Dese xeito quere evitar que os mexicanos e os centroamericanos lle cheguen ao país co seu spanglish e esas peles oscuras. Que queden nas súas nacións pobres e feas, mercando ídolos pop e as fantasías mentireiras das películas de Holywood para as que non hai muros.

De pasaportes e cartos son os muros que Europa quere imporlles aos fillos dos europeos que foron expulsados polas guerras, os rexímenes tolos e racistas e a pobreza.

E de ferro e desmemoria é o muro co que España quere non ver a fame e a desesperación de Africa.

Por este días, haberán pasado 17 anos dende a noite na que o Muro de Berlín comenzou a derrubarse. Dezasete anos poden non significar nada.

(Grazas a Andrea Barreiro polo comentario do que xurdiu este post)