28 de out. de 2008

Unha horta urbana

Ben mirada, a horta que a miña avóa fixo medrar na casa de Mar del Plata foi unha das moitas maneiras da resistencia. Resistencia á vida urbana que a levou da súa aldea. Resistencia ao barrio de clase media alta na que cada xardín semellaba estar concursando por ser o mais distinguido. E tamén resistencia á modernidade e xuventude das fillas e dos netos que preferían a herba lisa para asolearse nela ou para xogar. "Quite a horta, mamá -pedíanlle-. Metemos unhas flores aquí e outra alá". Pero ela argumentaba que flores xa as había abondo.

E non lle faltaba a razón. Porque na horta tanto medraban tomates e berzas, coma rosas e unha camelia vermella que nunca se adaptou ao clima frío e tan húmido daquela cidade. A horta achegaba e integraba a obriga do traballo, o seu rítmo cotián, o peso de non ser quen de fuxir del; pero tamén o goce do lecer, o tempo perdido (deixado) na contemplación dunha flor, as louvanzas apañadas grazas ao ramo feito na mañá.

Houbo horta en Mar del Plata mentres houbo enerxía para coidala. Erguíase cedo a miña avóa, co sol literalmente, a sachar nela, a extirpar as herbas, a trasplantar as plantas que saían onde nin debían, a apañar limóns ou tomates, a atar as ponlas cunhas cintas feitas esnaquizando calquera trapo.

Regaba e coidaba do que alí había cunha mestura de amor e tedio. Quexábase moito a miña avoa da terra que tiña metida nas mans todo o día, todo o ano, a vida enteira. Pero pouco facía por deixar de tela.

A horta esmoreceu. Gañaron as herbas lisas e as flores decorativas. A casa de Mar del Plata xa non existe. E -ainda que me visita en soños- eu boto de menos á miña avóa. Con todo, atopei unha horta. Está na fronte dunha casa vella, a tres rúas daquí. Mentres outros neste barrio porteño pagan sofisticados xardineiros, alí medran un mandariño e un limoeiro mesturados con azucenas e rosas e tomates. Lazos de pano rachado manteñen quietas as ramas bordando un caos de cores e de formas. É desequilibrada e farturenta. É unha horta preciosa.

12 de out. de 2008

Risos, bolsas e sombreiros

Non lle sei o apelido porque sempre foi Dona Rosa a de Senén. Senén non era o home senón o fillo. Ou pode que un dos fillos, tampouco o lembro ben. Home non tiña. Con toda seguridade. Semellaba viuva ainda que -por veces- podíase pensar que o marido se perdera dalgunha das maneiras nas que se esquecían daquela as xentes non queridas.

Todos a chamábamos Dona Rosa, os maiores e os neno. Só a miña avóa tiña licencias abondo para chamala Rosa. Tanto formalismo, con todo, derrubábase na súa presencia: dona Rosa era a mellor contadora de chistes do mundo. Non eran como esas bromas humillantes para alguén, desprezativas ou salvaxes. Ela o que facía era lembrar os paos da vida dun xeito divertido. E certamente moito rían as mulleres, naquelas visitas que facía á casa da rúa Aragón, en Mar del Plata.

Ademáis de encher as casas amigas de risos, Dona Rosa agasallaba bolsas e sombreiros. Nós tiñamos unha chea deles, moi xeitosos por certo para unha casa na praia, como era aquela na que pasabamos os tempos do verán.

Ela mesma os facía. Despedazaba as bolsas plásticas da leite en cintas que logo tecía con coidado, atendendo aos colores e formas. Os chapeos tiñan xenerosas abas que nos coidaban do sol e as bolsas tiñan usos varios. Sempre eran pezas en cores branco e azul, porque así eran os sachets que ela non tiraba. Onde vai toda esta historia... Hoxe chámanlle reciclaxe e hai quen pensa que o inventaron nestes anos listos que aprenderon ecoloxía no instituto e espelidos deseñadores de moda.


17 de set. de 2008

A saúde dos enfermos

A industria farmacéutica gasta case dúas veces máis en publicidade que en investigación.

Ibupirac cada seis horas se me doe a cabeza, ou o corpo.

