Hoxe veño de descubrir un feixe de blogs na prensa. Foi no canal que -de cando en vez- La Voz de Galicia emprega para que os autores de páxinas fagan alí unha presentación do seu traballo. O dos medios interactivos. O dos lectores que tamén fan os xornais. O do xornalismo cidadán que tanto soa. O caso é que por esta fiestra aberta polo xornal xa asomaron moitos e a Voz tivo historias que contar. Lembro agora a da señora María Amelia de Muxía que leva o blog aos seus 95 anos.Se eu fose xornalista dese medio, sen dúbida escribiría sobre ankami que leva un blog no que achega a súa Galiza e a Etiopía dos seus fillos. "Isto non é unha guía de viaxes, pero quizais che sirva de algo se pensas ir a Addis Abeba. É un espazo para manter o vínculo coa terra na que naceron os nosos fillos e da que, en definitiva, todos vimos. Son experiencias particulares, historias, curiosidades, lugares e persoas, comentarios sobre a actualidade, berros para chamar a atención sobre a desesperada situación de Etiopía. Un lugar que queremos compartir contigo que, por algún motivo, escribiches a palabra Etiopía nun buscador", explican.

Tamén, claro, falaría do blog Energías Renovables y Sostenibilidad Energética dun grupo de estudantes do Master en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética (MERYSE) da USC con distintas especializacións co obxectivo de divulgar, escoitar, debater e aprender todo o que engloba a Sustentabilidade Enerxética. Segundo anotan, "a intención dos editores do blog é principalmente é a de informar, xerar debate e así, concienciar ao lector na necesidade da autosuficienza enerxética e as enerxías renovables como única fonte de futuro".

A Javier, autor do blog O románico na Gallaecia: Un percorrido pola arte románica entre Miño e Douro e outros non menos interesantes, faríalle unha entrevista sobre o seu "percorrido polas igrexas románicas comprendidas entre as cuncas dos rios Miño e Douro e que na Idade Media pertencían a Gallaecia como lugar de convivencia común".

Se eu tivese lembranzas de nena galega na terra, sen dúbida faría unha crónica moi simpática e empática sobre Wikirecuerdos que, segundo explican os seus autores, "é unha enciclopedia de contidos relativos ao consumo e o lecer dos anos 60, 70 e 80 do século XX, baseada na tecnoloxía wiki". A diferenza dun blog, esta páxina -anotan- "admite a túa colaboración para xerar novos contidos e mantén un foro aberto para discutir ou compartir sobre a nostalxia desa época". Eu nin idea, pero imaxino que hai unha chea de persoas ás que estas preguntas lle din algo: "¿Te acuerdas del álbum de cromos El porque de las cosas?¿Y de los Madelman? ¿Recuerdas con nostalgia la serie Bonanza que veías en la televisión en blanco y negro? ¿En el colegio eras de los Bonys o de los Tigretones?".
Se o convite "A vida do meu barrio contada polos seus veciños" non ten moito encanto de seu, chega con mergullar polo blog Barrio de Los Rosales para atopar nel un verdadeiro espazo de reunión, de traballo conxunto, de veciñanza no senso de vida compartida. Pódese non estar dacordo con todo o que fan, pero dende logo mentres todo enfoca no individuo illado, que alguén aposte polo benestar común non está nada mal.
Por último, se eu foxe xornalista de La Voz tamén faría por atopar o blog de Gumersindo Novoa Rodriguez que esqueceu deixar alí o enderezo. Pero como non son, como non vou escribir a historia destas páxinas, nin vou atopar ao señor Gumersindo de Uruguai, só deixo aquí este convite.











