24 de mar. de 2007

Música galega na ialma

Fai algo menos dun ano, unha amiga desas que fan a vida máis bonita deixoume un agasallo na casa. Nese momento, entre as verbas, a comida, a ledicia do cotilleo compartido, non reparei especialmente nese CD que viña cunha aclaración engadida: “Son unhas rapazas estupendas que fan música en Bruxelas”, dixo a miña amiga.

Esa noite o CD foi a melodía que pintou de cores as nosa estridente conversa. Ao día siguinte, xa soa, volvín escoitalo: puxen o disco no aparello, senteime e fun siguindo as músicas coa lectura do libriño que ven con el. Coma os catadores que dedican todo o tempo do mundo a unha copa de viño, escoitei unha e mil veces e reparei unha e mil veces nas imaxens. O que atopei nelas era algo fabuloso: mozas guapas, listas, talentosas e novas facendo música tradicional pero sen renunciar ao tempo no que viven.

Se cadra, a tarefa dos artistas sexa só traballar no seu arte. Pero dende fora, esas rapazas son un exemplo marabilloso para tantos e tantos fillos e netos de galegos que non se achegan a súa orixe porque pensan que "é cousa de vellos" ou, pior ainda, porque herdaron o menosprecio ao galego identificado coa pobreza e a brutalidade. Ese CD, ese talento, esas imaxens fan maxia!

As rapazas das que falo se chaman Nuria Aldao, Natalia Codesal, Veronica Codesal, Magali Menendez e Marisol Palomo, e conforman Ialma. Non puideron atopar mellor nome para o que fan: música que chega a alma, música que cruza océanos e achega aos galegos do mundo. Ialma é unha ponte delicada e seductora pola que uns e outros, galegos todos, podemos ficar moito máis preto.

Déixovos algunhas das cousas que contaron nunha entrevista que lles fixen polo correo electrónico e que podedes ler completa aquí.

- Por qué un grupo de mozas novas que vive en Bruxelas escolle adicarse á música galega con fortes pegadas do tradicional?
- En primerio lugar, porque a música, a cultura galega, son as nosas raíces. Aínda que sexamos residentes nunha cidade coma Bruxelas, seguimos mantendo a nosa identidade como galegas na propia emigración, como fillas de emigrantes galegos. A música galega formou sempre parte da nosa vida. Xa máis tarde descobriunos a discográfica EMI e fixemos o noso primeiro cd "Palabras Darei" no ano 2000. O máis interesante, sen dúbida, é dar a coñecer e comprartir a nosa cultura galega cos cidadáns belgas, que alucinan con todo o que temos que ofrecer como galegas, e se cadra isto é debido a que en Bélxica non existe unha tradición oral tan forte coma en Galicia.

- De que xeito traballades o tradicional mesturado co pop mais actual? Quero decir, como fustedes construindo ese estilo co tempo?
- O primeiro cd de Ialma, Palabras Darei foi íntegramente a cappella, no que se deu a coñecer a tradición oral galega máis pura. Xa no segundo, Marmuladas, mesturamos a tradición galega con músicos e ritmos belgas, que fixo da nosa música algo moi peculiar e moi diferenciado doutros grupos de cantareias que xa existían en Galicia. E neste último cd, Nova Era, foi no que houbo máis cambios: houbo cambios no grupo, chegou Nuria dende Galicia, que non é filla de emigrantes pero sí emigrou dende Pontevedra a Bruselas fai dous anos! A nivel musical, traducíronse todos os textos das cancións en galego, de xeito que todas as cancións están cantadas en galego. E ademáis quixemos invitar a xente que coñecimos ó longo da nosa traxectoria coma grupo: xente de aquí, de Bélxica, pero tamén xente da nosa terra, de Galicia, xente coma Mercedes Peón, Quique Peón, Guadi Galego, etc. En ova Era" non hai soamente temas recollidos, de tradición, senón que tamén hai temas propios, compostos por nós ou concretamente un tema, Cantar e olvidar composto por un amigo noso, Miguel Allo, que tamén é un dos galegos residentes en Bruselas e fillo de emigrantes. Fixemos tamén algo que nunca fixo un grupo de cantareiras anteriormente, que foi versionar e facer coma propia unha canción do grupo americano Red Hot Chili Peppers, un tema, Lévame, moi especial gracias á colaboración que tivemos por parte das Damas de Laxoso. E aparte de todo isto, está tamén o noso productor, Adriano Cominotto, un italo-belga que non coñecía en absoluto a música galega! e que polo tanto puido traballar dende un punto de vista completamente neutro, o que foi tamén moi enriquecedor para nós.