No 2007, o total das vendas farmacéuticas mundiais medrou un 6,1%, até os 681 mil millóns de dólares. A publicidade converteuse nos últimos anos na parte máis importante do investimento da industria farmacéutica, por enriba da investigación. Dende 1995, o persoal investigador das compañías farmacéuticas líderes nos Estados Unidos (que conta coa maioría das empresas máis fortes do sector) diminuíu un 2%, mentres có persoal de márketing aumentou nun 59%.



Febratic cada seis horas se o neno ten febre.

Unha investigación realizada no 2006 pola asociación Consumers International revelaba que a industria farmacéutica gasta casi dous veces máis en publicidade que en investigación e desenvolvemento. Pero o máis rechamante é que o informe tamén evidenciaba a carencia de información pública en relación aos 60.000 millóns de dólares que gasta cada ano o sector na promoción de medicamentos.

Nebulizacións con dez pingas de salbutamol cada catro horas se non podo respirar.



Dende que as empresas farmacéuticas non poden facer publicidade directa de medicamentos con receita aos consumidores da Unión Europea, os seus intentos para promocionar os seus produtos volvéronse máis enxeñosos. Utilizan puntos neurálxicos como grupos de pacientes, estudantes e farmacéuticos, xunto con tácticas publicitarias moi estudadas, e podería dicirse pouco éticas, usando sobre todo Internet a través de foros o de páxinas web de información sobre os medicamentos.

Efedrina cada catro horas para a gripe.


Ademáis, as empresas botan man dunha gran variedade de técnicas especiais cuxo obxectivo é o mesmo: aparentar que ofrecen toda a información dispoñíbel sobre as enfermidades “modernas” (sobre todo as chamadas enfermidades de estilo de vida, tales como o estrés ou os malos hábitos alimenticios), e crear demanda entre os consumidores que esixen solucións doadas e inmediatas
a esas doenzas. *

E todo sen ir ao médico.

* ANOSATERRA Nº1.323
5-10 de setembro de 2008

1 de set. de 2008

Milanesas

Se llo preguntades a calquera neno. Se llo preguntades ao primeiro home que camiña pola rúa. Se llo preguntades aos camareiros afeitos a apuntalo na memoria. A comida preferida neste recanto do mundo non é nin o asado, nin as empanadas do norte, nin o cordeiro patagónico, nin as pastas ou a pizza. O que todos queren, o que sempre se pide, o que sempre temos no freezer son as milanesas.

De vaca ou de pito, as milanesas non son máis cunha lámina de carne bañada en ovos e logo en pan esmagado para, finalmente, fritilas no aceite dun lado e do outro. Hai quen escolle facelas de bola de lomo e hai quen merca só cuadrada. Hai quen as fai da pata do pito e hai que non as come se non son do peito, aquí chamado pechuga. Na casa, os ovos mesturábanse con leite para non gastar tantos. Outros tamén empregan fariña e hai quen adoita condimentalas con allo, perexil e pementa.


As milanesas cómense con patacas fritidas, para ben ser. Pero cun puré de patacas (ou de patacas con cabaza), cunha ensalada ou mesmo só con ovos fritidos tamén vai. Se se lle mete tomate, xamón e queixo por riba e se quenta no forno, chámase milanesa a la napolitana. E nos tempos da vida light, existen as milanesas de soja, as milanesas que non se cocen no aceite e tamén as milanesas de peixe.

Os meus nada sabían das milanesas cando saíron do Porto de Vigo. Por iso, cando chegaron ao comedor do barco para cear e atoparon ese anaco de carne envolvido en pan, Pepe achegouse á nai e aos irmáns pequenos e dixo alporizado: "Non comades isto que é carne de cabalo!!". Logo, explicou que vira como algúns cabalos eran subidos ao barco e por iso -deduciu el- aquelo que tiñan diante nos platos non podía ser outra cousa que a carne dura deses animais, disimulada co pan.

Os pequenos, coma sempre, non atenderon aos seus razoamentos nin indicacións e comeron canto quixeron do asunto ese que sabía de perlas. Pero a nai non. "Cachicha! eu non quería comer carne de cabalo!!", lembraba décadas despóis Gerónima o noxo que sentiu coa idea de meter aquelo pola boca. Ainda tiña algunhas semanas por diante, de agua salgada e paciencia, para chegar a Bos Aires e saber das milanesas.

