Para os galegos e as galegas, foi un motivo de orgullo. A posibilidade de deixar en claro que a Galiza é mais que morriña, comida, ondiñas veñen, ondiñas van. Para os locais e para os turistas, a ocasión de deixarse seducir por unha cultura cunha historia que é quen de conxugarse en tempo presente.
Hai quen pensa que -polo feito de estarmonos ao lonxe- os galegos da diáspora pensamos que calquera cousa que chegue da Galiza é boa en si mesma. Son os que só reparan niso que non temos: unha vida na terra. Son os que non lembran iso que sí temos: unha vida nunha megalópole chea de vida e de mundo (e de problemas, que tamén os temos).
Na
34º Feira do Libro de Bos Aires, a delegación galega deixou entusiasmo no ar e fame de máis.

Os escritores
Francisco Fernández Naval e
Ramón Caride Ogando visitaron a Sala Alfonsina Storni do
café Tortoni para coñecer e falar cos integrantes do
ciclo de literatura galega que alí se desenvolve. Os dous narradores e poetas achegaron un panorama da literatura galega da actualidade e salientaron a importancia da traducción para que os autores de Galicia cheguen aos lectores de todo o mundo. No remate da xuntanza, Fernández Naval lembrou que o ano antes, precisamente nesa mesma data, sabía na cidade de Bos Aires que o seu poemario Miño
quedara co XXIII Premio de poesía Cidade de Ourense. Por iso, quixo compartir -nesta nova visita que o traía de novo ao mesmo sitio nos mesmos días- a lectura dun dos seus poemas.

A poeta
Estíbaliz Espinosa encheu a sala Leopoldo Lugones na noite do domingo cun sopro fresco e renovador a forza de música, imaxens e verbas. Abriu a súa presentación na Feira do Libro cantando docemente e logo percorreu o que chamou as "
teimas" da súa obra lendo poemas e tecendo con eles lembranzas e historias. A particularidade da súa obra e o encanto da súa ollada sacudiron os tópicos sobre a poesía e as rimas e perfumaron de audacia e enerxía os espíritos alí presentes.

De contado e no mesmo acto, a secretaria
Xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou xunto co director
Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, a segunda edición do libro
Polifonías cuios poemas foron lidos polas mulleres que integran o colectivo de galegas na diáspora
Herbas de Prata. Sei moi ben que ningunha delas está afeita a falar o galego e sei ben canto esforzo e compromiso puxeron na preparación desa lectura pública. Vinas traballar coas fotocopias que conseguiron do libro ao longo de moitos días. Sei que leron nas súas casas cando quedaban soas e que -ainda cos nervios que cada unha delas levaba no corpo- gozaron dese fermoso protagonismo que moito merecen.

Un luns pola noite Eduardo Blanco Amor volveu a percorrer a cidade. Foi na presentación da reedición de
La Parranda, a versión castelá de
A Esmorga que o propio autor traduciu nesta cidade. O poeta
Rodolfo Alonso, a escritora e investigadora
María Rosa Lojo e Bará foron os encargados de lembrar non só a figura do escritor senón tamén a relevancia da súa novela e a actualidade que ainda ten, como sempre pasa cos clásicos. Antes de rematar, o funcionario presentou na Arxentina o portal
Letras de Galicia que moito pode axudar á difusión da narrativa e da poesía galegas actuais que case que son descoñecidas nesta beira do Atlántico.

De Mos a Mos,
Malvela ofreceu o seu último concerto na
Asociación de Residentes de Mos de Bos Aires e alí fumos con Santiago a gozar un pouco da música e da simpatía destas mulleres e destes músicos que ofreceron felicidade intensa a todos cantos enchiamos o enorme salón dese centro galego. Como dixo unha das integrantes do grupo, se hai unha diferenza entre cantar na ducha e cantar como elas o fan esa diferenza ten nome e apelido:
Uxía Senlle. Gozamos das Malvelas e gozamos da voz e da paixón de Uxía nunha noite intensa. E bailamos! sobre todo, Santiago.


Antes de marchar, Luis Bará tamén visitou o Tortoni e aos seus lectores galegos. Ao chegar, colleu un caderno e non deixou de apuntar -sobre todo- problemas, dificuldades e eivas. Soubemos todos nesa reunión que a única libraría galega que tiñamos na Arxentina e que funcionou ao longo de moitos anos no
Centro Galego viña de pechar as súas portas porque "non daba ganancia", segundo os directivos da entidade. Foi de agradecer que Antón Rey pedise a palabra para falar tamén do que sí temos, do que sí facemos e do moito que disfrutamos todos desas tertulias.
Non foi o único que fixeron (abofé que non!). É só un percorrido polas actividades nas que eu estiven. E dende logo que todo sempre pode ser mellor. E non faltará quen cuestione e quen vexa nisto unha perda de cartos. Tampouco, como ben dixo Manuel Rivas, quen sinta arrepíos se a cultura galega sae polo mundo adiante ensinando o que ten. Eu quedei orgullosa e feliz. E non porque calquera cousa galega sexa quen de conmoverme. Só porque o que veu era moi bo.