6 de out. de 2010

A embaixadora

.

De cando en vez, penso que estaría ben iso de ter unha relixión. Dende logo, non é algo que podes mercar na tenda ou decidir que hoxe ou mellor mañá teño fe. Pasa ou non pasa e eu veño sendo desas ás que non se lles da. Fago moitas preguntas e non me vale calquera resposta. Por riba, cando o motor das cousas é o medo ou a culpa xa non me parece ben (ides desculpar a miña deformación psicanalítica... cousas que ten vivir en Bos Aires).


O caso é que esta mañá de primavera lembraba canto ría eu cando o meu avó se cagaba en dios e miña avóa, desesperada e nun mesmo movemento, berráballe prometéndolle o lume do inferno e ollaba ao ceo para suplicar que o perdoasen, que non o escoitasen, que non era malo.


O curioso é que ela mesma, tan piadosa como era, tan crente (deses fieis sen dúbidas nin débedas), guindaba maldicións e xuramentos, mentres cuspía cara ao ceo, a ese mesmo deus ao que tanto medo e respecto podía terlle.


Gustábame moito ese vínculo que a miña avóa tiña -nos últimos anos- con deus, co seu deus, o dela. Ou o de todos. O caso é que nesa relación tiñan sitio a fe e o amor mesmo que o medo, a seguridade de saberse protexida e coidada, ou a carraxe. Deus, para ela, era alguén achegado e amoroso mesmo que esixente. O deus da miña avóa tiña sentidiño cando pedía e moita xenerosidade cando daba.


Ela pensaba que se deus era tan bó con ela debíase, sen dúbidas, a unha embaixadora que tiña: a Virxe do Carme. Claro que non refería á virxe en si mesma senón á súa virxe do Carme: a que ainda está (penso) na capela de Nigueiroa, en Bande (Ourense). Moitos anos pasou ela vestindo á virxe, peiteándoa, enchéndoa de flores e ollando para ela. Pensaba a miña avóa que aquela amizade tecida cos coidados a esa boneca non entendía de emigracións ou de diáspora. De feito que sempre seguiu falando e rezando a aquela virxe que, seica, éralle amiga e compañeira.


A virxe deulle os catros fillos que lle pediu (dous homes e dúas mulleres, porque a miña avóa sabía o que pedía). A virxe devolveulle o fillo que marchara á terra facer a mili. A virxe escoitábaa, dáballe resposta e, se non era quen de dar cumprimento aos pedidos da miña avóa, tiña -dende logo- unha boa explicación. A virxe foi presencia e amizade, coidado e seguridade.


Cando fun por vez primeira á Galicia fixen dúas fotos na capela de Nigueiroá. Non había daquela as cámaras dixitais de xeito que volvín a Bos Aires con papeis coloridos nos que as formas falaban de xentes e de sitios, de amores, de tristuras e de dores. Viu as fotos a modiño, unha a unha e fancendo comentarios sobre o moito que cambiaran as cousas ou as xentes. Pero ao chegar ás dúas fotos da Virxe, soubo que era para ela. Bicounas e gardounas. E logo, fixo un cadrino para a mesiña da cama. Coma quen garda a foto dunha amiga. Dunha compañeira.


.

9 comentários:

Anônimo disse...

A túa avoa era unha galega universal, desas que gardan o lume da cultura para as xeracións que han de vir. Desas que deixan a súa herdanza en vida: o patrimonio inmaterial.

Umha aperta

SurOeste disse...

Canto tempo Torre de Babel, e que pracer volverte ler de novo.

torredebabel disse...

Graciñas Jorge! certamente que era unha galega universal e, ainda sen ter estudos nin libros, soubo sementar conciencia e indentidade cunha potencia que xa moitas institucións e estados desexarían!

Ola SuOeste!! xa ves, sae un a dar voltas, mesmo pode marchar algo da casa, pero sempre volvemos ao sitio no que somos e no que viven as xentes que queremos. Bicazos!

Eduard a 39º 51' 14.57" N - 4º 12' 09.35" E disse...

Que ben voltares!

Saúdos dun catalán en Compostela!

Antón de Muros disse...

Ola, Débora!

O meu avó era moito máis democrático, cagabase en deus (con perdón) e tamén no demo ;-)

Por certo: a curmá do meu pai é quen coida das flores na capela de San Xián de Torea (Muros)

Unha aperta e benvida!

Antón.

torredebabel disse...

Graciñas Eduard pola benvida!!!!!! e Graciñas Antón pola historia do teu avó. Dame certa admiración a xente que pode cargarse nas cousas nas que cree, é dicir, ser quen de amar e de temer mesmo que de rifar.
Vémonos o sábado!!!

paideleo disse...

Sempre hai unha relación de amor e odio co máis sagrado. Sobre todo en xente crente.
Aínda lembro á bisavoa Celia visitando a miña casa que lle gustou. O único que non lle gustou é non termos un crucifixo por riba da cama. Pero, claro, istoda relixión non vai conosco.
Benvida de novo a este mundiño !.

torredebabel disse...

Ola paideleo!!!!! que bonita a historia! os meus pais ainda tiñan o crucifixo por riba da cama. E nin falar dos meus avós e tíos... penso que a miña irmá e mais eu somos a primeira xeración que non o ten.
Apertísimas!

Paz Zeltia disse...

que historia máis bonita contaches da tú avoa. Recórdame a miña nai...
claro que ela nunca se cagaría en deus nin na virxen. Eu esperei a que morrera para facelo, desafógame moito :D
[o meu pensamento é coma o teu neste tema da relixión e a fe... con todo non vivir en Buenos Aires!]


Un saúdo, dende A Coruña.