21 de ago. de 2008

A lenda do Bar do Galego

Na época na que don Emilio Sangil mercou o bar no que ainda traballa, Palermo era un barrio de obradoiros e fábricas, de xentes de acordar antes que o sol e de marchar cando xa é noite. Ninguén podía saber daquela que catro décadas despóis, todo mudaría tanto.

Pode que por iso, dixo que non. E con só tres letras deu comezo a unha lenda. A lenda do Bar do Galego. Convídovos a coñecela.

O conto di que un empresario máis que millonario mercou todas as casas e propiedades que se atopaban ó redor das súas oficinas e non deu crédito cando o seu avogado contoulle que o bar da esquina non se vendía.

O empresario mandou entón ao seu socio que deixou no bar un cheque asinado pero sen números. Que o dono puxese a cifra que considerase abondo para pagar o solar. Pero o home, un vello, non vendía.

Farto, o empresario foi el mesmo onda o vello. Falou, argumentou, seduciu, convidou, ameazou. E nada.

O Bar do Galego, tal o nome que leva a falla de nome ou dun nome menos claro, fica na rúa Bonpland e Honduras do barrio de Palermo. E a lenda é tal real como o propio bar, o propio dono e ese non de seu.


Hai dez anos, o empresario Eduardo Eurnekian foi beber un café alí. Levaba un maletín cheo de dólares (entre 800 mil e un millón). O bar non valía tal, pero o empresario non aturaba que o vello galego non llo vendese.


O galego chámase Emilio Sangil, ten 78 anos, e chegou á Arxentina nos anos 50. Din os veciños, que Sangil -diante daquel maletín cheo de cartos- respondeu: “Antes de venderlle este bar a vostede, fágolle unha praza aos nenos do barrio”. E non vendeu.

Contan que ainda hoxe, de cando en vez, alguén que non coñece a lenda, quere saber se o bar está á venda. “Aos meus 78 anos, non teño interese de vender, a esta idade non quero máis aventuras”, dixo Sangil á prensa. E engadiu: “Este bar é unha parte da miña vida”. Unha vida que non se vende, nun mundo no que todo ten prezo.

21 de jul. de 2008

Máquinas de sandar

Busquei no diccionario, coma sempre fago ao escribir, se a palabra quirófano estaba ben escrita deste xeito en galego. Estaba, certamente. O caso é que na frase que se engade como exemplo para reforzar o sentido di: “A operación foi sinxela: só estivo media hora no quirófano”. Eu estiven en total tres horas e media. Foi o venres. E penso que o tempo de estadía non sempre será sinónimo de complicación.

A primeira vez que entrei nun quirófano foi para parir ao meu fillo. Daquela, pensaba eu que parir é parir e as cesáreas son un xeito de nacer pero non de parir. Agora penso distinto. Foi en setembro do ano 2004, o hospital non permitía que os homes acompañasen ás mulleres nunha cirurxía desta clase pero a doutora Ortega permitiu que o pai de Santiago -e o meu anxo da garda- estivese alí, apertándome, dándome azos, dicindo que todo estaba ben.

Os médicos escoitaban música. E falaban. Cotilleaban sobre alguén, rían. Coma calquera no seu traballo, digo eu. E a min chamoume a atención tanta normalidade.

O venres estiven soa. Non era unha cesárea, non había neno, non estaba o meu home, e eu tiña moito moito medo. Unhas instrumentadoras colléronme a man. Un contacto humano, unha maneira da compaña. O cirurxano dixo que non era nada, que se cadra podía marchar á casa esa noite. E chiscou un ollo.

Toca agardar. E andar con coidado co brazo esquerdo. O malo do ateísmo relixioso e científico é que, claro, vemos máis aos homes e ás mulleres que aos todo-poderosos médicos que nos poden salvar a vida. O bo do ateísmo relixioso e científico é que había homes e mulleres aos que ver. E non só máquinas de sandar.

