25 de fev de 2007

Ser ou non ser

Unha gaita que canta dende Uruguai.
Panderetas que vibran en Bruxelas.
Un feixe de poemas en galego escritos en Bos Aires.
Un ensaio mecanografiado nun ordenador de Nova Iork.
Documentales grabado en Caracas.
Os artigos xornalísticos de calquera revista dun Centro Galego dalgún recuncho do planeta.


¿É cultura galega o que fan os fillos e netos de Galicia na diaspora?

18 de fev de 2007

Doentes de emigración

Alexandre García-Caballero é neto dun arxentino fillo de galegos que naceu en Chabás (provincia de Santa Fé) no ano 1898 e que coñeceu o retorno a Galicia alá polo 1914. E o que o avó de Alexandre García-Caballero tamén coñeceu foi a certeza de que ás veces voltar non é para mellor. Se cadra o soubo cando fixo medrar mais ainda as listas dos represaliados por republicáns.

Alexandre García-Caballero é psiquiatra e ven de gañar o premio Ramón Piñeiro de Ensaio. O traballo feito xunto ao seu colega Ramón Area Carracedo leva un nome cando menos curioso: Psicopatoloxía do retorno. Porque a emigración enferma. E os galegos levamos décadas sen dar cunha terapia que nos sande.

Co Atlántico por medio pero os fíos da tecnoloxía do noso lado, estas dúas beiras achegáronse algo nesta entrevista mantida polo e-mail (versión completa acá).

- Por qué sintiron interese en mergullar no xeito de reinsertarse en Galicia dos retornados. Por qué ese tema. Por qué esa búsqueda?
- A investigación, o tema, viu dalgún xeito imposto. Eu traballo nunha unidade de saúde mental en Ourense dende hai 5 anos. Pola miña consulta pasan centos de persoas ó mes con queixas varias, moitas son debidas a patoloxías mentais graves, pero noutros moitos casos a demanda é máis borrosa. Os nosos pacientes sobre todo os máis vellos, non están afeitos a psicoloxiza-los seus problemas, senon que somatizan os seus conflitos. Daquela as queixas soen ser, polo menos nos vellos, por problemas físicos, pero a pouco que se rabuñe nesa códia o que aparece detrás é todo un mundo de tensións, de relacións persoais problemáticas, de frustracións nos proxectos... Despois de tempo escoitando estas historias, encetei a recolle-las de forma sistemática e a preguntar abertamente pola experiencia migratoria. Despois de recoller estas historias durante dous anos (uns 70 casos), escribín un borrador. Este texto inicial foi sobre o que traballou Ramón Area.

- Escoitei no Diario Cultural da Radio Galega que falaba vostede especialmente dos casos das mulleres que chegaban á vosa consulta con cadros de depresión. Quixera saber se existen diferencias entre o xeito de responder a este sentimento de alienación na propia terra entre os homes e as mulleres e cales serían esas diferencias.
-Para os homes a adaptación é máis sinxela porque existen no rural espacios de lecer axeitados para eles. Non sucede o mesmo para as mulleres, que viven á volta como unha experiencia regresiva con respecto ós dereitos e servizos que tiñan noutros países ou no medio urbán. Doutra banda a narración de cada un é diferente porque mentres os homes valoran o conquerido, ás mulleres valoran máis ás relacións, sobre todo cos fillos. Varios casos que vimos de mulleres eran de nais solteiras que despois de moitos anos fóra de moito sacrificio chegaban aquí para decatarense de que os fillos non querían saber nada delas. elas facían o dó pero por outra banda tampouco querían molestar.

