2 de ago. de 2006

Unha Galiza global

Co gallo do Día de Galiza, fai alguns días publicouse por segundo ano en Barcelona a revista de pensamento cívico, estudos culturais e solidariedade galega reNOVA GALIza. Nesta edición, a publicación ofrece un monográfico chamado “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo” no que moitisimos homes e mulleres, intelectuais e artistas, enxenieiros ou políticos, funcionarios e chefs, todos pensan en falan da sua identidade e da terra.

O profesor de Filoloxía galega da Universitat de Barcelona e director da revista, Camilo F. Valdehorras, explica o propósito no editorial: “A nosa idea de “Galiza global” refuga o paradigma da globalización liberal (económica, mediática e “turística”) que ameaza con converter ao mundo nun turbillón de masas migrantes, nun supermercado de escravos laborais e nunha sucesión de parques temáticos. Impugnamos esta globalización negativa que se delata como máscara do imperialismo, depredador de recursos humanos e naturais en beneficio de opacas oligarquías internacionais. Adherimos, en troques, ao globalismo positivo, ético e transformador desta orde mundial inxusta”.

E engade: “Folga lembrar que as identidades culturais son portátiles e transterritoriais, isto é, non dependen das xeografías senón das persoas. É a vontade das persoas, xunto co vínculo familiar, o que forxa os lazos de pertenza (sentimentos, desexos, lembranzas e intereses…)a unha ou outra patria concreta, sendo a mestura de factores étnicos e cívicos os que entrelazan os membros dunha comunidade nacional con independencia do lugar de residencia. Galiza desgaleguizouse coa emigración pero o mundo galeguizouse cos nosos emigrantes. Nesta paradóxica verdade cífrase unha das máis complexas antinomias sobre as que sealicerza o ser desta “Galiza global” que queremos axudar a visibilizar e organizar, como alianza multinacional e multicultural das distintas clases e sensibilidades políticas. Un dosmaiores desafíos a enfrontar polas xeracións actuais é ver de sentar as bases para que floreza nas vindeiras unha Galiza máis libre, máis equitativa, máis próspera e cohesionada como sociedade autocentrada sobre si”.

A idea desa Galiza Global que está xa revolucionando as miradas dentro e fora da terra xurdiu na cabeza e no corazón dunha galega nova, nai e apaixonada nacionalista chamada Ana Miranda. Agarimosa e honesta cos emigrantes como nunca antes eu vira, políglota, con estudos en varias universidades europeas en dereito europeo e internacional e ampla experiencia no Parlamento Europeo, é autora de numerosos artigos sobre dereitos humanos, relacións internacionais e migracións, Miranda é una rara avis da política que moitas veces desconcerta: audaz, intelixente, formada e leal. Ela mesma explica de qué fala cando di “Galiza Global”: “Os galegos, como sociedade do século XXI, deberiamos ter a intelixencia de abordar novos conceptos apostando pola Galiza Global. Como nexo, e contacto, comunicación, transversalidade e innovación, que nos une con outras sociedades. E revalorizar o papel da emigración e a presenza de galegos en todo o mundo por medio da planificación dunha estratexia de aproveitamento desa potencialidade dende varios planos coma o cultural, o económico, turístico e social”.

Pero ela di que vai máis alá ainda: “Precísase facer unha revolta na emigración. O profesor Xosé Manuel Beiras afirmaba que “a emigración, supón na historia moderna das xentes galegas, unha renuncia á revolta”. Chegou o momento, quizais polas ameazantes circunstancias deste mundo globalizado, pola perda de persoas participantes nos centros galegos, polos escasos instrumentos de contactos e soportes culturais existentes anteriormente, de iniciar agora esa revolta. Unha transformación integral para que asuman a súa participación democrática mulleres e nenos, fillos e netos. Para que nos lembremos, un por un e colectivamente, do exilio, da sua pegada, da sua dor. Para que pensemos que o desarraigo e a ansiedade cultural poden ter cura e froitos creadores. Para que exerzamos a diplomacia cultural, social, económica e turística dunha forma activa, non só no marco dos centros galegos senón mais amplamente, para poder relacionarnos bilateral e multilateralmente con individuos, colectivos, asociacións e institucións de calquer lugar do mundo. A Galiza Global precisa dunha oportunidade”.

Velai unha escolma dalgunhas das palabras e das voces que falan nese monográfico. E unha sorpresa ao final para todos vós.

Xosé Neira Vilas (Gres - Vila de Cruces, Pontevedra): “Galicia perdeu coa emigración. Perdeu enerxías. Íase a xente moza, emprendedora, audaz. Quedaban, en xeral, vellos e nenos, eivados e preguiceiros. E quedaban os ricos, que non precisaban ir lonxe para vivir ben, e parasitaban aquí comodamente. Pero de rebote a emigración tamén trouxo beneficios. Non só nos aforros dos emigrantes que posibilitaron que vivisen algo mellor as súas familias, posibilitaron desempeñar unhas leiras ou redimir uns foros ou que os fillos estudasen na Universidade, senón que nos chegaron formas de vida, xeitos de ver o futuro, trescentas escolas, arranxo de camiños, fontes e lavadoiros, restauración de igrexas e ata ideas de progreso, estatutos para sindicatos, normas de hixiene, cemiterios civís...”.