26 de jun. de 2008

>>>>>> Sabiduría

Ela non o sabe. Non-o-sei. Pensa un anaco pero non o sabe. Se cadra, sorprendeuna o tío coa pregunta. De onde sairía? Non o viu chegar. Pode que non chegase, claro. Pode que estivese alí sempre. Hai cousas que están sempre. A rúa está sempre. Os coches tamén. O cartón non e a xente tampouco: hai días que está e outros que non está, e así. Onte a vella da casa amarela non estaba. Ela sí que non estaba. Porque se está sae, e se non está, non sae. Eu deixo o carro na beira do bulevar, achégome e ollo pola fiestra. Ver non se ve nada, pero ela veme a min. Dalí a pouco sae cos cartóns. Ola, di. Eu digo ola tamén pero non me sae moito volume. Ela fala forte, a vella da casa amarela é como a radio do Diego cando lle dan á rodiña da voz.

Non sei o que di este home porque fala moito e eu pérdome. O cartón tamén é como a xente. Ás veces está. E outras non. Se chove non, porque non vale mollado e os do camión non o mercan. Ela sabeo todo do cartón: sei atopalo no lixo, sei desarmar as caixas e sei dobralas e amorealas. Sabe chegar a primeira á porta do Carrefour e remexer nos colectores. Sei adiantar na avenida co carro moi rápido, moi rápido, e non me importa se o bandullo se pon duro. Eu sei chegar a primeira e encher o carro dos mellores cartóns.

Cantos anos tes? Ela di que trece ou así. Non dí que non se lembra. Queres o neno? Ela non o sabe. Non-o-sei. O home tira dun peto da chaqueta un pequeno cartón branco. Esténdello e como ela non fai aceno de collelo, pousallo na man. Dille que o pense, que son moitos cartos, pero ela non sabe o qué ten que pensar. Olla o cartón branco e os debuxos pequenos que sabe que son letras. Ela sabe que o cartón que vale é o gordo, a 20 céntimos o quilo. Tira a tarxeta e marcha. Ela sabe chegar a primeira.

Foto de Olmovich

10 de jun. de 2008

Tempos novos

Tocan tempos de cambios. Porque, ás veces, cámbiase con toda a intención. Pero outras cámbiase sen máis, sen vontade, porque toca, porque chega esa onda e lévase todo por diante.

Cambiar é nacer de novo. E tamén morrer un pouco. Cambia o vestido este blog. Entre outras cousas.

E xa que cambia, se cadra non estea mal enfocar nas orixes, no comezo. Para non perder o rumbo. Para saber de onde é que vimos e -se se pode- cara onde imos.

Este blog comezou unha tarde, nunha cúpula que aniñaba nun piso 11 no corazón da cidade de Bos Aires. E nada disto é lirismo. Quen sabe qué buscaba eu no google cando apareceu unha páxina. Unha desas chamadas blogs. Chamábase (e ainda se chama) O Cartafol de Silencios.


Anos despóis podería enunciar varias hipóteses sobre o que me pasou esa tarde. Ía chuvia. Pero non importa moito hoxe. Nin as hipóteses nin a chuvia. O caso é que volvín alí unha e mil veces e roubei un nome: os comentarios eran chamados Fíos Invisibles e eu atopeime nela. Abrin un blog con ese nome e metín unha cita de Manolo Rivas ao tempo que escribía a páxina do día no xornal. En castelán era esa frase. Eu daquela non era quen de escribir nada, nin tres palabras en galego.

Débolle a Sara Jess un nome e outras cousas. Débolle aos blogs a posibilidade desta lingua que era miña do mesmo xeito que o pode ser unha casa na que non se habita. E outras cousas. Débolle a cada visitante os minutos que pasou aquí. Á rede, os amigos que fixen. A todos, que me deixasen pasar, ser e estar. E débolle a este blog o prodixio de que o mar se faga máis e máis pequeno. E outras cousas.

23 de mai. de 2008

Un Nobel para as Avoas






A Asociación Avoas da Praza de Maio foi nomeada ao Premio Nobel da Paz, e a devandita candidatura foi aceptada polo Comité Noruegués do Nóbel. As adhesións resultan de suma importancia para que se recoñeza o incansable labor das Avoas na recuperación e vixencia do dereito á identidade no plano nacional e internacional. Podedes sumar o voso apoio á iniciativa a través desta campaña de adhesión, escribindo a nobelabuelas@gmail.com - incluindo o DNI- e tamén contribuír difundindo esta nova entre os amigos e coñecidos.

13 de mai. de 2008

Escolla

- Norma, sabés como se dice Santiago en galego?
- No, ¿cómo se dice?
- Santiño

Santiago ten tres anos, moitos dentes e unha lóxica clara e precoz. Ana é unha amiga da nai e fala galego. Ana chámalle Santiño. Logo, o seu nome en galego é Santiño.