- Sinalan vostedes duas fontes de conflicto emocional: por unha banda, “situacións relacionadas co desencontro cos fillos que non voltan” e por outra “co encontro cos que quedaron aquí e que non entenden porque se foron, desubicación ao regresar tras moitos anos emigrados”. ¿Como funciona cada unha desas problemáticas?
- Para os emigrantes o ideal é un ideal sacrificial, isto está por exemplo na excelente novela Mamá do voso compatriota Jorge Fernández que citamos no texto: "Para avanzar había que sufrir y sufrir era avanzar", di nalgún sitio referido ó seu pai. Pois ben, este ideal pode non ser compartido polos fillos que criados en berce alleo (en Suíza por exemplo, noutro contexto, compartindo un estado de benestar e unhas oportunidades que nada teñen que ver coas da orixe dos pais) simplemente non entenden o mundo do mesmo xeito. Ás veces, isto pasa tamén cos nenos criados polos avós. Se os fillos asumen este ideal entón non hai conflito e pode ser un éxito, pero que ocorre cando o critican? Hai tamén unha cuestión política. Mentres os emigrantes manteñan a súa vista fixada na terra e se comparen co grupo de pares da súa aldea, non cobran "conciencia de clase" no país de destino.

-Ainda que non sexa asunto da vosa investigación, quixera preguntarlle se é posible imaxinar as características do retorno nos vindeiros retornados que son os mozos e mozas galegos, novos, profesionais, hiperformados que tamén hoxendía siguen a emigrar.

- Nun mundo globalizado, as diferencias hanse reducir, pero o que sinalamos no texto é que políticamente o que os retornados reclaman é un funcionamento social "limpo" alleo a cacicadas, meritocrático: son ideais das revolucións burguesas, pero no noso país, aínda que melloramos moito, parece ás veces que a ilustración e a revolución francesa non sucederon hai máis de douscentos anos. Esta reclamación está detrás de moitas das queixas dos nosos emigrantes actuais ás universidades de media europa, ou a traballos cualificados en Inglaterra ou Escandinavia.

((Fotos de Manuel Ferrol))

11 de fev de 2007

Seguindo as pegadas de Seoane

“Buenos Aires, a cosmopolita urbe do sur de América, tiña máis dun millón trescentos mil habitantes, dos cales máis dun setenta por cento eran estranxeiros cara a 1910, cando naceu nela Luís Seoane no seo dunha familia de inmigrantes galegos”. Así comeza a formidable crónica que os irmáns Pablo e Eduardo Rodríguez Leirado veñen de publicar na revista Grial para percorrer cos lectores o roteiro Luis Seoane en Bos Aires. Vinde, que o paseo tralas pegadas que deixou nesta cidade non teñen desperdicio.

“Buenos Aires e Luís Seoane están intimamente vencellados, hai rastros e testemuños por todas partes da súa intensa actividade como editor, periodista, ensaísta, ilustrador, deseñador, cartelista, pintor, ceramista, gravador, poeta, dramaturgo e muralista, o que, sumado ao seu compromiso social e político, o converte nunha figura extraordinaria. Pero coidamos que das múltiples facetas que presenta Luís Seoane, a de muralista é a que máis o une a Buenos Aires. Nas paredes da capital arxentina aínda hai máis de trinta murais que falan desa simbiose”, explican os Rodríguez Leirado.

Pablo Rodríguez Leirado é xornalista e sinónimo dunha moi boa publicación de cultura (á que tristemente non poden adicarlle moito tempo por estas datas), Sitio al Margen. Tamén, foi corresponsal do portal Vieiros en Arxentina entre 1999 e 2003. Pola súa banda, Eduardo Rodríguez Leirado é arquitecto, especialista en informática dixital aplicada á arquitectura, o deseño e a historia, e actualmente traballa na recuperación e divulgación do arquivo de placas fotográficas do Instituto de Arte Americano da Facultade de Arquitectura da Universidade de Buenos Aires.

No artigo lembran: “Esa xenerosidade que Maruxa e Luís Seoane brindaron á parella de Pilar Xeremías Cela e Xosé Martínez Romero-Gandos varios anos despois atopa un xeito moi particular de agradecemento nos percorridos que organizan a varios dos murais de Seoane para os que veñen de Galiza en visita a Buenos Aires. (...) Unha das visitas, Aurichu Pereira, ao remataren a xira polos murais, suxeriulles plasmar e difundir dalgunha maneira ese percorrido para “que os que chegamos a estas terras non perdamos semellante beleza”. No ano 2000 conformouse un grupo de traballo, (...) para relevar e situar os murais de Luís Seoane, evitar que se destrúan e crear un sitio web homenaxe dedicado á súa obra mural en Buenos Aires”.