Edmundo Moure (Santiago de Chile): “Nós, os fillos de galegos que tiveramos o privilexio de coñecer o achado da Cultura galega, íamos poñer os nosos pulos vitais na reivindicación da lingua e das auténticas tradicións: as que nos distinguen e dignifican, xa non coma administradores da nostalxia, senón coma artelladores, cara ao futuro, dun patrimonio dinámico e transcendente, única herdanza das xeracións que nos precederan e, asemade, a única proxección posíbel nas canles dunha universalidade respectuosa das identidades culturais… Ben o escribira o noso poeta López Valcárcel:

“Gracias quero dar
pola xuventude e polos sentidos.
polo loureiro e o trigo,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive…”

Eu tamén agradezo, aos nosos antergos e devanceiros, aos fieis penates, deuses lares do fogar, por este galano agromado co sangue do tempo e coa suor de incontábeis mulleres e homes que trouxeran o lume e a palabra a este máxico recanto de Chile. Non é pouca a responsabilidade de manter o facho, máis é grande, sen dúbida, a nosa vontade. ¡Terra a Nosa! ¡Lingua a Nosa!”.

Farruco Sesto (Caracas): “Onde comeza e onde remata Galicia? En que ámbito se constitúe? Nun nome, nun territorio, nunha configuración política, nunha saudade, nunha bandeira, nunha intención, nun recoñecemento de iguais, nun signo, nun destino, na marca dunha sorte de conxurados? Houbo algún tempo no que a procura de respostas claras fixo aflorar poemas que reflectían as mareas internas”.

Xavier Alcalá (A Coruña): “Cando recibín o convite para publicar en reNOVA GALIza, unha vez máis na vida sentín a gratitude que me causa o ser ben recibido polos emigrantes galegos. Curiosa a miña vida: eu son inmigrante nun país de emigrantes, e estou casado cunha inmigrante de país de grande inmigración, a Arxentina. Para rematar, cheguei a ter tres fillos emigrantes, dos cales por fortuna só queda un fóra (precisamente en Cataluña)”.

María Rosa Lojo (Bos Aires): “Tempo atrás, nunha das multitudinarias feiras do libro de Bos Aires, atopei unha colega e amiga, Silvia Bemamán, profesora de Letras, nun espectáculo de música galega (tocaba “Xeito Novo” o “Sete Netos”). Aínda que a música celta, nunha cidade cosmopolita, atrae a públicos de abondo diversos e non só a quen teñen esas raíces culturais, sorprendeume gratamente o interese de Silvia, que era até onde eu sabía, de familia xudía sefardí, procedente de Marrocos. Díxenllo. “Pero cómo -contestoume coa maior naturalidade-. ¿Non sabías que nós tamén somos galegos?” -“Como que galegos? ¿Non eran marroquinos?”. -“Só dende que nos botaron, na época dos Reis Católicos. Pero sempre gardamos a chave da casa de Ourense. Todo o galego me conmove. Nós seguímonos sentindo xente de alí”. Cinco séculos non son nada, podería dicirse, parafraseando o tango. Non o eran polo menos para eses nómades de Sefarad, que conservaron non só unha chave senón, a diferencia de Sarah, a memoria viva, permanentemente actualizada, dese entrañable lugar de pertenza que non quixeran perder”.

Xavier Queipo (Bruxelas): “Quixen dar unha visión que outros non dan por medo ou conservadurismo (as dúas caras da moeda). Unha visión polémica, supoño, no que respecta á valoración do voto dos emigrantes, pero bastante canónica no fondo. Na fin, xa ven, pasei dunha aproximación colectiva a unha aproximación individual. Se cadra isto é un signo dos tempos, onde a literatura testemuñal está tan de moda. Como fun explicando na sección segunda deste testemuño algo aprendín en cada afastamento, en cada emigración en cada exilio. Espero que estas aprendizaxes me valan para un futuro que quero de felicidade e descanso”.