- Se fora posible xeralizar, cómo conectades co publico galego maior na diáspora e cómo cos mozos, fillos deles (pode que netos)?
- Cando facemos un concerto en Bélxica é doado que haxa entre o público algún galego…: emigrante ou ben fillo de emigrante. Sempre ó rematar ós concertos achegámonos o público, falamos con todos eles porque tamén nos permite saber cómo acollen a nosa música e que é o que pensan realmente. En Galicia pasa o mesmo, pero é se cadra diferente, a emoción que temos sempre é maior cando se canta en Galicia, e por suposto tamén intentamos contactar co público, como fixemos o pasado verán na nosa primeira xira galega.

- Contabas fai tempo que cando actuades en Bélxica sodes galegas e cando actuades en Galicia sodes belgas. Ten lugar a cultura galega para os traballos feitos por galegos fora da terra?
- Como galegas residentes na emigración, temos asociadas dúas culturas diferentes: a belga e a galega, collendo o mellor sempre de cada unha delas. Aínda que nacimos en Bélxica, somos galegas. O feito de facer un proxecto coma o noso no marco da emigración, fixo que a música galega se extendese e se dese a coñecer nese marco, non só en Bélxica, senón tamén noutros países de Europa. E isto tamén facilitou a que moitos grupos de Galicia viñeran a tocar a Bélxica porque había xa un interese pola música galega.

- Algo parecido pero diferente: E cultura galega o que fan os fillos e netos de Galicia na diaspora?
- Sempre e cando o que fagan os fillos e netos de Galicia sexa para apoiar a cultura galega, entón sí. A cultura galega pódese apoiar na diáspora a través de moitas canles, non soaemente a través da música, que é sen dúbida unha delas.

- Canto pode facer pola lingua galega e a sua pervivencia o traballo de artistas que como vós canta en galego fóra de Galicia?
- Penso que moitísimo. E non soamente para a lingua, senón tamén para a música e a cultura en xeral. Cantando en galego, dás a coñecer a lingua galega, e indudablemente tamén axudas a súa pervivencia, pero tamén dalgún xeito das a coñecer ó mesmo tempo rasgos da cultura galega, debido a que é precisamente a tradición o que se dá a coñecer cando se canta en galego, e , na maioría dos casos, para un público que tra-lo concerto aumentan o seu interese por coñecer todo o que teña relación con Galicia.

- Algo máis, se pode facer música seductora para a xente nova que sexa cantada en galego? Ou só o ingles é unha ponte para a xuventude?
- Sí que se pode facer música seductora para a xente nova en galego, pero é certo que é moi difícil entrar no mercado musical da xente nova con música cantada en galego, a pesares de que Ialma teña xa un certo recoñecemento e o seu público abarque case tódalas idades. Pero é verdade que o inglés segue sendo quizáis a lingua maioritaria neste senso.

- Cales serán os vindeiros pasos de Ialma. En qué estades traballando e cales son os proxectos mais importantes deste ano 2007?
- En primeiro lugar, seguir promocionando este disco, Nova Era. E tamén preparar o que podería ser a nosa segúnda xira en Galicia no verán, porque un verán sen xira en Galicia non é un verán para nós! E comezar a traballar xa no que sería o novo disco, que saldría no 2008.