O paseo tralas fermosas pegadas que falan ainda hoxe de Seoane comeza polo “elegante e distinguido Barrio Norte”, din os autores. E engaden: “O percorrido que propoñemos iníciase con dous fitos na rúa Montevideo, entre a Avenida do Libertador e a rúa Posadas. En Montevideo 1985 está o edificio onde viviron Maruxa Fernández e Luís Seoane a partir de 1962. Na planta baixa da súa vivenda, no vestíbulo de entrada aos ascensores, realizou un mural que logo, incriblemente, caeu baixo a picota, e no seu lugar instalouse un enorme e vulgar espello. Noutro edificio de apartamentos, en Montevideo
1920, no vestíbulo de planta baixa, antes dos ascensores, atópase
o mural en resinas sintéticas denominado As carretas, realizado en 1958 e que afortunadamente se acha en bo estado”, detallan.

Os pasos avanzan pola Galería Santa Fe, a Avenida Callao, na rúa French 2278, ou pola esquina da avenida Santa Fe e a rúa Uriburu. “Na rúa Sarmiento, no número 2233, atópase a sede da Sociedade Hebraica, onde efectuou a súa primeira exposición en Buenos Aires en 1947. Varios anos despois, en 1968, inaugurou no seu teatro un vitreaux onde as escintilantes cores e a representación de letras hebreas logran un magnífico simbolismo. Seoane mantivo unha vizosa relación coa industriosa colectividade xudía da cidade de Buenos Aires, a máis numerosa do mundo despois da establecida na cidade de Nova York”, lembran.

“O percorrido continúa pola avenida, máis coñecida como a “rúa” Corrientes (tal era a súa orixe e foi ensanchada e convertida en avenida cara á década de 1930). Tamén foi chamada a “Broadway” arxentina pola cantidade de teatros que a poboaban. Cabe recordar que a atracción desta avenida igualmente a comparten as librerías, especialmente as que se dedican á compra e venda de libros usados. En moitas delas aínda poden atoparse as edicións das obras que arranxaron Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela nas múltiples editoriais e coleccións que eles crearon, como Nova, Botella al Mar, Citania, Galicia Hoy, Hórreo, Dorna, e Camino de Santiago, por citar algunhas. Moitas desas obras referíanse á cultura e historia galegas e, ademais, moitas estaban escritas en idioma galego, en momentos en que na mesma Galicia se dificultaba ou se facía imposible editalas. Buenos Aires era, daquela, o centro editorial máis importante de Latinoamérica. Así se divulgaba a cultura galega, con Seoane como un dos seus animadores principais, nunha metrópole coa maior presenza de poboación galega no mundo, proxectándoa cara a todo o continente”, avanza o artigo de Grial.

Segundo detallan os Rodríguez Leirado, “Seoane viviu e traballou nesta fundamental arteria na súa etapa dourada, cando se atopaban librerías e teatros abertos a calquera hora da noite ou da madrugada, e se discutía interminablemente nos famosos bares e confeitarías das máis diversas e variadas disciplinas, con ou sen coñecemento do tema”. Indican que “a unhas cuadras en dirección ao emblemático Obelisco, atópanse dous murais. En Corrientes 2166, insolitamente na entrada dun aparcadoiro dunha galería comercial de tamaño considerable, aparecen unha serie de figuras en módulos. O incesante tránsito de vehículos e persoas provocou a perda en parte da súa cor, tamén está luxado e algunhas partes están esfanicadas”. (...) “Na beirarrúa da banda contraria, Corrientes 2135, hai outro mural no corredor de ingreso a un edificio de oficinas comerciais, realizado en pedra picada, que lamentablemente se atopa cuberto por un desagradable panel de formica, por tanto descoñécese cal pode ser o seu actual estado. A administración está ao tanto da existencia do mural, mais non queren investir para modificar a estética actual da entrada”.

