22 de jan. de 2008

Ex libris

Mesmo antes de saber que existía e moitísimo antes de saber que levaba un nome, collín da paranoia (experiencia) de bibliotecaria da miña nai o costume de marcar os meus libros. Ela facíao co selo da biblioteca e coa mesma devoción coa que algúns rezan: sen moita confianza en que iso vaia dar resultado ningún, pero polas dúbidas, xa que nunca se sabe por onde un sinal de propiedade pode desanimar a un ladrón en potencia.

A falta de selos e tintas, eu escribía o meu alcume nas páxinas que levasen un número 11. Daquela era case que un rito: chegar á casa, ulisquear no cheiro a tinta das páxinas, e logo imprimir cun boli azul esas letras. Benmirado, non había case posibilidade ningunha de roubo xa que os meus libros non saían da casa. Pero trabúcase quen busca algo de lóxica nun rito.

Co paso do tempo e co embotellamento de traballos e tarefas pendentes, o costume foi quedando atrapado polas leis da coincidencia: se o lembraba cando tiña tempo de facelo e atopaba un boli azul e logo -ao telo na man- non esquecía para qué era que o buscaba e se non chamaba o teléfono ou alguén me falaba e así...

Un ex libris é unha marca de propiedade que normalmente consiste nunha estampa, etiqueta ou selo que adoita colocarse no reverso da cuberta ou tapa dun libro, e que contén o nome do dono do exemplar ou da biblioteca propietaria, explica a Wikipedia que -coma sempre- sabe máis ca min. O nome do dono vai precedido da expresión latina ex libris (ou tamén frecuentemente ex bibliotheca, ou e-libris), aínda que podemos atopar variantes (como "Son de..." ou similares).

Ademais da lenda que acredita a pertenza do libro, polo xeral o ex libris exhibe tamén algunha imaxe -engade a Wikipedia-. Os exemplos máis antigos empregan escudos heráldicos; posteriormente predominan imaxes de contido alegórico ou simbólico (moitas veces acompañadas dalgún lema). A tipoloxía das imaxes foise diversificando moito: abundan por exemplo as relacionadas coa profesión, actividade, gremio ou afección do dono. Son frecuentes tamén os motivos relacionados co mundo do libro e as bibliotecas.

Como non podía ser doutro xeito, hoxe en día hai unha verdadeira industria do ex libris. Hai dende artistas dedicados ao deseño deles, empresas que ofrecen selos para dar de agasallo, hai mostras dedicadas só a ex libris marítimos como esta organizada polo Museu Maritim de Barcelona, e hai quen xuntou os ex libris de celebridades do cine.


Dos que levo vistos, gustáronme moito o de Andrea -que nunha imaxe fai un perfil fermoso da súa personalidade- e o de Paideleo que garda sitio para a sinatura do propietario dos libros o que engade unha volta máis á identificación dende a propia caligrafía.


__________________________
Graciñas a Paideleo, Ana e Leo
pola caixa que deu orixe a este post!

21 comentários:

cneirac disse...

Estendo as grazas, pois eu tamén aprendín moito coa anotación de hoxe.

Nuca disse...

É unha sensación curiosa cando compras un libro nunha librería de vello e atopas que ten un ex libris. É a mesma sensación que cando descubres entre as súas páxinas unha foto ou unha nota do que fora o seu propietario. É curioso porque faime pensar en cómo era él porqué o mercou e cómo é que chego ata min

Anônimo disse...

Que fermoso e curioso post. A verdade é que me entraron gañas de ter un a min tamén, e xa estiven mirando algúns modelos...

Nós na casa temos o costume de poñerlles a data, o nome e o lugar a modo de ex libris, pero nin comparanza con estes...

paideleo disse...

Alédome de que chegasen os libros a bó destino.
Do meu Ex-libris dígoche que foi mercado en Candem Town, na miña estadía en Londres xa hai ben aniños. Gustoume porque representa, para min, a curiosidade que nos obriga a abrir un libro e lelo.
Graciñas por lembrarnos desta forma tan fermosa.

Anônimo disse...

Durante unha época, eu marcaba a páxina 17 :D e máis o canto do libro (polo lado oposto ó lombo), para que quedasen marcadas todas as follas. Tamén hubo un tempo en que tiña unha lista na que ía anotando, non só os libros, senon tamén a música que prestaba, e a quén lla prestaba, para lembrarme de reclamarlle o seu retorno pasado un tempo prudencial.
Máis tarde, empezou a non importarme que os libros ou os discos non sempre voltasen. Son máis útiles para todos circulando por ahí que acumulados nunha estantería.
Un pouco parecido ó que pasa involuntariamente cos paraugas, cando alguén os esquece ou os colle confudidos; é como si non tiveran dono, como si fosen parte da sociedade.