20 comentários:

Xosé Manuel Carreira disse...

Interesante entrevista. No Radio Blog Club pódese escoitar a versión folk que Ialma fixo hai tempo do famoso Under the bridge dos Red Hot Chili Peppers. É este un documento curioso especialmente recomendado para quen nunca teña escoitado antes a estas raparigas.

moucho branco disse...

Si señora!, Ese xornalismo musical!, :P

Mrs.Doyle disse...

Excelente grupo.

Torreira disse...

Continuamos aprendendo

paideleo disse...

Natalia Codesal cantou no grupo Urban Trad nun idioma inventado no festival de Eurovision 2003 e conseguiu un segundo posto que me alegrou.

Seoman disse...

E non sei se tiveches a oportunidade de escoitalas en directo, porque iso si é un placer.
Boa recomendacion a tua...

Marinha de Allegue disse...

Eu descubrín fai uns meses esta formación feminina Ialma gracias a ti, encantoume o seu disco e tempo me faltou para suxerilas no meu blog.
Unha vez máis os nomes imprimen carácter...

Unha aperta grande para ti linda e outra para Ialma.
;)

Moralla disse...

Realmente amas a nosa/"tuísima" terra, con todos os sentidos e en todas as variedades intelectuais e artísticas. Aprendemos nós máis de ti que viceversa. Grazas. Un bico a ritmo de Ialma
Y ;-)

Ra disse...

Apunto...
Bico

Alfredinho disse...

Eu tiven a sorte de estar con dúas delas, e son encantadoras.
É algo moi importante que máis aló das nosas fronteiras haxa xente que leva a nosa música por bandeira.

Saúdos!

Mario disse...

Eu creo que o noso é unha conspiración galego-masónica para dominar o mundo, por iso estamos por todas partes. Atendende ás instrucións, ouh células durmidas!!!

Anônimo disse...

Porqué non inscribe "Fíos Invisibles" nos premios 20blogs na categoría "Mejor blog en otras lenguas constitucionales distintas del castellano"?

Eu votaría por vostede

Saúdos e noraboa

Asimè Triko disse...

Tal como di paideleo, Verónica participou en Eurovisión e quedaran en segundo lugar. Recordo que na TVG presentaran a noticia case coma se Galicia quedara 2ª, e non Bélxica. Non era para menos, soaba unha gaita e a cantante era galega, e lembrar tamén que foi cando concursara tamén Rosa de OT por España e quedara 8ª, ha ha ha!

Anônimo disse...

Isto hai que aclaralo antes de que se cree unha lenda urbá :)

Teño 23 anos, non me queixo de nada sobre o camiño leva a miña vida. Estou rematando a carreira de Xeoloxía e teño moita máis relación con Eratóstenes (aquel grego que foi o primeiro en medir o radio da Terra) e con Galileo, que con Descartes, que tamén.

O texto é un capítulo do libro Herba Moura, que por certo vin onte na galería Sargadelos de Barcelona envolto en media ducia de premios.

De momento non estou decepcionado, mais seguiremos informando :)

Unha aperta sincera e nada irónica e grazas polos ánimos!

Lúa disse...

vaia!!!!haberá que escoitalas!!!! bicos voadores!!!

Lúa disse...

vaia!!!!haberá que escoitalas!!!! bicos voadores!!!

torredebabel disse...

Grazas moitísimas a cada un de vós e, claro, ás Ialma xa que tanto uns como os outros tanto fan porque os galegos do mundo sintamos orgullo polo noso.

David disse...

Magnífica entrevista! Eu teño que dicir que tiven a honra de coñecer en persoa a Verónica Codesal, unha rapaza realmente estupenda, hehehe... ;)
Saúdos!

An disse...

interesante e moi boa entrevista. Grazas :)

Anônimo disse...

Eu sígoas sempre que podo. Sonche mui modernas e tamén mui tradicionais. En Galiza é difícil topar cun grupo que o faga desa maneira. É un estilo ben diferenciado.