O imprescindible artigo non esquece a súa “máis famosa e importante obra mural. Ten trinta e tres metros por once e está situado no vestíbulo do segundo subsolo do Teatro San Martín. Tamén chega aos traballos que Seoane foi deixando no Microcentro e nos barrios de Retiro, Palermo, e Belgrano, así como fora de Bos Aires. E remata: “Parte de Galicia atópase en Buenos Aires, en todas as actividades que milleiros de inmigrantes galegos e a súa descendencia desenvolveron nunha cidade que contribuíron a crear e conformar. Luís Seoane, que naceu e viviu parte da súa vida en Buenos Aires, encargouse de facérnolo saber. E por se o esquecemos, as paredes da cidade refréscannos a memoria”.

1 de fev de 2007

Pinta a túa aldea

Se cadra, é verdade esa idea que dí que somos moi semellantes ao lugar onde nacemos. Se cadra, cada aldea imprime na alma da súa xente trazos e cores propios que, co tempo e a súa eterna paciencia, eles rematan por sentir que son propios, deles, que xurdiron en eles e morrerán con eles. E é nese erro onde reside a enorme sabedoría dese lugar-berce: en nutrir o noso ego, fomentar o noso individualismo facendo invisible á nosa mirada esas pegadas que falan ao mundo da nosa orixe.

Se cadra, León Tolstoi tiña razón: "Pinta a túa aldea e serás universal". Xabier Feixoo leva tempo pintado a súa. "Tiven amoreadas durante anos multitude de artigos e documentos sobre o meu concello (Sandiás), sobre a lagoa de Antela e sobre A Limia, e decidín buscarlle unha saída para darlle visibilidade a tal feixe de documentación. ¿Como fixen? Pois resumín a información e púxena nunha páxina web", conta.

A fórmula semella sinxela. A resposta sobre os motivos tamén: "¿Por que a levo dende entón? Pois para dar a coñecer e por en valor (palabra de moda) o rico patrimonio cultural do meu concello e da Limia. É unha iniciativa modesta e moi local mais imaxínate se se realizara nos 315 concellos da nosa terra", suxire.

E eu podo imaxinalo. Claro que si.

Algún tempo atrás, falei eu das miñas aldeas arxentinas. Pero tamén teño unha aldea galega. Chámase Nigueiroá ainda que o cartel do camiño pon mal o nome. A correxión foi feita polo meu curmán Lisardo que herdou do seu pai o compromiso de coidar da aldea coma se fora a súa responsabilidade. Cando estiven alá (xa fai unha década) pareceume simbólica esa falta de coidado na toponimia oficial, ese descoñecemento, ese esquecemento dos pobos que fican na raia.

Durante décadas, miña nai buscou con énfase en cada enciclopedia que lle chegaba ás mans o nome da súa aldea. E durante décadas non o atopou. Tampoco figuraba no ano 1996, cando fun alá. Pero Nigueiroá si estaba.

Dos cultivos, as vacas e ovellas, das festas, das xentes e xentes traballando a terra, das flores e dos rapaces que poboaban as historias e lembranzas dos meus, non atopei case nada. Unha aldea de poucas persoas, moitas moi vellas, de mozos que viven e traballan en Ourense, Pontevedra, Bilbao... E ainda así, nese testemuña do pasado e do presente, fun feliz. Inmensamente feliz. Porque nesa aldea eu atopei a parte de min que non encaixaba nesta beira do Atlántico.

Esas pezas se acomodaron en Nigueiroá, en Quintá, no Viñal, nesas corredoiras, na casa da tía Jesusa comendo rosquillas e roscón e escoitando a metade que faltaba das historias tantas veces escoitadas, xantando con Emilio, Amparo e Rocío na mesma casa na que naceu a miña avóa e logo tamén a miña nai, falando e falando con Lisardo.

Se cadra Xavier ten razón: "Podemos e debemos empregar as novas tecnoloxías para salvagardar a nosa memoria (as lendas das nosas aldeas, as súas tradicións, as cousas dos nosos avós, os nosos documentos, etc.) para legarlles algo do noso rico patrimonio material e inmaterial ós que veñen despois de nós". Se cadra é verdade. Se cadra, somos como as nosas aldeas.