Marga do Val (Tui / Ober-Hibersheim): “Sei que traspaso na miña liorta coas palabras os límites do pasado, furo o aquí e o agora e o acolá que foi en tempos Alemaña e agora un pouco meu. Sei que o futuro non existe máis que como unha evocación do aquí e agora, como unha construción, e non acepto a resignación do mesmo xeito que condeno a crenza en frases lapidarias, estereotipos, que nos condenan como pobo que acepta: Non somos nada e o importante é ter saúde. Renego desa afirmación. E cada día, mentres unha nova palabra alemá se asentaba na miña vida recobraba as palabras de meu, acochadas e gardadas como con medo, ocultas entre todos os xenéricos. Volver escoitar o papafigo e atopar acolá quen imite o seu canto deume a clave definitiva de cal é a miña patria. Creo e afirmo, como Thomas Mann, que a miña patria é a lingua. A lingua que me identifica como pertencente a un pobo, a lingua a través da que aprendo outras linguas, outros códigos, esa lingua que revive nas palabras que nos revitalizan cada día. E iso debe ser o que nos comunica a través das nosas fronteiras elásticas, o que nos conduce contra o global e no global. Sermos pola lingua que nos nomea, sermos patria ou nación, coa palabra que nos dá vida: Galiza, esa lingua. Mais sabedes? Na equipaxe da miña valixa vai xa prendidiña unha ponla de malvadolor, eu que herdei as mans máxicas da miña avoa, por iso quero o seu nome”.

Miguel Allo Vázquez (Bruxelas): “Onde se acaba o territorio galego? Poucos lugares no mundo visitei onde non coñecese un galego. Miña nai sempre me preguntaba cando volvía dunha viaxe: A que atopaches un galego por alá? Non podo falar dos galegos que vivimos fóra sen falar da morriña. Lémbrome, cando era pequeno, ao final das vacacións, ter que deixar a miña terra para volver a Bélxica, era un calvario. Unha vez na autoestrada de Castela, xa non estaba na miña terriña, dicíalle aos meus pais: isto que é, ha de haber indios por aquí? Nese momento preciso empezaba a morriña. Enfermidade da que aínda hoxe non atopei o remedio e non creo que exista. Son fillo de emigrante e algún de vós ha de dicir, que como pode ter morriña un fillo de emigrante. A única explicación que eu vexo é falar da memória colectiva do noso pobo que rexorde nun momento dado na vida de moitas persoas. Na miña casa, meus pais falaban o galego entre eles, o raro é que lle falaran en castelán aos seus fillos. Facíano polo noso ben, claro. Dicían : En la vida, os ha de hacer más falta el español que el gallego. En parte tiñan razón: o traballo que fago na actualidade podo facelo porque falo o castelán. E con todo iso, cando chegaba á Illa, por exemplo, eu queria falar o galego cos meus amigos. Parecía que a miña personalidade cambiaba co idioma que elexía para expresarme. Para min, iso ten tamén a sua explicación. O idioma vehicula a cultura e a maneira de ser dun pobo”.

Ruy Farías (Bos Aires): “Hai un tempo, parolando con Antonio Pérez-Prado, o autor de Los gallegos y Buenos Aires2 , pregunteille qué era el: ¿arxentino? ¿galego? ¿galaicoarxentino? Contestoume “Son un galego ectópico”. Antonio, que naceu en Bos Aires de pais de Parga e Baamonde, considérase un galego criado fóra do útero de Galicia. Como unha homenaxe a quen o acuñou, nunca emprego ese termo para identificarme como o que son. Arxentino con ascendencia paterna vencellada ao país profundo, mais tamén fillo de nai galega, o meu xeito de responder á mesma pregunta non se afasta, porén, moito daqueloutro: son conscientemente galaicoarxentino, e pertenzo tanto a un lugar como ao outro”.

Tamén din o seu Ignacio Ramonet (París), Suso Mon (Barcelona), Ramón Chao (París), Fermín Bouza (Madrid), Constanza Tobío (Madrid), Luís Calvo Salgado (Zurich), Carlos A. Salgado (Roma), Olga Nogueira (París), Manuel Casal Lodeiro (Barakaldo), Elixio Rodríguez (México), Emilio Marí Solera (Barcelona), Paz Noya (París), Xelís de Toro (Brighton), Verónica Codesal (Bruxelas), Xesús Gómez «Miño» (Montevideo), entre moitísimos outros. E tamén Acedre, Marinha de Allegue, Kiko Novas, Rabudo, Veloso, Manuel Gago, Calidonia, Parzival, Sihomesi, Mr Tichborn, Eduardo Estévez, Xavier F.M., Xose Anton Vicente Rodríguez, Manuel Casal Lodeiro, a Ciberirmandade da Fala. A todos vós, que con tanta amabilidade responderon as miñas preguntas para este artigo, moitísimas grazas! E aos que tamén o fixeron para outra nota que xa poderedes ver cedo, tamén grazas!

5 comentários:

paideleo disse...

Gracinhas a ti por manter viva a chama de Galicia acesa.

torredebabel disse...

Acedre!!!!!!!!!!!!! non podo creer que xa esteas de novo por acá! QUE ALEGRIA TAN GRANDE! botabamosche de menos!

Anônimo disse...

Identificome muito co que di Miguel Allo Vázquez.
Gracias, queridiña por traernos sempre cousas que chegan o corazón.

Anônimo disse...

Mil gracias linda, pola mención e polo presente que tes sempre a Galiza alén do mar...

Unha aperta grandeeee.
:)

Da sibeira e do cuarto disse...

Devólvoche a visita, felicitándote polo teu galego e pola túa convicción malia estar a 12.000 quilómetros.