Raposo disse...

Nos libros eu poño a data de cando os leo e asino por debaixo.E si, pasado o tempo, os releo volvo facer o mesmo.
Saúdos e parabens por este post.

Anônimo disse...

Eu non lles teño tanto cariño aos libros. Déixoos, pérdoos, dounos, abandónoos. Pouco bibliófilo. Unha vez lidos, dame igual onde vaian.

Anônimo disse...

Vexo que moito predicar creative commons, todoscontraelcanon, códigos abertos... pero en canto ós bens materiais marcádelos a tinta chinesa porque non o podedes facer a lume.
O conceito de propiedade que presupón un ex-libris é propio do século XIX.
Materialistas acaparadores de bens!!! Ninguén vos quer os libros, ou non vos dades conta de que xa ninguén le.

Zerovacas disse...

Sempre quixen un. Agora acabas de darme unha idea

Anônimo disse...

Eu fai moito que non lle poño meu nome a un libro, nin a data na que o merco, a ata dexei de subliñar, prefiro tomar notas aparte. O que si deixo ás veces é a etiqueta do prezo pegada por dentro, sempre me fixeron moita graza eses libros de vello que levan escrito a lapis: 1,50 pts, ou os que xa levan tempo na casa e valían 300 pts. Unha manía.
O do ex libris paréceme moi interesante, de feito como lectora posesiva que son case me dan ganas de ter un... claro que só o ía mirar eu, xa hai tempo tamén que deixei de prestar libros. Mellor agasallalos, no problems....

Marinha de Allegue disse...

Na casa temos un de disenho propio, ben fermoso por certo,(co disenhador na casa non é complicado). Dar unha identidade propia aos libros e demáis non está mal...

Beijos guapa despois dun pracenteiro paseo.
:)

Radio Valadouro disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Roi Buligan disse...

Esa costume túa poderia inspirar un relato borgesiano como A marca da páxina nº 11...teño que mirar os selos dos libros do meu avó para seguir as pegadas estampadas en tinta vintage

busto.agolada disse...

Eu levo varios anos marcando os meus libros. Para iso encarguei un selo que me defraudou pola calidade. Quería unha imitación mellorada do do meu avó e saíume o que podes ver no meu blog. Estiven esperando a deixarche este comentario ata elaborar unha entrada con este motivo no meu blog.
Saúdos.

moucho branco disse...

Iso tiña que ter feito eu hai anos.... marcar os libros!!, igual así conservaba cando menos algún mais dos moitos que foron voando cos anos da miña biblioteca en sucesivos préstamos...

Cobiñas disse...

Raposo, gustoume moito iso de poñer a data de cando rematas de ler un libro. Implementareino.

Apertas

Suso Lista disse...

Cantas cousas aprendo con vos. Sodes todos maravillosos.

edu disse...

ola, rula
estiveron botando na tele unha publicidade de telefonía que estaba rodada na esquina onde está o bar onde nos vimos en persoa (florida e bartolo-memitre -como dicía o señoriño dos altavoces de retiro anos ha-).
mesmo había unha toma na que se vía o bar e, a través dos cristais, as varandas de tubos brancos que tiñamos de lado da mesa, no entrechán.
deu para lembrar daquel precioso encontro unha chea de veces.
bicos grandes

torredebabel disse...

Moitísimas grazas a todos polos vosos ex-libris! estou marabillada con tanto como fun descubrindo nesta xaneliña. A idea da propiedade privada chega a todas partes pero en poucos asuntos é tan simpático como este dos libros. Por iso, concordo co que di occam, atoparnos cun ex libris alleo é atopar ao lector anterior e tamén atoparlle segredos ou a súa privacidade. Tamén a min, toda esta historia deume ganiñas de buscar un sinal, un ex libris...

Graciñas a todos!

torredebabel disse...

Edu! non confundir cun retorno pero que ledicia atoparte por aqui!!!!
Tamén aquí dan unha publicidade (non sei de qué é) rodada nesa mesma esquina porque seica é un sitio moi cinematográfico. Eu, daquela, traballaba a carón dese bar e non había fin de semana no que non houbese camións, cámaras e xentes. Somosche moi baratos, din, para eses asuntos do cine e da publicidade ;-)
A ver cando vindes con Matías e Eli e Laura para repetírmonos o encantador café nese sitio!!!!

Chousa da Alcandra disse...

Mira ti cantas similitudes sin saber. Eu levo "marcando" os meus libros cunha sinatura na páxina 100.
Non adoito recoñecelo -sempre me pareceu unha excentricidade miña-. Alédame ver que non estou so...

Saúdos dende a Chousa