Alexandre García-Caballero é neto dun arxentino fillo de galegos que naceu en
Chabás (provincia de Santa Fé) no ano 1898 e que coñeceu o retorno a Galicia alá polo 1914. E o que o avó de Alexandre García-Caballero tamén coñeceu foi a certeza de que ás veces voltar non é para mellor. Se cadra o soubo cando fixo medrar mais ainda as listas dos represaliados por republicáns.
Alexandre García-Caballero é psiquiatra
e ven de gañar o premio
Ramón Piñeiro de Ensaio. O traballo feito xunto ao seu colega Ramón Area Carracedo leva un nome cando menos curioso:
Psicopatoloxía do retorno. Porque a emigración enferma. E os galegos levamos décadas sen dar cunha terapia que nos sande.
Co Atlántico por medio pero os fíos da tecnoloxía do noso lado, estas dúas beiras achegáronse algo nesta entrevista mantida polo e-mail (
versión completa acá).
- Por qué sintiron interese en mergullar no xeito de reinsertarse en Galicia dos retornados. Por qué ese tema. Por qué esa búsqueda?- A investigación, o tema, viu dalgún xeito imposto. Eu traballo nunha unidade de saúde mental

en Ourense dende hai 5 anos. Pola miña consulta pasan centos de persoas ó mes con queixas varias, moitas son debidas a patoloxías mentais graves, pero noutros moitos casos a demanda é máis borrosa. Os nosos pacientes sobre todo os máis vellos, non están afeitos a psicoloxiza-los seus problemas, senon que somatizan os seus conflitos. Daquela as queixas soen ser, polo menos nos vellos, por problemas físicos, pero a pouco que se rabuñe nesa códia o que aparece detrás é todo un mundo de tensións, de relacións persoais problemáticas, de frustracións nos proxectos... Despois de tempo escoitando estas historias, encetei a recolle-las de forma sistemática e a preguntar abertamente pola experiencia migratoria. Despois de recoller estas historias durante dous anos (uns 70 casos), escribín un borrador. Este texto inicial foi sobre o que traballou Ramón Area.
- Escoitei no Diario Cultural da Radio Galega que falaba vostede especialmente dos casos das mulleres que chegaban á vosa consulta con cadros de depresión.
Quixera saber se existen diferencias entre o xeito de responder a este sentimento de alienación na propia terra entre os homes e as mulleres e cales serían esas diferencias.-Para os homes a adaptación é máis sinxela porque existen no rural espacios de lecer axeitados para eles. Non sucede o mesmo para as mulleres, que viven á volta como unha experiencia regresiva con respecto ós dereitos e servizos que tiñan noutros países ou no medio urbán. Doutra banda a narración de cada un é diferente porque mentres os homes valoran o conquerido, ás mulleres valoran máis ás relacións, sobre todo cos fillos. Varios casos que vimos de mulleres eran de nais solteiras que despois de moitos anos fóra de moito sacrificio chegaban aquí para decatarense de que os fillos non querían saber nada delas. elas facían o dó pero por outra banda tampouco querían molestar.
- Sinalan vostedes duas fontes de conflicto emocional: por unha banda, “situacións relacionadas co desencontro cos fillos que non voltan” e por outra “co encontro cos que quedaron aquí e que non entenden porque se foron, desubicación ao regresar tras moitos anos emigrados”. ¿Como funciona cada unha desas problemáticas?- Para os emigrantes o ideal é un ideal sacrificial, isto está por exemplo na excelente novela
Mamá do voso compatriota Jorge Fernández que citamos no texto
: "Para avanzar había que sufrir y sufrir era avanzar", di nalgún sitio referido ó seu pai. Pois ben, este ideal pode non ser compartido polos fillos que criados en berce alleo (en Suíza por exemplo, noutro contexto, compartindo un estado de benestar e unhas oportunidades que nada teñen que ver coas da orixe dos pais) simplemente non entenden o mundo do mesmo xeito. Ás veces, isto pasa tamén cos nenos criados polos avós. Se os fillos asumen este ideal entón non hai conflito e pode ser un éxito, pero que ocorre cando o critican? Hai tamén unha cuestión política. Mentres os emigrantes manteñan a súa vista fixada na terra e se comparen co grupo de pares da súa aldea, non cobran
"conciencia de clase" no país de destino.
-Ainda que non sexa asunto da vosa investigación, quixera preguntarlle se é posible imaxinar as características do retorno nos vindeiros retornados que son os mozos e mozas galegos, novos, profesionais, hiperformados que tamén hoxendía siguen a emigrar.

- Nun mundo globalizado, as diferencias hanse reducir, pero o que sinalamos no texto é que políticamente o que os retornados reclaman é un funcionamento social
"limpo" alleo a cacicadas, meritocrático: son ideais das revolucións burguesas, pero no noso país, aínda que melloramos moito, parece ás veces que a ilustración e a revolución francesa non sucederon hai máis de douscentos anos. Esta reclamación está detrás de moitas das queixas dos nosos emigrantes actuais ás universidades de media europa, ou a traballos cualificados en Inglaterra ou Escandinavia.
((Fotos de
Manuel Ferrol))