15 de jan. de 2008

Transplantados /1

É como di un amigo: a xente que emigrou dende Galiza a este recuncho austral do mundo fixo da Arxentina unha nova versión da súa vida galega. Transplantouse, coas raices e todo. Eu non son quen de facelo tan ben coma él, pero engado ás historias que el conta, esta serie de fotos. Foron feitas (polo meu home, que eu son un toxo coa cámara) nunha tarde de paseo na rúa 2 do pobo de Mar del Tuyú. Pero iso é o de menos. Como dí este amigo, as pegadas do amor por Galiza están en todos os pobos, en calquera rúa, diante da ollada distraída que levamos coma levamos as gafas.




Antolladizamente, imaxino a un home dedicado á construcción de casas nesa rexión de pobos de praia que, diante da súa, plantou este horreo coma quen anota o seu nome ao lado do timbre. Imaxinoo hoxe moi maior, se cadra xa non vive ali. Imaxino que marcharía á capital, onde hai mellores médicos e onde os fillos din que se vive mellor, pero el non está tan seguro. Tanto ten, está nun tempo da vida no que poucos atenden ao que pensa ou opina.


Imaxino a xente que pasa pola rúa e que imaxina que o dono de casa ten que ser bastante extravagante para facer unha casilla para o lixo. Imaxino aos outros, aos que saben, aos que entenden de que vai esta "casiña" e imaxinan ao home que plantou un horreo na porta da súa casa coma quen pendura unha bandeira.



A ver se collo entusiasmo e fago máis destas series. Mesmo sendo tan mala coas fotos, o amor pola terra deixase retratar mansamente porque non hai barrio ou rúa no que non se atope.

17 comentários:

Zerovacas disse...

É que hai cousas que tardan xeracións en desaparecer...

Nuca disse...

teño que verificar unha historia que escoitei hai tempo dun tipo que levou para Nova Zelanda unha planta de toxo para o seu xardín e agora é alí unha praga...

paideleo disse...

E polo tipo de horreo semella ser da costa pontevedresa.

Eu tamen vin un horreo de tamanho real chantado na serra madrilenha.

Anônimo disse...

Que xeito tan fermoso de dicir de onde é un. Moito mellor que a exhibición de bandeiras, onde vai parar!!!

busto.agolada disse...

Isto si que é un emblema. E éntrame a curiosidade por saber para qué se usa?, para colocar a bolsa do lixo? Se non é así cómo é que autorizan a poñelo na beirarrúa?.
Eu nun polígono industrial de Toledo vin desde a autovía un hórreo de pedra e un cruceiro diante dunha nave-exposición de mobles. Non a visitei pero supuxen inmediatamente que o dono era galego.
Levamos a terra connosco e todos os seus símbolos. De aquí... deica o hemisferio austral, ata Arxentina e onde faga falta.
Saúdos.

Son Unha Xoaniña disse...

E tamén hai o contrapunto, que son aqueles emigrantes que votan a Galicia e fan aquí unha casa de estilo alpes suizos ou con louxados ao estilo de París...
Cousas da vida, ou da "persoa humana"
Unha aperta.

Anônimo disse...

Tiña eu un parente por Wilde... que un día chorou amargamente, coas saudades propias do enfermo terminal que era, ensinandome unha cerdeira que trouxera da súa aldea de Ourense... Alí se lle abriron as carnes da alma.
(Antes, divertido, lograra que polo correo lle mandasen sementes de grelos que plantaba e recollía na horta da casa porteña...para comelos con touciño... e algún chorizo colorado co que engañaba a nostalxia)
Pensei que esas cousas eran maís auténticas que o carballizo escuchumizado da Laurak Bat de Belgrano pouco antes da 9 de julio...
Impresionantes fotos. Mándallas aos do Museo do Pobo Galego.

FraVernero disse...

A do hórreo é singularmente curiosa... Noutra realidade, onde tivese o diñeiro, gustaríame construír unha sala de xogos ou de recitais que tivera a forma dun... De feito, xa me falaron dalgunha casa rica onde empregan o horreo desa maneira...

Clara Flor disse...

Varias veces tiven que levar sementes de pementos para Montevideo, e ali estan, na casa do Doutor Saa que foise con dous anos para Uruguay e que ve todos os dias os xornais pola rede e que sinte a galeguidade que provoca un suspiro admirable xa con 70 e pico anos. E como se explica?. Pois simple, a patria movil.

Fermosisima a vivencia. Bisus

llll disse...

chegoume a túa postal, a única non dixital deste ano. e sorrín moito coma unha nena con zapatos novos, coma unha nena que agardara ós Reis. e pensei que sigo a ser un desastre. asi que unha, dúas, tres... collo e escríboche unha carta. unha páxina, dúas. e mais un regaliño tamén.

grazas por estar. por ser. por todo.

inda que nin sequera te coñeza.

Anônimo disse...

Qué interesante! Eu mesmo teño unha foto que tomei hai unha chea de anos onde pouso con outro galego trasplantado nun sitio cerquiña de Piriápolis, cun fondo de... toxos, lexítimos e verdadeiros. Non sei se autóctonos ou alóctonos. Eran toxos chairegos, pequenos e mestos, non como o toxo mariñao, outo e de soberbia apariencia.

Torreira disse...

Xenial Torre,gosto moito desta serie.Bico

Anônimo disse...

http://amargama.foroactivo.com

FORO DO GRUPO AMARGAMA, NA TERRA DE LEMOS. INFORMACION SOBRE RECITAIS, PUBLICACIÓNS DA REVISTA, ETC.

Anônimo disse...

Pois si, curioso feito de dicir de onde é un, non é? Fermoso o que dis que é como quen pendura unha bandeira na porta da casa...

Bicos fortes

Lapis-vermello disse...

Gústame moito este blog e ademais as fotos son chulísimas

Anônimo disse...

Mesmo haberá quen pense que plantou alí unha descomunal caixa de correos, ben por pretencioso, ben porque agarda paquetes postais de gran tamaño.

Meiga en Alaska disse...

Pues mira, no se si construirme un hórreo yo también aquí al ladiño de la sauna, por ejemplo :) Quedaría enxebre de narices y seguro tendría a los vecinos intrigadísimos :)

Bicos