Algún día, alguén con talento e formación literaria será quen de explicar por qué os escritores arxentinos novos ainda hoxe repiten nas súas novelas e contos os estereotipos máis espallados e tamén máis inxustos sobre os galegos. Parvos, brutos, babecos, mellor se gordos e tamén bastante feos, rústicos e primitivos.
Non importa o moito que mudou Galiza nos últimos 30 anos. Non importa canta información chegue a diario pola televisión e por internet dunha rexión cun avance superior ao arxentino. Nin importa tampouco que algúns destes autores coñezan Galiza. Sempre os galegos da ficción son os estereotipados galegos de sempre.
Dende a miña ignorancia teórica pero tamén dende a miña afición de lectora, fai algúns meses
trouxen un conto de Pablo Ramos protagonizado por un galego chamado
Perfecto e que perfectamente cristaliza esta morea de prexuizos e ignorancia. Tempo despóis, atopei un conto mediocre nun libro medriocre (e non o digo eu, senon a crítica publicada esta fin de semana na
revista Ñ) de
María Fasce protagonizado tamén por unha galega prototípica.
O curioso é que nin sequera son tantos casos. Malia estar Galiza nas orixes de boa parte da poboación arxentina (hai quen di que cinco millóns de arxentinos teñen algún galego na súa historia familiar), malia ser a cultura galega determinante na consolidación da identidade arxentina, os personaxes galegos son unha rareza nas obras literarias escritas hoxendía. E os que aparecen, bueno...
o xa dito.


Por iso, a lectura da novela
El enigma de París non fixo máis que sorprenderme e confirmar a estupenda impresión persoal e profesional que teño do escritor
Pablo de Santis. O libro fixoo
gañador do Premio Planeta-Casa de América e tamén do
aplauso unánime da
crítica e dos
lectores. Se até tivo eloxios en formato de
banda deseñada!
Vai de detectives. Vai de moito máis que de detectives. Na páxina 16 da novela fai a súa breve entrada a cociñeira galega que traballa na casa do detective Craig. E alí comeza unha lección maxistral. É posible escoller algúns tópicos, é posible moldealos coma se foran de masa e é posible con eles dar forma a algo fermoso, novo, superador e revelador da condición humana. Pablo de Santis déixao en claro.