- Ma, sabés como se dice Los Bolechas en galego?
- Cómo?
- Os Bolechas

Santiago entenden que existen moitas linguas. Coñece o castelán e chámalle gastellano. Coñece o galego e -malia vivir na Arxentina- chámalle galego. E tamén coñece o francés e chámalle "como dice Florence".


- Me leés este cuento?
- En gallego o en castellano?
- Mejor este en gastellano y Los Bolechas en galego.

Santiago escolle.

4 de mai. de 2008

Sopro de cultura galega

Para os galegos e as galegas, foi un motivo de orgullo. A posibilidade de deixar en claro que a Galiza é mais que morriña, comida, ondiñas veñen, ondiñas van. Para os locais e para os turistas, a ocasión de deixarse seducir por unha cultura cunha historia que é quen de conxugarse en tempo presente.

Hai quen pensa que -polo feito de estarmonos ao lonxe- os galegos da diáspora pensamos que calquera cousa que chegue da Galiza é boa en si mesma. Son os que só reparan niso que non temos: unha vida na terra. Son os que non lembran iso que sí temos: unha vida nunha megalópole chea de vida e de mundo (e de problemas, que tamén os temos).

Na 34º Feira do Libro de Bos Aires, a delegación galega deixou entusiasmo no ar e fame de máis.

Os escritores Francisco Fernández Naval e Ramón Caride Ogando visitaron a Sala Alfonsina Storni do café Tortoni para coñecer e falar cos integrantes do ciclo de literatura galega que alí se desenvolve. Os dous narradores e poetas achegaron un panorama da literatura galega da actualidade e salientaron a importancia da traducción para que os autores de Galicia cheguen aos lectores de todo o mundo. No remate da xuntanza, Fernández Naval lembrou que o ano antes, precisamente nesa mesma data, sabía na cidade de Bos Aires que o seu poemario Miño quedara co XXIII Premio de poesía Cidade de Ourense. Por iso, quixo compartir -nesta nova visita que o traía de novo ao mesmo sitio nos mesmos días- a lectura dun dos seus poemas.

A poeta Estíbaliz Espinosa encheu a sala Leopoldo Lugones na noite do domingo cun sopro fresco e renovador a forza de música, imaxens e verbas. Abriu a súa presentación na Feira do Libro cantando docemente e logo percorreu o que chamou as "teimas" da súa obra lendo poemas e tecendo con eles lembranzas e historias. A particularidade da súa obra e o encanto da súa ollada sacudiron os tópicos sobre a poesía e as rimas e perfumaron de audacia e enerxía os espíritos alí presentes.

De contado e no mesmo acto, a secretaria Xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou xunto co director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, a segunda edición do libro Polifonías cuios poemas foron lidos polas mulleres que integran o colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata. Sei moi ben que ningunha delas está afeita a falar o galego e sei ben canto esforzo e compromiso puxeron na preparación desa lectura pública. Vinas traballar coas fotocopias que conseguiron do libro ao longo de moitos días. Sei que leron nas súas casas cando quedaban soas e que -ainda cos nervios que cada unha delas levaba no corpo- gozaron dese fermoso protagonismo que moito merecen.

Un luns pola noite Eduardo Blanco Amor volveu a percorrer a cidade. Foi na presentación da reedición de La Parranda, a versión castelá de A Esmorga que o propio autor traduciu nesta cidade. O poeta Rodolfo Alonso, a escritora e investigadora María Rosa Lojo e Bará foron os encargados de lembrar non só a figura do escritor senón tamén a relevancia da súa novela e a actualidade que ainda ten, como sempre pasa cos clásicos. Antes de rematar, o funcionario presentou na Arxentina o portal Letras de Galicia que moito pode axudar á difusión da narrativa e da poesía galegas actuais que case que son descoñecidas nesta beira do Atlántico.

De Mos a Mos, Malvela ofreceu o seu último concerto na Asociación de Residentes de Mos de Bos Aires e alí fumos con Santiago a gozar un pouco da música e da simpatía destas mulleres e destes músicos que ofreceron felicidade intensa a todos cantos enchiamos o enorme salón dese centro galego. Como dixo unha das integrantes do grupo, se hai unha diferenza entre cantar na ducha e cantar como elas o fan esa diferenza ten nome e apelido: Uxía Senlle. Gozamos das Malvelas e gozamos da voz e da paixón de Uxía nunha noite intensa. E bailamos! sobre todo, Santiago.



