.
De cando en vez, penso que estaría ben iso de ter unha relixión. Dende logo, non é algo que podes mercar na tenda ou decidir que hoxe ou mellor mañá teño fe. Pasa ou non pasa e eu veño sendo desas ás que non se lles da. Fago moitas preguntas e non me vale calquera resposta. Por riba, cando o motor das cousas é o medo ou a culpa xa non me parece ben (ides desculpar a miña deformación psicanalítica... cousas que ten vivir en Bos Aires).
O caso é que esta mañá de primavera lembraba canto ría eu cando o meu avó se cagaba en dios e miña avóa, desesperada e nun mesmo movemento, berráballe prometéndolle o lume do inferno e ollaba ao ceo para suplicar que o perdoasen, que non o escoitasen, que non era malo.
O curioso é que ela mesma, tan piadosa como era, tan crente (deses fieis sen dúbidas nin débedas), guindaba maldicións e xuramentos, mentres cuspía cara ao ceo, a ese mesmo deus ao que tanto medo e respecto podía terlle.
Gustábame moito ese vínculo que a miña avóa tiña -nos últimos anos- con deus, co seu deus, o dela. Ou o de todos. O caso é que nesa relación tiñan sitio a fe e o amor mesmo que o medo, a seguridade de saberse protexida e coidada, ou a carraxe. Deus, para ela, era alguén achegado e amoroso mesmo que esixente. O deus da miña avóa tiña sentidiño cando pedía e moita xenerosidade cando daba.

Ela pensaba que se deus era tan bó con ela debíase, sen dúbidas, a unha embaixadora que tiña: a Virxe do Carme. Claro que non refería á virxe en si mesma senón á súa virxe do Carme: a que ainda está (penso) na capela de Nigueiroa, en Bande (Ourense). Moitos anos pasou ela vestindo á virxe, peiteándoa, enchéndoa de flores e ollando para ela. Pensaba a miña avóa que aquela amizade tecida cos coidados a esa boneca non entendía de emigracións ou de diáspora. De feito que sempre seguiu falando e rezando a aquela virxe que, seica, éralle amiga e compañeira.
A virxe deulle os catros fillos que lle pediu (dous homes e dúas mulleres, porque a miña avóa sabía o que pedía). A virxe devolveulle o fillo que marchara á terra facer a mili. A virxe escoitábaa, dáballe resposta e, se non era quen de dar cumprimento aos pedidos da miña avóa, tiña -dende logo- unha boa explicación. A virxe foi presencia e amizade, coidado e seguridade.
Cando fun por vez primeira á Galicia fixen dúas fotos na capela de Nigueiroá. Non había daquela as cámaras dixitais de xeito que volvín a Bos Aires con papeis coloridos nos que as formas falaban de xentes e de sitios, de amores, de tristuras e de dores. Viu as fotos a modiño, unha a unha e fancendo comentarios sobre o moito que cambiaran as cousas ou as xentes. Pero ao chegar ás dúas fotos da Virxe, soubo que era para ela. Bicounas e gardounas. E logo, fixo un cadrino para a mesiña da cama. Coma quen garda a foto dunha amiga. Dunha compañeira.
.