Antes de marchar, Luis Bará tamén visitou o Tortoni e aos seus lectores galegos. Ao chegar, colleu un caderno e non deixou de apuntar -sobre todo- problemas, dificuldades e eivas. Soubemos todos nesa reunión que a única libraría galega que tiñamos na Arxentina e que funcionou ao longo de moitos anos no Centro Galego viña de pechar as súas portas porque "non daba ganancia", segundo os directivos da entidade. Foi de agradecer que Antón Rey pedise a palabra para falar tamén do que sí temos, do que sí facemos e do moito que disfrutamos todos desas tertulias.

Non foi o único que fixeron (abofé que non!). É só un percorrido polas actividades nas que eu estiven. E dende logo que todo sempre pode ser mellor. E non faltará quen cuestione e quen vexa nisto unha perda de cartos. Tampouco, como ben dixo Manuel Rivas, quen sinta arrepíos se a cultura galega sae polo mundo adiante ensinando o que ten. Eu quedei orgullosa e feliz. E non porque calquera cousa galega sexa quen de conmoverme. Só porque o que veu era moi bo.

18 de abr. de 2008

Proxecto Identidade

« Non hai nada nela que a faga inesquecible. Non ten, por poñer por caso, un deses narices que chegan antes que os seus portadores. Hai quen dí que os homes cunha saínte xenerosa teñen unha personalidade forte e encantadora. O que con toda seguridade teñen son anos de botar unhas boas malleiras a eses que rían deles na escola ou que rumoreaban alcumes que te mexas da risa. Todos a rir menos o do nariz que padece a burla ou agasalla cunha boa zurra ao enxeñoso. Así pode que gañaran a sona da persoalidade forte. É dicir, unha proxección dos paus dados sobre o seu estilo individual. Quén sabe... Pero no caso dos galegos destas terras australes, para o momento no que o naríz principia a colonización da xeografía da faciana, a infancia é unha lembranza e pouco máis. Da infancia dela non hai lembranzas sequera. Ela non fala moito diso. »


Así comenza a historia coa que respondín un audaz convite que chegou ao meu correo o día 5 de xaneiro. Levaba por título Proxecto blogomillo e remitía Besbe. Non sei se, de todos cantos deron resposta a esa mesma carta, haberá alguén que leve menos tempo ca min empregando a lingua galega. En todo caso, non é iso o que importa. Eu só quero agradecer a xenerosidade desa arma-danzas de cabelo rizado e ollar que sabe sorir. Quero agradecer o convite e tamén a honra de ser parte. Convídovos a percorrer o Proxecto Identidade aquí.

8 de abr. de 2008

A vida nas aldeas

«As aldeas están nun proceso de "reconversión" e, como en todo momento de cambio, nel conviven riscos e potencialidades. A inmobilidade do rural nunca foi máis que un tópico, dado que históricamente foron moitas as adaptacións realizadas e as mudanzas vividas, pero o proceso actual ten fasquías que parecen capaces de transfigurar definitivamente o mundo rural.


Como ten sinalado o profesor Ramón Villares, "se algo caracteriza ao mundo contemporáneo é esa transición dende unha civilización agraria, dun "estilo de vida" que os antropólogos teñen descuberto no mundo rural, cara unha civilización urbana, tercerizada ou pos-indutrial... o período contemporáneo constitúe, neste senso, un longo adeus, unha demorada despedida dunha civilización que xa non é".


O curioso é que "ese modo de vida que xa non é" é o que agora os neorrurais teiman en imitar en ocasións e o que os turistas rurais queren sentir durante unha fin de semana ao ano e o que, malia a todo, marca aínda a identidade do país.


Agora xa non, pero non hai moito tempo, en aldeas galegas como taraza, "había ducias de vacas varrendo cos seus rabos brancos as cunetas" (Rosa Aneiros). Teríalles gustado velo aos turistas».


Tres tempos nun só tempo: as aldeas en Galiza
Ana Cabana Iglesia
Arraianos VII - A vida nas aldeas